UN HORARIO EXTRAVAGANTE
A Galega informa, e con orgullo, de que na emisión do programa Libro Aberto da semana pasada, cando falaron do meu Spam, houbo 32.000 persoas diante da televisión ¡á 1.40 da madrugada!.
Incluso chega máis lonxe e fachendea dicindo que o programa de libros de Televisión Española, Extravagario, só ten uns 1000 espectadores, é dicir, un 0.6 de share diante do 12.9 do programa galego.
Agora, teñamos presente que Extravagario emítese sobre as 23.30, é dicir, nun horario máis ou menos razoable.
Daquela, ¿alguén pode explicarme, o por que dese horario extravagante do programa galego?
Se un día absolutamente miserable para ver a tele ( entre semana ) a unha hora absolutamente desgrazada ( de madrugada ), aínda así, ¡¡¡aínda así!!! o programa Libro Aberto é o máis visto de entre todos os que hai de literatura en España, alguén pode explicarme, digo, por que non se emite nunha hora razoable?.
Libro Aberto ten todo en contra. Día e hora de emisión. E consegue uns resultados que para si quixeran outros espazos. Daquela, a posible e reiterada argumentación de que hai que relegar a eses horarios noctámbulos os programas minoritarios e os que non interesan ao público, cáese, porque nin é minoritario e si, queridos e queridas, si que interesa.
Vexo os datos de audiencia e alédome porque o programa ben o merece
Acto seguido, deprímome. Porque a audiencia non o merece.
¿A que esperan para cambialo?
( E, por certo, este é o meu artigo 300 neste blog )
Referencias
Comentarios
-
E faltaba eu por verte... se non serian máis de trinta e dúas mil. Onde hai que asinar?
Noraboa polo número trescentos dos artigos, eu son máis modesto eo vou chegar axiña aos cen.
Vémonos o venres...Comentario de Xancin hace 3 años y 37 meses
-
Pois ánimo e a escribir. No blog e a partires do venres.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
Pois probablemente esperen para cambialo que se agoten os capitulos repetidos de Pratos Combinados, ou que os Tonechos collan vacacións, ou que non haxa partido de Copa do Rei....e pola tarde? pola tarde esta o INAMOVIBLE Xabarín Club. como ves, os da tele consideran moito mais importante iso ca a literatura......
Comentario de Sir Huskie hace 3 años y 37 meses
-
Desde logo. Onde estea Miro Pereira ou Tucho, que se quiten os libros.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
Mi ma, á 1.40... Mentres o resto de noctámbulos da península está a ver unha peli porno, os galegos prefiren un programa de libros!
Pero en fin, eu só quería dicir que este venres vai saír no programa de libros da televisión catalana Teresa Moure, falando de Herba moura. Ás 22.50, hora moito máis razoable que a de "Libro aberto", pero que seguramente por iso non vai ter tanta audiencia. Terei que propoñer que o emitan a partir das dúas da madrugada, así seguro que o ve media Catalunya
Comentario de Gemma hace 3 años y 37 meses
-
Ben por esa retranca, Gemma, e por Teresa Moure, tamén.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
Noraboa polos teus trescentos artigos. Que nunca deixe de soar a Canción do náufrago.
Hai uns días estiveron no Club de lectura da Diputación da Coruña os da Galega, a gravar un programa que se emitirá en Libro aberto. Todas e todos os alí presentes, clamamos por un cambio de hora na emisión. É incomprensible que convertan en inamobibles e repetitivos eses programas ramplóns, e castiguen de tal xeito á CULTURA que, con maíusculas, é do que carecen a maioría deles.Comentario de Amara Orzania hace 3 años y 37 meses
-
Por non falar de que Libro aberto é dos poucos programas da galega que un non pode ver na web da galega no espazo de Televisión á Carta.
Parabéns polos 300 comentarios.Comentario de X hace 3 años y 37 meses
-
É o que cómpre facer, Amara Orzania, seguir protestando, a ver se nos fan caso. E sobre o que di X, certo certísimo. Podes ver outros interesantes programas como Miraxes na web da Galega, pero Libro Aberto non.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
Benquerido amigo,
Andas un pouco trabucado cos números: Estravagario ten unha audiencia de máis de 100.000 persoas sempre (ás veces ten chegado aos 250.000 e ten acadado shares do 4,5%... iso si, cando vai detrás do fútbol ou doutro programa que arrastre á audiencia máis da conta).
O share obénse dividindo os espectadores que están a ver un programa entre o total dos que teñen prendida a TV, polo que é moito máis doado acadar shares altos entrada a moite (cando a competencia son as teletendas e as series menores) que entre as 22 e a 1 da madrugada.
Tes información dabondo na rede para comprobalo.
En calquera caso, manter 32.000 galegos a ollar un programa cultural perto das dúas da mañá é unha cifra excelente.
Noraboa polo que che toca.
Por outra banda, en Galicia non hai máis de 250 persoas con aparatiños deses que miden a audiencia (hai que activalo ao prender a tele, informar da xente que hai a ollala, se alguén se levanta descontalo -na teoría, claro-, etc, etc) e con esa mostra tan pouco fiábel, obtense a cifra teórica de espectadores. No 2009, co apagón analóxico, poderemos coñecer a cifra con exactitude. Namentres, teremos que nos conformar co que temos, que é máis ou menos como chupar o dedo polgar para saber a temperatura.
Saúdos,
Comentario de Xaime hace 3 años y 37 meses
-
Benquerido amigo: non estou trabucado. En calquera caso, a información saiu do gabinete de prensa da tele. Por outra banda, claro que Extravagario ten esa audiencia. Pero imaxino que cando a tele fai a comparación de audiencia, referirase á audiencia de Extravagario en Galicia. E seica son, din eles, uns 1000. Saúdos.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
A cuestión do horario que ten "Libro aberto" é un desastre, iso é algo no que todos estamos de acordo, pero pero pero.... como se pode xustificar que anuncien unha hora ( as doce e media da noite) na súa programación, para emitilo á 1:40 da mañá... tortura sicolóxica? tomadura de pelo? facer que Miro Pereira rep.rep.rep. teña unha audiencia que doutro xeito non tería? ir asasinando ao programa en cuestión aos poucos, a ver se a xente desiste de pedir cultura na TVG?... En fin, como xa te dixen, coido que Richard Harris touvo que penar moito menos en "Un home chamado cabalo", para ser visible no seu poboado.
Parabéns pola audiencia, e parabéns polos 300 artigos. Agardamos máis.Comentario de Rosa Velenosa hace 3 años y 37 meses
-
isto de manda-la programación cultural ós horarios do ostracismo vén de lonxe. case é unha frase feita esa que di que as películas de tres ou máis estrelas se emiten automáticamente ás quimbambas. preferiría que non fose así. pero tamén a xente é rara, como dirían os Doors. pense no horario de Crónicas Marcianas.
Comentario de brautigan hace 3 años y 37 meses
-
Imposible non estar de acordo cos dous.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
Enhorabuena por el número de artículos y por el libro.
Comentario de bradomin hace 3 años y 37 meses
-
Moitas grazas. Imos cara 300 máis, polo menos.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
Dou o meu voto para que o troquen de hora xa que (vou a ser sinceiro) por culpa de ese horario eu nunca o vin. Así que, Sres da Galega, xa saben o que teñen que facer. Eso ou darme un traballo con un soldo de 4000 € ó mes, en cuyo casa calarei a boca.
Comentario de Zebedeo hace 3 años y 37 meses
-
Non es o único caso. Moita xente quixera velo pero non aguanta ata tan tarde.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses
-
ben, o tema deste horario xa clama ao ceo. Non sei a onde nos podemos dirixir para reclamar con máis contundencia, pero logo de tantos anos dexando un programa así, que agora o poñan a un horario imposíbel, manda collóns (con perdón). Dende que comezou so o puiden ver tres veces...
Por certo, falando da TV, aproveito para recomendar o ensaio de Giovanni Sartori "Homo Videns", no que se analiza como está mundando o home por mor da tele... realmente desacougante, pero léese con verdadeiro interese, dunha sentada.
Saúdos
Comentario de Larvós hace 3 años y 37 meses
-
Collerei ese libro. De certo que hei alucinar coas súas conclusíóns. Porque a tele, a todos os niveis, cambiounos a todos.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 37 meses