Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

OS DOMINIOS DE CAÍN

Sobre o último libro de Xosé Carlos Caneiro


Veño de rematar a lectura do libro de Xosé Carlos Caneiro, Os Dominios de Caín, nos que o escritor de Verín nos dá a súa idea da literatura.
É difícil non concordar con el en case que todo.
En especial cando explica que hai que escribir para a eternidade, esquecéndose, como insistiamos esta mesma semana, de asuntos que nada teñen que ver co literario, como é escribir ( como ben explicaba un amable lector deste blog onte mesmo ) xa non para os rapaces, senón para os seus profesores.
Todos debemos tentar ser ambiciosos á hora de escribir. Caneiro teno claro desde hai décadas. Pódeche gustar máis ou menos. Pero ninguén poderá negar a súa ambición e o seu esforzo por facer literatura, desde Aquí, para a transcendencia. Precisamente como hai que escribir.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. faltoulle falar diso da Grande Novela Galega pendente de escribir e tal.
    mire, eu non creo que ese sexa o camiño. un non debe poñerse a escribir pensando en parir pola impresora un clásico "inmorredoiro" (aínda hai quen usa a palabriña). a miúdo as mellores páxinas saen cando non hai pretensións de escribi-las mellores páxinas.

    Comentario de brautigan hace 1 año y 22 meses

  2. Desde logo. Pero vamos por partes. Coido que cando Torrente Ballester soltou aquilo de que había que escribir a Gran Novela Galega, non lle fixo ningún favor nin á persoa que llo dixo nin á literatura. Hai que tentar escribir boa literatura. Aquí ninguén fala ( entre outras cousas, sería imposible ) de escribir Obras Mestras sen parar. Fálase, máis ben, de non parir "obras conxucturais" do sistema educativo ou dos valores pretendidamente estéticos do momento.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  3. dacordo no de escribir para os colexios. pero penso eu que non está de máis facer unha literatura actual (non só iso, pero tamén iso), que fale dos "tempos que corren", como se soe dicir.
    sigo concordando con Celati en que sobran (abundan, para non mover a malentendidos) escritores con algo aparentemente importantísimo por dicir.

    Comentario de brautigan hace 1 año y 22 meses

  4. Claro. E non hai nada peor qu eun escritor que coide que ten Unha Mensaxe Fundamental. Por iso falo de que o importante é a honestidade.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  5. É ben certo: a ambición ten hoxe moi mala prensa. Inxustificadamente mala, sobretodo, se non se aclara cara ónde se enfoca esa ambición. Sen ambición Ray Bradbury igual acababa de guionista de expediente X; ou Borges largando novelóns históricos deses que se venden no carrefur e len os domingueiros en Samil. Alguén dixo (mágoa que o meu maxín lembra as citas e nunca os autores):"so os que intentan o imposíbel conseguen o posíbel". Con toda a razón, supoño.

    Comentario de Larvós hace 1 año y 22 meses

  6. Moi ben traídos Bradbury e Borges.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  7. "Porque o reino da literatura, miñas donas e meus señores, afástanos do mundo. Equivócanse estes que aseveran que ao escribir un pode vivir moitas vidas. Falso. O escritor vive menos que o resto dos conxéneres. Porque o existir sempre está ao outro lado do cristal, na alameda, no parque, no bar, no asfalto, na terra, onde a xente respira de verdade, e goza, e crece, e sofre, e morre, e espera. Nós non somos os protagonistas da historia, somos os seus residuos. Os que miramos o outro lado das cousas para saber que aínda estamos vivos. Os que certificamos que a realidade e a ficción converxen unidas neste orbe miserable, neste espacio conquistado polo atroz liberalismo, pola vulgaridade, pola copia e a repetición constante. O tedio, sempre o tedio."
    Xose Carlos Caneiro

    Eu, que non son escritor (nin sequera sei escribir) penso que si e verdade o que dis Xosé Carlos Caneiro neste texto (eu concordo con el) como os residuos da historia os escritores deberían afastarse de analizala, somentes escribir e deixar que ela fale.
    ¡¡Se quere, claro!!

    Comentario de Rafael hace 1 año y 22 meses

  8. Desde logo, é unha maneira de ver a literatura. Aínda que haxa outras. O importante é que esa visión sexa honesta.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  9. Si, claro.
    Acabo de darme conta de que leído por un escritor que non estea de acordo, pode soar un pouco...como diría..¿Ferinte?
    O fin, a ninguén lle gusta que lle chamen residuo.
    No quería ferir susceptibildades, por suposto.
    E, coma moi ben dis, e una forma coma outra de entender as cousas, hai moitas mais, claro.
    Saudos e hoonestidade.

    Comentario de Rafael hace 1 año y 22 meses

  10. Eu non fixera esa lectura. Coido, Rafael, que no fondo tanto ti coma min entendemos a literatura igual: como a posibilidade de falar do mundo ( sexan a realidade virtual ou Buenos Aires, por exemplo ) tentanto, ao mesmo tempo, crear beleza.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  11. Que fai Caneiro igualándose con Faulkner e con Joyce? Como se pode falar tanto dun mesmo sen poñerse colorado, diormío? De que se queixa, de que non o trata ben o sistema literario? Pero se sae no Diario Cultural da RAG, escribe na Voz, levou premios a esgalla... E di que está fóra do sistema! Por que raja tanto dos escritores galegos que non lle gustan? Como se atreve a dicir que non lle gustan os poetas novos porque son de "aquí no pasa nada" e si que lle gustan as poetas? Está necesitado de cariño, ouh? Non di que o tempo coloca a todo dios no seu sitio? Se é un clásico, por que quere ser recoñecido agora? O deste homiño é patolóxico: sabe dios se non se cabrea porque non o enterran no Panteón de Galegos Ilustres...

    Comentario de Ai, ai, ai hace 1 año y 22 meses

  12. Eu non podo responder a esas preguntas, obviamente. O único que podo dicir ( e no meu post coido ser claro clarísimo ) é que leva toda a razón cando fala de escribir pensando na literatura, e non noutros asuntos paralelos que nada teñen que ver coa mesma ( o xa mil veces dito: que o libro sexa "aceptable" para os centros de ensino ). De todo o demais, coido que so o propio Caneiro pode, e debe, responder. Mais no que eu saliento aquí do seu libro, insisto, coido que leva razón. Outra cousa é na idea dos "mestres" literarios de cada un de nós e tal e tumba. Igual eu escollía outros. Ou coincidía noutros. Pero iso sería outro asunto diferente ao que eu trato aquí. Saúdos.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  13. Disculpa Francisco por utilizar o teu espazo para fins alleos (ainda que penso que non de todo) do que foi creado.
    O asunto e que precisaba axuda para traducir ao galego unhas tolemias miñas e non sei como facelo, no sei a donde dirixirme.
    Como verás (e como xa dixen algunha vez) o meu galego e noxento, e quería ter ben traducido un poemario que xa teño en galego, pero no meu, claro.
    ¿Ocurreseche que poido facer?
    Gracias anticipadas e desculpa o "asalto".

    Comentario de Rafael hace 1 año y 22 meses

  14. O ideal sería un traductor profesional, alguén da túa confianza que poida facelo ben. Porque tradutores automáticos hai a moreas, pero estamos a falar de poesía e, xa que logo, non valen. Ese sería o meu consello: procura alguén da túa confianza e que chos traduza. Unha aperta

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  15. Graciñas, Francisco.
    Tentareino por ese camiño.

    Comentario de Rafael hace 1 año y 22 meses

  16. De nada.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  17. é mui difícil entrar no teu blogue...
    Acabo de ler o livro e assaltam-me umha mancheia de dúvidas: por que o autor reduz a literatura ao gênero romance? Ti compartes essa afirmaçom de que a poesia chega mas a narrativa há de ser buscada? terá isso que ver com que afirme ter feito um mal livro de poemas (di-o ele, eu nom sei, que nom lho lim, mas sacou-me o interesse)? cómo pode queixar-se do seu escaso reconhecimento literário e ter o atrevimento de colocar na contracapa do volume toda essa nômina de insignes prémios? Por que nom se molha? Por que fala de que os autores galegos escrevem para os ensinantes/ensinandos e nom pom um só exemplo concreto? por que só ousa citar em negativo (no fundo, em positivo também) autores do sistema espanhol, revertesetc? Vai um pouco ao fácil, nom? Por que essa reiteraçom da autorreferência? por que insiste em guiar a leitura se diz escrever para pessoas inteligentes? Nom se fia de nós, leitores? Nom confunde totalmente alta cultura com cultura de massas -culturas ambas que existem de tempos e que há tempos convivem, se comunicam, se apreendem-? nom pretende competir um espaço que, polo que ele afirma, nom lhe é próprio?
    Nom sei, ainda que poda compartir moitas cousas que afirma na sua obra (essa leitura admirada de CarmenMartinGaite, por exemplo), nom creo que o tom seja o adequado. Há demasiada sobérbia a envolver, ocultando em névoa, reflexons que poderiam ser pertinentes...

    Comentario de má moeda hace 1 año y 22 meses

  18. Son moitas preguntas. E Caneiro debe respondelas, non eu. O que si comparto ( e, insisto, diso vai o meu post ) é esa idea de que hai que escribir literatura, pola literatura, non polos colexios. Despois, sobre as filias literarias de Caneiro, non teño nada que dicir. El ten as súas. Eu as miñas. En moitas coincidimos. E de certo que tamén con vostede.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  19. Tedesme aburrido con tanto Caneiro.
    Xa etá cambiade de tercio. Estou entre o que opinan que non ten calidade literaria. Así que xa está, da súa obra non paga a pena falar, e para falar de outras cousas tenme mais morbo os famosos do couche. E non este empapelado por santiago Rei.

    Comentario de lugo blues hace 1 año y 22 meses

  20. Vale, dígame vostede que obras de Caneiro non lle gustan e por que.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.