Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

PRESENTACIÓN DE SPAM

De seguido reproduzo o texto da nota de prensa enviada pola Editorial Galaxia sobre a presentación do meu libro, Spam, Premio Blanco Amor 2006. Será o vindeiro venres, na Casa das Palmeiras de Neda, ás 20 horas.


EDITORIAL GALAXIA PRESENTA O PREMIO BLANCO AMOR DE NOVELA 2006

SPAM
de
Francisco Castro

O acto terá lugar o vindeiro venres 6 de outubro ás 20.00 horas na Casa das Palmeiras de Neda


Acompañarán ao autor na presentación da súa novela, Xosé-Carlos Pita López, Alcalde de Neda, e Víctor F. Freixanes, Director Xeral de Editorial Galaxia.

Spam, aceda historia dun empresario que só pode romper a súa soidade no territorio virtual, é o título da novela coa que Francisco Castro conseguiu o último Premio Blanco Amor de Novela, convocado por 52 concellos galegos e dotado con 12.000 euros. A novela ten en palabras do seu autor "unha profunda carga irónica", recurso que lle parece idóneo na literatura "para facer moita crítica".

Fiel a este principio, o autor asegura que Spam -nome que recibe o correo lixo- é un libro que dispara os seus dardos máis mortíferos contra a vida empresarial e, máis concretamente, contra os departamentos de recursos humanos, que el considera "unha nova forma de escravitude", xa que desenvolven "técnicas habilmente deseñadas para explotar mellor ao ser humano".

Partindo na novela dos parámetros do mundo virtual, Francisco Castro pretende indagar na soidade da sociedade contemporánea. "Está protagonizada", conta o escritor, "polo director dunha empresa. Teoricamente é un triunfador pero, no fondo, é profundamente solitario. O seu único pracer é estragar a vida dos servos da empresa e a súa única relación co mundo sucede a través da rede, cunha webcam e o correo electrónico". Aparentemente, este directivo sádico e frustrado é o protagonista absoluto dunha novela "concibida desde unha atmosfera claustrofóbica, con tres únicos espazos: a empresa, o ordenador que el ten na súa casa e o mundo virtual da mentira electrónica que é internet".

O xurado do Premio Blanco Amor, resolto o 27 de maio de 2006 en Neda, concello que se encarga este ano da organización, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente".

Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas doses de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. O xurado estaba composto por Laura Caveiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Requeixo e Vicente Araguas. O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano un dos concellos encárgase de organizalo.

Francisco Castro (Vigo, 1966) é un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. Traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas.

En 2006 gaña o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que agora publica Editorial Galaxia.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. ¡Noraboa!
    Espero que se venda e guste moito. Non poderei estar alí, pero prometo ser dos primeiros en lelo.
    Saúdos.

    Comentario de r.r. hace 3 años y 38 meses

  2. Pois moitas grazas. A finais de semana xa estará nas librerías.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses

  3. ¡¡PARABÉNS, FRANCISCO!!
    Oxalá sexa un éxito a presentación e o libro sígao sendo.

    Comentario de Rafael hace 3 años y 38 meses

  4. Esperemos que si.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses

  5. Meu benquerido sensei acompañareino en espírito, Neda quédame un puco a desmán. En Vigo si que non faltarei.
    Parabéns e moita merda, que din os cómicos.

    Comentario de folerpa hace 3 años y 38 meses

  6. POis moitas grazas. Verémonos na presentación de Vigo o día 20.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses

  7. Pois eu ó mellor fago por ir.

    Comentario de Merlin hace 3 años y 38 meses

  8. Será un pracer, señor Merlín, coñecerte en persoa.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses

  9. Parabéns Fran!!! Que saia todo moi ben. Espero ter pronto a novela nas miñas mans e desfrutar da súa lectura como o fixen con Xeración Perdida e Río Leteo.

    Comentario de Chus hace 3 años y 38 meses

  10. En Vigo o día 20? Pois ata é posible que poida ir. Esta fin de semana xa estará a novela nas librerías? Moita sorte e os meus parabéns.

    Comentario de Veloso hace 3 años y 38 meses

  11. Toda a sorte do mundo para Spam e para ti. Moito exito. Moitas alegrías. E moitas ganas de que chegue o día 20 para darche os parabéns en persoa. Vémonos.

    Comentario de Rosa Velenosa hace 3 años y 38 meses

  12. Enhorabuena y muchos éxitos para ti y para este libro que comienza con la buena estrella de un premio.
    Si alguna vez lo presentas en el "país" vecino estaré allí.

    Comentario de gaia56 hace 3 años y 38 meses

  13. Grazas a todos polos vosos ánimos. O importante é que vos guste a novela. Apertas e bicos de corazón.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses

  14. Fran, gustaríame estar na presentación do teu libro. De feito, sentireime alí, pois celebro de todo corazón ese triunfo conseguido grazas a túa calidade de escritor e innovador. !Unha aperta e parabens, mestre! Estou desexando ler xa o libro.

    Comentario de Amara Orzania hace 3 años y 38 meses

  15. Deséxolle a mellor das fortunas coa súa nova obra.

    Comentario de X hace 3 años y 38 meses

  16. Parabéns Francisco, tratarei de estar presente en Neda pra darche unha aperta, e desexarche o mais grande éxito persoalmente.

    Comentario de E.F.B. hace 3 años y 38 meses

  17. Leereino en canto estea dispoñíbel. Nin imaxinas as "festas" que teño vivido eu cos RRHH. Qué fulanos. Están tan equilibrados que asustan. Eu sempre penso o mesmo: un tipos tan normais non poden ser normais. Unha persoa normal ponse nerviosa, enrusbece, suanlle as mans... ¿de onde carallo os tirarán?

    Comentario de Larvós hace 3 años y 38 meses

  18. Grazas unha vez máis. Oxalá poidades ir os da zona da Coruña.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses

  19. ¡Noraboa!

    Oxalá véndase moito! Saúdos

    Comentario de Manuel hace 3 años y 38 meses

  20. Oxalá

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009