¿COMO É QUE OS PROFESORES SOMOS CAPACES DE ESCRIBIR?

No libro do que vos falaba onte, hai unha reflexión interesante que aplicar ao Sistema Literario Galego.
Na páxina 11, FrancK McCourt explica por que non escribiu ningún libro antes de xubilarse.
As súas palabras son: Cando impartes cinco clases ao día, cinco días á semana, non volves a casa coa idea de despexar a cabeza e crear prosa inmortal. Despois de cinco clases, tes a cabeza chea do barullo da aula.
Leva toda a razón do mundo.
Daquela, nunha literatura coma a nosa, onde practicamente todos somos profesores, ¿como é que escribimos?, ¿ata que punto non se resinte a nosa literatura dese feito terrible que é o esgotamento inevitable que supón dar clase?, ¿non se di sempre que se hai un colectivo "queimado" ese é o docente?, ¿que acontece cando os que escriben, ademais, están queimados?
Referencias
Comentarios
-
creo que se resinte, pero moito menos do que debera. aquí, coma noutros lugares, case tódolos escritores teñen un oficio do que comen.
Comentario de brautigan hace 3 años y 39 meses
-
En efecto, pero iso, como xa discutimos un cento de veces, merma a calidade dunha maneira inevitable. Para escribir ou para calquera outra cousa.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses
-
seguro. de feito non acabo de ver ese pluriemprego como algo positivo para ningún dos dous empregos, en especial para o segundo, o das noites e festivos. pero non sei qué remedio poñerlle á situación. por acó hai demasiada xente con algo aparentemente importantísimo que dicir -é de Gianni Celati- todo o tempo.
Comentario de brautigan hace 3 años y 39 meses
-
Pois eu creo que a única solución viable neste momento é: ou ben adicarse só ó emprego que da de comer ou ben ter a suficiente sorte de facer un libro que teña unhas ventas impresionantes e que as editoriais che paguen tanto como para vivir. E se non só queda resignarse e seguir plurienpregado sacando dun terreo queimado a literatura coa maior calidade posible.
Comentario de Merlin hace 3 años y 39 meses
-
O pior, se non tiverades que dar clases, non saía o mesmo da cachola ¿Quen sabe?
Comentario de Rafael hace 3 años y 39 meses
-
Os tres aportades algo moi interesante, digamos, distintas perspectivas do mesmo. Sobre o que di Merlín, por moito que fagas un libro impresionante en galego, esquécete, aquí as vendes non dan para tanto...
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses
-
Estou de acordo en que facer as cousas -calquera cousa- ben esixe tempo, dedicación e unha mente "descansada", por dicilo así. Pero tamén lle vexo vantaxes á situación inversa. Explícome: en teoría, a mellor maneira de estudar unha licenciatura sería sen verse na obriga de traballar, dedicándolle todo o tempo ás materias, ás lecturas... Porén, na miña universidade vexo que as compañeiras que máis traballan, estudan e gozan do que fan, son mulleres de máis de trinta anos, todas co seu traballo fixo, e que van á universidade porque queren. Non sofren o estrés dos exames, e fan o que lles gusta.
Facer algo por vocación, e non para gañar o pan coa suor da fronte, é a mellor maneira de facelo, aínda que non teñas tanto tempo, nin tanta enerxía. Deberías considerarte afortunado por estares queimado!
Comentario de Gemma hace 3 años y 39 meses
-
Eu non penso que se resinta especialemente a literatura porque quen a escriba sexa mestre/a ou profesor/a... resentiríase igual se tivese outro traballo, ou mesmo quizais se resentiría moito máis...
Comentario de Pés-de-náufragha hace 3 años y 39 meses
-
Evidentemente, cando se estuda por vocación, nunca fallan as enerxías. En calquera caso, non é unha actividade, digámolo así, "creativa". No caso da creación artística, o estress que pode causar calquera outra actividade laboral, sen dúbidas, ten que afectarlle. E, desde logo, hai traballos aínda máis contraproducentes para isto. Desde logo que si.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses
-
A non ser que despois cho editen en castelan e ata en outras linguas
. Pero por outro lado estou de acordo coas novas opinións, se se fai algo con gusto aínda que se esté cansado sae ben xa que por outro lado se o intentas facer a disgusto sae mal, e te das conta, ou ben non sae. Comentario de Merlin hace 3 años y 39 meses
-
a ver, aver, que hai algo que non me cadra: qué carallo terá que ver (alomenos forzosamente) a profesión de profesor coa escrita dun libro?
Comentario de brautigan hace 3 años y 39 meses
-
Evidentemente, que che publiquen noutros idiomas con máis mercado algo si que axuda. Sobre a pregunta de brautigan, non dou entendido, eu, que quere en realidade preguntar.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses
-
dicíao polo comentario de Gemma. pareceume entender que entendía o desempeño da docencia como complemento enriquecedor da escrita. non me pareceu un comentario nada afortunado, caso de xeralizar. supoño, agora, polo final do seu comentario, que o que quere dicir é que debe tomarse ésta, a escrita, coma algo lúdico. iso xa o vexo mellor, e non viría nada mal por acó (cando digo acó enténdase Galicia, se non se di o contrario no contexto). pero non sempre é doado.
Comentario de brautigan hace 3 años y 39 meses
-
De acordo, aclarado. Un saúdo.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses
-
Falades como se os mestres trabalhássemos em jornadas laborais de 10 horas. Eu, pola contra, e falando como professora (claro que contente com o seu trabalho), penso que nom há profissom como a nossa para qualquer pessoa que tenha inquietudes artísticas, qualquer que fosse a arte. Ter trabalho estável (lembrai em que mundo vivemos), umha boa soldada e tanto tempo de descanso (que quase sumamos três meses de férias...!) permiten organizar-se a umha pessoa que queira procurar o seu espaço artístico de expressom. Em todos os centros em que trabalhei me encontrei com companheir@s que se adicavam à música, à escrita, à pintura, ao desenho, ao cinema/televisom nos seus tempos livres... Nom penso que em outros grêmios a percentagem seja tam elevada (por algo será). Também pode ser que nom fossem as pessoas mais queimadas laboralmente, porque provavelmente umha ocupaçom lhes serve de válvula de escape para a outra. E ademais, mui importante, ter a tua vida ressolta no aspecto económico liverta de possíveis servidumes comerciais e permite procurar, e experimentar, sem a presom do nom-há-como-chegar-a-fim-de-mês, que semelha pouco artístico mas é assim.
Comentario de dedoscomovermes hace 3 años y 38 meses
-
Por iso dixen que hai traballos peores. Pero, insisto: calquera clase de actividade se resinte se un ten que dedicarse, ademais, a calquera outra cousa...
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses
-
Nom acreditas que é ao invês? nom acreditas empobrecedor dedicar-se em exclusiva a algo, o que seja, família, trabalho, escritura? Nom faz isso pessoas alheias e alheadas que podem nom ver além desse mundo em exclusiva no que vivem? Eu nom acredito nos escritores em exclusiva nem nos profesores em exclusiva nem nos nada em exclusiva. A vida require que lhe dediquemos tempo a desenvolver-nos em múltiplas facetas rodeados de pessoas diversas, imersos en conflitos diferentes, combinado espaços de relaçom heterogêneos e aprendendo-nos e conhecendo-nos na variaçom desse contacto. E sim penso que dessa cocteleira podem sair escritas muito mais ricas. Mas também pode nom ser assim... eu que sei...
Comentario de dedoscomovermes hace 3 años y 38 meses
-
Evidentemente, vivir dentro dunha cuncha non é bo. Eu refírome a que ( falo a nivel persoal ) cando estou mergullado no proceso creativo, cando non podo deixar de pensar todo o tempo nunha novela, nun personaxe, na procura da saída dun labirinto narrativo, etc... ter que poñerse a facer unha programación ou a corrixir exames... a verdade, frústrame desde un punto de vista artístico.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 38 meses