Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

PROFESORES DE CREACIÓN LITERARIA NA ESO


Veño de rematar a lectura do último libro de Franck McCourt titulado El Profesor no que refire as súas memorias como docente de secundaria en Nova York durante trinta anos.
O libro ábrese cunha foto de McCourt cando foi declarado Profesor do Ano en América.
Era o ano 1976 e el era profesor de Creación Literaria en Secundaria.
Agora, a pregunta: ¿por que non hai unha asignatura de Creación Literaria no noso sistema educativo? Os beneficios pedagóxicos non podería ser máis claros: mellora do hábito lector, fomento da imaxinación, desenvolvemento do criterio estético... Nenos e nanas lendo e escribindo, facendo poemas, encetando relatos. Entendendo o mundo desde a literatura...
No canto, fan integrais e derivadas e análises sintácticas e memorizan datas de nacemento e morte de escritores e trocean poemas e cuspen acontecementos históricos e...
Por unha vez, nos Estados Unidos fan algo mellor que por aquí.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Hai unha optativa denominada Obradoiro de Lingua Escrita que se achega bastante á creación literaria.

    Comentario de X hace 1 año y 20 meses

  2. Si, pero, polo que eu sei, non sempre o criterio que se usa á hora de enviar aos nenos a esa optativa é o seu gusto pola escrita. En moitas ocasións ( falo de casos que coñezo ) remítese aí a rapaces que non teñen fortuna nas matemáticas.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 20 meses

  3. Pois segues tendo razón. Parece mentira que nos Estados Unidos teñan esta asignatura cando parecería que boa parte dos seus habitantes foron educados para ser máquinas escravas do Sistema e no noso país non exista nada disto. As clases de literatura que se dan aquí limítanse a estudar datas e datos persoais do autor como o máis importante cando en realidade esa información só é complementaria. A lectura de textos non dá lugar á obxectividade xa que según moitos profesores só existe unha lectura váilda. E claro, como non, tamén é indispensable saber tódalas normas da métrica clasica, iso si, aínda que o alumno aínda non saiba ler ó dereito.
    E nas demáis asignaturas segue o mesmo problema, saber todo de memoria aínda que non se entenda. Pero iso da o mesmo para o Sistema mellor, saímos todos uns burriños que non sabemos pensar e cremos que todo está perfecto.

    Comentario de Merlin hace 1 año y 20 meses

  4. Os talleres de creación literaria poden ser perxudiciais para a saude mental, adoitan provocar que aos asistentes lles dea por ler e escribir de xeito incontrolado de por vida. O noso sistema educativo sábeo, por iso ten conta de nós.

    Comentario de Rosa Velenosa hace 1 año y 20 meses

  5. No fondo, tanto Rosa Velenosa coma Merlín están a dicir o mesmo, e, por suposto, concordo cos dous. Mellor un sistema que aprenda a memorizar ( e, consecuentemente, a esquecer ) que un que fomente a creatividade.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 20 meses

  6. Veredes, non comparto as vosas críticas. Primeiro porque os EEUU teñen moitas (realmente moitas) cousas boas, non só iso. A menos que nos guste instalarnos cómodamente nun antiamericanismo repetitivo.
    Por outra banda, penso que todos coincidimos en que o sistema educativo, tanto a nivel de Galiza coma estatal, é malo, ou incluso moi malo. Pero non penso que haxa que culpar a un sitema opresor que busque adormece-lo noso libre pensamento. Máis ben creo que é a nosa nula capacidade coma sociedade civil de exixir unha educación de calidade. Nós calamos, e a burocracia queda satisfeita. Por outra banda, se somos poucos ós que nos importa, e non tempos capacidade para influír na Administración, poderíamos iniciar eses talleres a través das Asociacións de Pais e Nais de Alumnos. Con frecuencia estas figuras cínguense á fiscalización das actividades do centro, o cal é importante, pero non esgota as posibilidades destas asociacións.

    Comentario de Iago hace 1 año y 20 meses

  7. Interesante comentario o teu, Iago. Desde logo, do meu post, e doutros que teño feito neste blog, non se pode deducr antiamericanismo. Outra cousa sería anti-Bush, que é outro cantar. Desde logo, a través das ANPAS, podería ser un bo camiño.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 20 meses

  8. Porque non vaia ser que co conto da creación literaria a algún se lle pase pola cabeza poñerse a pensar, amiguiño. Como dixo un dos da corda de Bush ós universitarios chilenos hai xa trinta anos: "aquí vienen ustedes a estudiar, no a pensar. Y al que le sobren fuerzas, que haga deporte". Pois iso.

    Comentario de r.r. hace 1 año y 20 meses

  9. No meu comentario non pretendía ser antiamericanista nen moito menos xa que creo que no fondo estadounidenses, españois, galegos ou chineses somos moi parecidos. Non, o meu comentario ía enfocado como ben aclarou Francisco, ó Sistema que rixe ós Estados Unidos e de unha forma ou outra ó mundo enteiro. E no punto no que sego sen concordar é en que si creo que en moitos casos, cando menos se non é un sistema opresor son as persoas que o dirixen, inténtase adormecer o libre pensamento das persoas. Ademáis, este punto vese, ou polo menos vexoo eu, manifestamente claro nas escolas.

    Comentario de Merlin hace 1 año y 20 meses

  10. r.r. e Merlín poñen o acento no mesmo. Moi oportuna a cita de Chile. Desde logo, o sistema educativo occidental non axuda a que os rapaces aprendan a pensar, senón a obedecer.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 20 meses

  11. Se me permitide-la broma, dun tempo a esta parte nin a obedecer ensina ;-). Ben, coincido en que o noso sistema educativo, dende a escola á universidade, non fomenta a iniciativa nin o desenrrolo persoal, senón unha sorte de embrutecemento que confunde formarse con acumular datos. Ata ahí estamos máis ou menos todos de acordo. O que eu digo é que non creo que haxa que botarlle a culpa a plans maquiavélicos para adormece-las nosas conciencias; trátase, na miña opinión, que nós, a sociedade, non lle damos importancia á educación, e iso é algo que se reflicte en cada faceta da educación académica. Todos coñecemos ós reponsables de Medio Rural ou de Vivenda, pero cánta xente coñece á conselleira de Educación? Cántos páis acuden ás reunións de pais e nais de alumnos? Cando un rapaz é castigado, a quén cre o pai, ó fillo óu ó profesor? E así podería seguir. A Administración actúa coma unha empresa encargada de xestiona-lo sector público; se nós, votantes-consumidores non lle exiximos nese campo, dela non vai sair a iniciativa, independentemente da cor política do Goberno. A todos se nos cae a baba ollando cara o modelo educativo nórdico, pero se o teñen foi porque os cidadáns deses países o reclamaron, aceitando unha carga fiscal máis elevada para acadalo. Iso é ser cívico; aceptar que che suban os impostos para acadar metas de ben común. Antes de seguir coa teoría da conspiración, eu pregunto: iso aquí pasaría?

    Comentario de Iago hace 1 año y 20 meses

  12. E que tal o libro?

    Comentario de Do 66 hace 1 año y 20 meses

  13. Coido que Iago explica perfectamente a esencia da cuestión. Despois de todo, o noso sistema educativo é a consecuencia da sociedade que somos. Nin máis, nin menos. Do 66: o libro non é ningunha marabilla,pero, cando menos, é unha reflexión intelixente, e moitas veces chea de humor, sobre a dureza do traballo de profesor. O máis interesante son, coma sempre, as historias nas que profesor e alumnos consiguen salvarse do naufraxio que, ás veces, é vivir.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 20 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.