Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

A LECTURA É UN PRACER FÍSICO


Google vén de montar unha librería virtual. Chámase Google Books e, na práctica, vén sendo o máis parecido ao que Borges soñou como A Biblioteca de Babel. Polo de hoxe non están todos os libros. Pero, non o dubidedes, estarán todos. Se Google así o quere, estarán. Virtualmente. Non os poderei tocar. Serán libros virtuais. Electricidade. E serán moitos os que non entenderán para que teñen que mercar un libro se o poden ter, en formato dixitalizado, na pantalla do seu ordenador.
E quen di isto di os audiolibros, outra tendencia recente e que cada vez prolifera máis. Velaquí, por exemplo, tendes unha ligazón á Illa do Tesouro de Stevenson convertido en audiolibro. Non hai que ler. Non hai que tocar. Abonda con escoitar.
Nas vacacións, como xa vos contei, levei un libro. Estivo nas miñas mans nos tempos mortos do aeroporto. Puiden lelo no hotel, coa fin do día. Sentei nos xardíns das Tullerías de París, á beira do lago, cómodo e relaxado para abrir o libro de Stevenson e viaxar con el Polos Mares do Sur. E o pracer era físico. Tocar o libro. Telo nas mans. Lelo en calquera sitio e momento. O mesmo pracer que entrar nunha librería de París e deixar marchar de vagar os ollos alucinados diante de tanto colorido e variedade. Outro tanto podería dicir do seu recendo.
A lectura é un pracer físico.
Un pracer que, como tantos outros praceres, rematará por desaparecer.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Encantanme os libros que cheiran a vello, deses que colles emprestados da biblioteca e candos os abres che fan esbirrar. Tamen sinto un especial pracer coa letra pequena e a exposicion tan sucinta dos libros de matematicas e fisica da vella editorial MIR. A MIR traducia libros da antiga union sovietica para Cuba e hai algunhas pequenas xoias.

    Comentario de mendinho hace 3 años y 39 meses

  2. Noto o teu entusiasmo,mendinho. A min tamén me gusta o recendo a vello, o papel engurrado, o papel cheo de po que mancha. Ao respecto do que contas dos libros de Fïsica e Matemáticas, téñolles moita tirria a esas materias, mais estou certo de que, de ter a man eses libros que dis, gozaría enormemente acariñándoos e sosténdoos na man como o que son e ben dis:alfaias.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses

  3. Comparto esa concepción da lectura coma un pracer físico, as sensacións motivadas pola obra vella mais tamén as da obra virxe. Fóra de aspectos máis evidentes como a beleza visual (ilustracións, tipografía, etc.), despegar páxinas que nunca foron abertas, o arrecendo da tinta recente, a suavidade do papel satinado, o xogo de texturas que agora incorporan algunhas capas non deixan de ser diferentes formas de gozar dun libro, do continente.
    Mais estes continentes non só sosteñen materias pracenteiras ou de lecer senón moitos outros contidos que atopan mellor desenvolvemento social noutros continentes (como o libro electrónico) de moita máis rápida, ecónomica e ampla difusión.
    Sospeito que o libro co tempo se ha de converter nun artigo de luxo reservado para ocasións especiais. Xa antes outros obxectos sufriron procesos semellantes, pensemos nos obxectos de escritura como a pluma.

    Comentario de X hace 3 años y 39 meses

  4. Aínda non atopei un lector que diga que prefire ler un e-libro a un libro impreso. Só por motivos comerciais (se os e-books non gustan aos lectores, e ademais decote o libro electrónico é de balde, non vai dar diñeiro...), só por iso, digo, coido que o papel impreso vai durar na terra máis ca os que estamos a falar aquí.

    Comentario de Gemma hace 3 años y 39 meses

  5. Pois unha coñecida bloqueira, concretamente Leco, aínda falaba hai pouco no seu blog das vantaxes que para ela tiña poder ler libros na súa PDA en calquera lugar, mesmo na cama. Nese sentido non podo opinar, só lin e-libros na pantalla do ordenador pero si que me resultaron moi cómodos para utilizar a información contida neles, isto é, realizar buscas concretas, poder subliñar, copiar, etc.

    Comentario de X hace 3 años y 39 meses

  6. Interesante debate,abofé. Pero eu tampouco chego a afirmar que o libro físico vai desaparecer, senón que vai ir minguando a súa presenza en favor deses novos soportes. No persoal,non me gusta. Aínda que o entendo. De feito, hai tempo, definín os blogs como "libros de area electrónica", ao xeito borgeano. E lemos na pantalla, que remedio, e gozamos, claro.Pero, como maxistralmente explica X, dubido que esa parte "física" de pracer que ten o libro "real", poida dárnolo nunca o libro virtual.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses

  7. Eu concordo totalmente con Gemma: poño moito en dúbida que os libros como obxecto físico vaian desaparecer, porque para moita xente coma nós son un verdadeiro obxecto de culto. Eu non lle atoparía sentido a ler un libro, e máis se é poesía, nunha pantalla. Que ocorre co desexo de pasar a man por enriba dun verso? No peor dos casos, penso que pasará o mesmo que hoxe ocorre coas cartas: a pesar da preponderancia dos mails, aínda hai persoas -coma min- ás que nada nos fai gozar máis que a emoción de recibir un sobre e un selo con destino o noso corazón.

    Comentario de Pes-de-naufragha hace 3 años y 39 meses

  8. O debate non está no que pensemos nos. Nos sempre tivemos libros nas mans pero as xeracións que viran (os nosos bisnetos) van crecer con pantallas. Na escola, na casa..., verán pantallas por tódolos sitios e seguramente os libros serán algo “antiguo”

    Comentario de Máis Alá hace 3 años y 39 meses

  9. Non me vexan como a inimiga do libro, sinto coma vostedes, a diferenza é que non lle vexo un futuro ao libro tal e como hoxe o concibimos, e isto non significa que diga que van desaparecer os libros do planeta.

    Comentario de X hace 3 años y 39 meses

  10. Vailles resultar antigo e mesmo incómodo.

    Comentario de X hace 3 años y 39 meses

  11. Permítanme lembrarlles que a literatura ten millares de anos de antigüidade e o libro, divulgado á masa, que terá... cen anos? Cantos tiñan acceso a calquera libro a principios do séc. XX, cando os fillos dos obreiros malamente eran ensinados a multiplicar e dividir na escola pública para pasar logo a traballar? Creo que a maioría dos contertulios está a defender praceres xeneralizados dunhas poucas de ducias de anos neste país. Praceres de clase media, é dicir, da última modernidade. Non comezan as edicións baratas tipo best-seller nos cincuenta? Lembren tamén, que na refinada Idade Media na Galiza un "libro" supuña unha propiedade que so os máis ricos se podían permitir. A literatura estaba na rúa e nos palacios, como nos millares de anos anteriores. Por que non haberá de estar principalmente na rede no futuro, sendo como é o lugar de máis fluida comunicación? E digo isto tamén como amante dos libros impresos, que me permiten sempre unha leitura máis relaxada. Supoñen calidade, mais hoxe o fácil acceso á información via electrónica é unha ferramenta ineludível.

    Comentario de O levantador de minas hace 3 años y 39 meses

  12. Interesante matiz. Ninguén pode negar a importancia da Rede. Velaquí estamos, Levantador de Minas, de tertulia virtual. E, desde logo, non creo que se deduza do meu post a miña negativa a que a literatura se divulgue ou exista na Rede. Para nada. O único que digo é que botarei de menos ese pracer físico cando os libros vaian desaparecendo. Hoxe, en http://www.xornal.com fálase de que algúns especialistas din que aló polo 2043 desaparecerán os periódicos de papel. Créame. Botareinos tamén de menos ( aínda que non sei se para esas datas estarei en condicións de ler nada... ou si estarei ). Sen embargo, non renuncio a informarme na Rede.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses

  13. Eu tamén chorarei esa pobreza táctil, desde logo. Só pretendía apuntar que ás veces falamos dos libros impresos esquecendo que son un soporte moi recente e que na historia da literatura probabelmente serán algo efímero. Claro que nós nos criamos con eles e tamén é lóxico que sexamos os seus defensores.

    Comentario de O levantador de minas hace 3 años y 39 meses

  14. Aclarado queda. En calquera caso, estou certo de que o libro,como tal, seguirá. Con menos presenza, pero seguirá.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses

  15. Atopeino no blog de Manuel Gago e imaxinei que lle gustaría:

    http://thenonist.com/index.php/thenonist/permalink...

    Comentario de X hace 3 años y 39 meses

  16. Moitas grazas. Xa o dixo Borges,que o paraíso era unha especie de biblioteca.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 39 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009