Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

UNHA BOA NOVA: A LITERATURA GALEGA NON EXISTE

O xenial Quim Monzó dixo unha vez que a literatura catalá non existe. Nin a austríaca, nin a española, nin ningunha. Que, de feito, o único que existe é a literatura.
E coido que leva razón.
Así que afirmo que a literatura galega non existe.
E que iso é unha boa nova.
E póñome serio para argumentar: se existise algo chamado literatura galega, estariamos aceptando que existe un algo cuns caracteres diferenciados de todo o demais. Algo así como que aquí as estructuras, os plantexamentos, a maneira de contar ou como lle queirades dicir, é algo só propio de aquí e inexistente noutros sistemas literarios ( que iso si que existe ). Quizais noutras épocas foi así, cando Rosalía e demais rexurdimentos.
Mais hoxe non. Hoxe, a nosa literatura, a literatura que se fai aquí, é igual que aque se escribe no resto da Aldea Global. Nin mellor nin peor. Idéntica. Para nada distinta. Similar en temáticas, en plantexamentos, en orixinalidade e, incluso, nos seus erros e infortunios.
E iso, insisto, é unha boa nova.
Fago un rápido exercicio e escribo ( sen pensar ) nos primeiros autores que me veñan aos miolos, unha especie de xogo de lembranza automática a ver que sae. E digo, por exemplo, Xurxo Sierra Veloso, Marcos S. Calveiro, Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz, Miguel Anxo Fernán Vello, Conchi Regueiro, Xosé Carlos Caneiro, Francisco Fernández Naval, María Reimóndez, Pepe Cáccamo, María Xosé Queizán, Antonio García Teijeiro, Xosé Antón Perozo, Román Raña, Claudia Castro... paro, mellor, paro. Foron os primeiros que me viñeron mentres pousaba os dedos no teclado. Poderían ser outros. Tanto ten. Velaí están. Escriben sobre todo e coma o resto do universo, non hai tema que non toquen, non hai argumento que non investiguen, non hai metáfora que eles non sexan quen de construír, non hai ficción que lles estea vedada. Escriben o que podería escribir, e tecleo tamén sen pensar, Paul Auster, ou Bryce Echenique, ou Enzerberger, ou Tabucchi, ou Roberto Bolaño, ou Michel Houellebecq ou... Paro tamén.
Eu non acho diferencias.
Non coido que sexamos diferentes en canto que escritores.
Se cadra, só podemos falar de literatura galega cando nos referimos ás obras escritas en galego. Iso é indiscutible ( a non ser que se queira polemizar absurdamente ). Igual que a literatura española é a que se fai só en castelán.
Daquela, e remato, a nosa literatura é só literatura. Moderna. Actual. Contemporánea. Literatura no mundo.
Velaquí tendes a Boa Nova.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Totalmente de acordo. Lembroume o post á anécdota que protagonizou Pio Baroja que, ao lle preguntar pola súa opinión sobre un libro que trataba sobre certos escritores da súa terra de nacemento, e que se titulaba “O pensamento navarro”, el, retranqueiro, contestou “ou é pensamento, ou é navarro”.

    Supoño que se pode extrapolar a todo. A literatura non ten nacionalidade pola mesma razón pola que cando falamos de Spinoza, falamos de filosofía, non de filosofía xudea, nin filosofía holandesa, senón simplemente de filosofía.
    Por outra banda, a literatura, cando é boa, máis que moderna, resulta intemporal. As teorías sobre a felicidade de Spinoza, malia estaren escritas hai séculos, resultan totalmente actuais. As de Bucay, pola contra, xa parecen unha horterada recén saidas da imprenta.

    Comentario de larvós hace 2 años y 25 meses

  2. Si. Tamén estou de acordo. O diferente é a menor repercusión mediática dos nosos o cal implica menor distribución.

    Comentario de bouzafria hace 2 años y 25 meses

  3. Pois, daquela, igual penso eu. E un detalle: a min tamén me gusta Spinoza. Sobre o que di bouzafria, leva toda a razón e levamos moito tempo falando disto aquí: a repercusión do noso non ten nada que ver co balbordo do outro.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 25 meses

  4. Hai moito tempo que estou convencida do que dis no teu post.

    Comentario de peke hace 2 años y 25 meses

  5. ha ser manía miña, pero nas miñas intervencións polos blogs adiante adoito levarlle a contraria ó anfitrión.
    non é esta unha excepción. o que se escribe por acó non é actual en liñas xerais. hai moitos autores que semellan conscientes de que viven no século 21. pero hai moitos outros que aínda están no ano 36. e eses moitos outros adoitan leva-la vaca polo adival. abundan nos xurados dos premios e nas editoras e nas asociacións de tal e nos consellos de cal. non sei eu se che será todo tan moderno.

    Comentario de brautigan hace 2 años y 25 meses

  6. Home, a lista que das é tremendamente discutible e tiras de coleguis, pero bueno, levas razón...

    Comentario de Lou Reiro hace 2 años y 25 meses

  7. Grazas, Peke. Brautigan: coido que o importante dun libro, independentemente de que trate sobre a guerra civil ou o cultivo das patacas, é que sexa bo. Sería lamentable que alguén, por exemplo, obtivese un premio literario por escribir desde un punto de vista ideolóxico achegado ao presidente do xurado, poño por caso. O único punto de vista aceptable só pode ser o literario. E se ten feito nos últimos tempos boa literatura tocando ese tema, outra normaliña, e outra non tan boa. Como debe ser. Diso vai o post.
    Ao respecto do de "coleguis" da miña lista, só dúas cousas, Lou Reiro. Se les o post de vagar aí se di como o fixen. Os primeiros que viñeron. Se quixera facela con "coleguis", non dubide que poría algúns outros nomes. E, dos que aí están, coleguis, o que se di coleguis, non é o cualificativo que eu empregaría. Coñézoos a tod@s, si. Neste curruncho pequeno do mundo, os escritores, máis ou menos, coñecémonos todos, e, daquela, ás veces xurde á amizade, que, de feito, existe con algúns da lista. Mais non o colegueo, desde logo. E outros amigos e amigas escritores, pois non me viñeron á mente nese intre. Será que son moi mal amigo...

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 25 meses

  8. Creo que, como di bouzafría, o que falta é a repercusión mediática. Pero é moi difícil invertir en márketing se non hai mercado... E, desgraciadamente ou non, cando falamos destas cousas temos que recurrir a terminoloxía de economistas.

    Comentario de Rubén hace 2 años y 25 meses

  9. É ben tristeiro, pero todo,absolutamente todo, está controlado polo diñeiro.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 25 meses

  10. De verdade que con semellante obviedade xa fica argumentada a súa (ou do señor Monzó) ocorrencia, señor Castro? Abofé cre vostede que as literaturas fanse una porque sexamos quen de marcar como comúns e coincidentes algúns elementos que lle son constitutivos ? É o feito de que "non hai tema que non toquen, non hai argumento que non investiguen, non hai metáfora que eles non sexan quen de construír, non hai ficción que lles estea vedada" é o que define a unha literatura? Permítame que lle pida que pense un momentiño no lugar onde os textos se fan literatura: na linguaxe. E linguaxe non é só lingua, pero sí que é experiencia lingüística. Permítame, para non gastarlle máis tempo, que lle diga que sí, que existe literatura galega, aínda que poderíamos concordar en que non todo canto se di literatura galega o é. Moita non é galega e algunha non é literatura.
    Déase, por favor, por saudado.

    Comentario de Vilarón hace 2 años y 25 meses

  11. Rexeitar a imaxe da vaca é non querer ver o que aínda non é pasado en moitos sitios... Porqué as vacas dos vaqueiros do oeste americano non provocan tanto fastío? Marketing salvaxe e moderno, moi moderno, tanto coma as hamburguesas que fan con elas? A carne é carne, a de aquí por riba ten carné e préstase a todo tipo de preparacións. O que interesa é que preste, o que importa é a literatura, boa, e soborosa. Ñam!

    Comentario de Rosa Velenosa hace 2 años y 25 meses

  12. Francisco, eu non sei qué será iso de boa literatura nin de mala literatura. facendo caso á meirande parte dos críticos literarios, e a propósito do seu seguinte post, o cómic é seudoliteratura.
    e para o meu gusto houbo en anos e en séculos pasados autores ben bos. pero estamos na época en que estamos e parece que non estamos.

    Comentario de brautigan hace 2 años y 25 meses

  13. Grazas Rosa Velenosa. brautigan: hai moita xente que di que o comic é literatura. Eu, que recorde, non digo tal cousa. Senón que me influiu. Como a televisión. Señor Vilarón: xa pode esforzarse en explicarme, xa que logo, por que si que hai literatura galega como algo diferencial. Porque o único que me di é que si que a hai. A verdade, coido que o meu post pretende poñer a nosa literatura ( decátese de que digo "nosa" ) á altura do resto, digamos, "occidental". Vostede fala aí de que hai cousas que se pasan por ser literatura galega pero que non o son. Vaime perdoar a parvura mental pero non lle pillo o argumento. Déase, tamén, por saudado. E, ademais, con efusión.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 25 meses

  14. Dacordo con este post. De Toro dixo hai tempo que se debía escribir en galego como se se escribise en inglés. É dicir, unha vez que se fai a escolla de escribir (ou ler) en galego, coa militancia que iso conleva, non se debe caer no apampamento da lingua pola lingua. As arelas dun escritor ou lector galego son as mesmas ca un moldavo, inglés ou italiano.

    Comentario de Mr Tichborne hace 2 años y 25 meses

  15. Nada que engadir. De feito, será a única maneira de que a nosa literatura, de cada vez, voe máis alta.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 25 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.