Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

DEFENDER O GALEGO EN POSITIVO


O gran Marcos Valcárcel é un dos impulsores dun blog titulado Falamos Galego. En Positivo, e que responde a unha filosofía moi clara e necesaria: que hai que deixar de queixarse tanto e apostar pola defensa da lingua desde unha perspectiva constructiva.
Anímovos a participar porque, entre outras cousas, é ben certo que investimos moita enerxía en queixarnos e en subliñar o mal que nos saen as cousas aos galegofalantes, o pouco que nos comprenden, etc (aínda onte unha señora en Vigo negouse a falar coa miña muller porque lle falaba en galego, que ela non o entendía... todo isto, cun grande acento musical e fermoso das Rías Baixas e nun castelán cheíño de galeguismos... )´.
É tempo, xa que logo, de falarmos en positivo.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. tén graza, primeiro dis que hai que deixar de queixarse tanto, e despois precisamente o que fas é queixarte porque unha señora lle esixiu á túa muller que lle falara español. Non é unha contradicción en sí mesma?

    Comentario de lela hace 1 año y 22 meses

  2. Non,muller, non é ningunha contradicción. Precisamente o que pretendo dicir é que, a pesares de que hai unha morea de motivos, a diario, para queixarse -velaí o penúltimo - o que cómpre facer é deixarse de queixas. Iso é o que quería dicir.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  3. Admito que non comprendo de qué vai isto de 'defender o galego en positivo', porque:

    1º Acaso hai alguén que estea a defender o galego 'en negativo'?

    2º E por outra parte, que significa 'en positivo'? Significa acaso que cando falemos ou defendamos o galego, temos que ser amables? Pero amables como? Amables mesmo cunha persoa que vive en Galicia e que nos pide que non falemos en galego? Amables cun empresario que nos obrigue a falar en castelán? Ou cun xuíz? Ou cun dependente dun comercio?

    Para min, defender o galego (en positivo ou en tecnicolor, como se lle queira chamar) é dicirlle a esa muller que estamos en Galicia, que da mesma maneira que nós non a obrigamos a que fale en galego, que ela tampouco non ten dereito a obrigarnos a que deixemos de falar o noso idioma.
    Defender o galego é denunciar ao empresario que nos obrigue a falar en castelán.

    En resume, para min defender o galego é manternos firmes na defensa do noso idioma, con amabilidade ou co que sexa, pero iso si, sempre sen renunciar a falar o noso idioma.

    Comentario de xosé hace 1 año y 22 meses

  4. Coido que o máis interesante do que dis, Xosé, é o último párrafo, cando dis que hai que manterse firmes. Por suposto.O incidente coa señora,como xa nos ten pasado con empresas e institucións, en Galicia, foi non ceder. Quero dicir que estou en Galicia e falo en galego, como dixo Celso Emilio Ferreiro, porque me peta.Ao respecto de positivo e negativo, coido que se entenden que é o que buscan os responsables dese blog.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  5. Pois eu entendo que ese blog está moi ben enfocado e que ofrece unha perspectiva nova que nos pode enriquecer a todos en canto que nos ofrece un lugar onde poñer en común o que ata o de agora eran iniciativas individuais.

    Comentario de X hace 1 año y 22 meses

  6. Moitísimas grazas, X, por esas palabras. Diso se trata.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  7. Ademais do que di X, eu (logo de botarlle unha ollada ao novo blog sobre o galego en positivo), entendo que non debe supor ningunha renuncia a explicarmos a realidade. É dicir, que me parece imprescindible que Náufrago nos siga a contar incidentes como o da señora en cuestión. Pero tamén me parece imprescindible que comecemos a contar os feitos positivos ligados á presenza social do galego que se producen cada día. Os feitos positivos ligados ao galego teñen un efecto estimulador que vai axudando a xerar actitudes positivas na xente. Por aí iría a idea, na miña opinión.

    Comentario de Lola hace 1 año y 22 meses

  8. Seguindo a idea suxerida por Lola ('comentar feitos positivos ligados ao galego'), quería compartir convosco dúas cousas (dúas alegrías):

    -Unha é que dende hai uns meses, Caixa Galicia (seguramente con outras entidades pasa o mesmo) mándame toda a documentación en galego. O contido non é que me entusiasme .... (é información sobre cargos asociados a unha hipoteca :-) ), pero que veña en galego é algo que me alegra moito.

    -Outra cousa relacionada co galego que me gustou e que recomendo é a páxina web:
    http://www.blogoteca.com/orefraneiro/index.php
    que contén reflexións e achegas moi interesantes sobre o galego.
    Recoméndovos que vos pasedes por aí.

    Comentario de daniel hace 1 año y 22 meses

  9. Valiosas contribucións estas dúas. Leva razón Lola: imos ter que seguir procurando o termo medio entre as dúas actitudes. Daniel coméntanos esa boa nova e ogallá que outras moitas grandes empresas se animen a facer o mesmo. O refraneiro que nos recomenda, tamén moi interesante.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  10. pois a pesar do que digades eu coido que hai que seguir queixándose cando suceden cousas coma a que conta francisco, ou como outras tantas que seguro que nos teñen sucedido.
    Ou é que vamos facer bo o dito ese de que "mexan por nós e dicimos que chove"?

    Comentario de lela hace 1 año y 22 meses

  11. A respecto do que comenta daniel como unha das súas alegrías, o feito de que Caixa Galicia empece agora a utilizar a nosa lingua nos seus envíos propagandísticos, precisamente llo debemos a "eses" que tanto se queixan e protestan, segundo algúns "en negativo", é dicir, á Mesa pola Normalización Lingüística.

    Castro, dis no teu primeiro comentario de resposta, copio textualmente, que "Precisamente o que pretendo dicir é que, a pesares de que hai unha morea de motivos, a diario, para queixarse -velaí o penúltimo - o que cómpre facer é deixarse de queixas". Ou sexa, que o que nos estás recomendando é que fagamos coma unha "boa" muller debe ser co seu marido: sumisa e obediente, ver, oir e calar, non? Pois eu négome! Se esto é o que chamades vós falar en positivo, non sei a onde imos parar!

    Comentario de meseiro hace 1 año y 22 meses

  12. Comparto a visión de defender en positivo, e aínda máis a idea de, por suposto, seguir sendo belixerantes cos que nos son hostís (qué remedio con casos como o da señora que citas).

    A min sempre me pareceu que as persoas hostís ao galego son moito máis belixerantes que os que tratamos de coidalo. Pasa un pouco como a relixión: todos coñecemos ou vivimos situacións nas que dás con eses sermoneadores que andan por aí a intentar convencerte de que te metas na súa seita, ou dispostos a espetarche a súa visión sobre deus (lexionarios de cristo, opus, testigos de gheová, etc), pola contra, ¿alguén sabe de algún ateo que ande por aí intentando convertir ao ateismo aos crentes? ¿A que non?

    Pois co galego pasa igual. As persoas hostís a nosa lingua son como os lexionarios de cristo rei: viven nun mitin permanente. Sempre achan algunha razón para soltar a súa cháchara.
    E por iso que a actitude correcta (á positiva) require un pouco “saber medirse”, ponderar as circunstancias. Coas persoas que son castelán falantes, pero que son respetuosas co galego (igual que eu o son co castelán) o bo, paréceme, é proxectar unha visión de normalidade; é dicir, o galegofalante, fala galego, sen máis. Non é un “guerrilleiro” da lingua, nin nada diso, senón que simplemente o fai como algo natural.

    Iso si, aos da cháchara aí que darlles guerra (dialéctica, enténdese). Pois o que me dicta a miña experiencia é que, se o deixas estar, se non te revelas, crécense. Se cedes, aos seus ollos, nunca o fas o suficiente. Sempre queren facerte retroceder un paso máis. A min, algún, no curro, chegou a esixirme que a el non lle enviase e-mails en galego. Resposta: “eu enviochos en galego. Se non queres lelos, é cousa túa. Pero eu enviochos en galego”. E punto. Nin unha palabra máis.( e claro que os le, qué remedio lle queda). Pero non teño ningunha dúbida: se renunciase a empreñar o galego nos e-mail internos, seguro que non se ía conformar. Quererían máis. Sempre queren máis.

    En fin. O que intento dicir é que sexamos positivos… coa xente positiva (supoño que estamos todos de acordo). Venme á cabeza aquela discusión na que un dicía:
    - Todo en exceso é malo, menos a virtude.
    Ao que lle responderon:
    - Amigo, onde hai exceso, xa non hai virtude.

    Pois iso. E é que, se nos pasamos de positivos, a cousa deixa de ser virtude.

    Comentario de Larvós hace 1 año y 22 meses

  13. Douche toda a razón do mundo, lela. De feito Francisco Castro fala de que o mellor había ser un termo medio entre queixas e cousas boas. Eu penso o mesmo. De feito, eu creo que sería bo centrarnos en tres puntos:

    1. Cousas boas (como as que comentei antes e tantas outras) que nos pareza interesante compartir.

    2. Queixas e denuncias. As queixas e as denuncias son un bo punto de partida para ver cal pode ser a solución máis axeitada.

    3. O que botamos en falta. O galego aínda ten moitos camiños por percorrer, e se de algunha maneira podemos contribuir a abrir eses camiños, había ser unha boa cousa. O outro día Francisco Castro falaba de "apostar por xéneros". Paréceme unha boa idea (de feito, estamos de noraboa, pois Xerais e Galaxia, ambos os dous, acaban de publicar cadansúa novela de xénero policial).

    Eu, por exemplo, boto en falta que se proxecten máis películas dobradas ao galego nos nosos cines, e que haxa máis DVDs con opción a escoitalos en galego.
    E, asociado a esta necesidade de dobraxes en galego, aquí vai esta denuncia:
    http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?I...

    Comentario de daniel hace 1 año y 22 meses

  14. Coido que daniel e Larvós me escusan de contestar a meseiro, que é obvio que leu algo que eu non dixen.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  15. Pois non creo que sexa tan obvio, posto que, como dixen, copiei textualmente algo escrito por ti na primeira resposta destes comentarios.

    Sigo pensando que non debemos aguantar certas actitudes cara o galego e os galegofalantes, senón que debemos protestar cando e onde xurdan. Estar calados non é máis que decir que chove cando mexan por nós, tal e como apuntaba lela.

    Comentario de meseiro hace 1 año y 22 meses

  16. E, en efecto, eu son dos que nunca fican calados, pero tamén hai que apoiar a aqueles que queren ver o asunto en positivo.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses

  17. Eu estou completamente de acordo co que di Marcos Valcarcel no seu blog, e co que dixeches no comezo do Post, Francisco, e esta é a miña modesta contribución.





    A que soa ben o meu idioma



    Escorreguei nas letras das verbas,
    Esvarei o lelas e escribilas,
    E xa posto coloqueinas,
    Coma mellor me pareceu,
    E aínda así,
    A pesares da miña torpeza,
    A que ¡soa ben o meu idioma!

    Comentario de E.F.B. hace 1 año y 22 meses

  18. ¡Desde logo que soa ben!

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 22 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.