POR QUE SON ESCRITOR

Non teño nin idea, pero son escritor desde sempre.
Os meus primeiros relatos deberon ser aló por quinto de EXB. Era unha saga titulada "As aventuras dos Pacos", que escribín a medias co meu mellor amigo daquela infancia e que se chamaba, por suposto, coma min, Paco. Case que medio cento de contos cheos de marabillosas aventuras e de fantásticos enredos que eran solucionados, como non, polos Pacos en cuestión.
Esa obra está - supoño - perdida.
En sétimo de EXB recordo que na clase de Traballos Manuais, en troques de darlle á serra e ao pegamento-cola ( así agora non sei facer nada na casa ) escribíalle poemas a unha nena da que estaba profundamente namorado e que non me fixo, como tantas, nin caso. De feito, nunca llos dei. Pero escribín moreas e montañas deles.
Esa obra está, tamén - supoño - perdida.
En primeiro de BUP escribín unha biografía - ¡pásmense! - dos Beatles. Téñoa moi gardada e aínda me emociono cando a vexo. Púxenlle fotos e contiña unha especie de homenaxe moi sentida a John Lennon, por aquelas datas, finado. Por suposto, inédita. Non ten máis valor que o puramente sentimental.
De segundo de BUP en diante déume pola música. Compuxen centos de cancións. Están todas gravadas en cintas de casete que durmen debaixo doutras cintas que á súa vez tamén durmen. Sen vaidade direi que tiña (e supoño que sego tendo ) talento para a composición musical. Pero ao chegar a COU, deixei a música para sempre e aínda hoxe non sei por que. Pero daría toda a miña carreira de escritor por ser músico profesional.
Segamos: desde o primeiro ano de carreira, pero non me pregunten por que foi, tiven claro que quería ser escritor e escribir libros e entender o mundo a través da palabra.
E ata hoxe.
Todo este exercicio de sinceridade é debido a que veño de ler, nun libro moi técnico que non lles vou a citar, que os escritores somos os depositarios dunha tradición milenaria de contadores de historias que arranca de Sherezade. Eu engadiría: e de Homero. E engadiría: e do xamán que un día, despois da caza do Mamut, lles contaba a outros homes a orixe mítica do seu pobo. Ler iso da tradición milenaria e tal fíxome sentir moi ben e preguntarme por que era escritor.
Así que supoño que por todo iso debe de ser que son escritor.
Referencias
Comentarios
-
Agora que falas dende a distancia e con esa melancolía que arrastra o paso do tempo dis que cambiarías a túa vida de escritor por a de músico profesional. Se naquel tempo tomases a decisón contraria estou segura que hoxe falarías de ser escritor. Penso que para tí é imprescindíbel a visión do mundo a través da palabra e os teus lectores e lectoras alegrámonos diso. Bicos.
Comentario de Chus hace 3 años y 42 meses
-
Moitísimas grazas por esas palabras, Chus. Non sei, case seguro que levas razón. O importante é poñer fóra o que un leva dentro.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
falta saber por qué carallo será escritora Lucía Etxebarría.
Comentario de brautigan hace 3 años y 42 meses
-
Non sei, se cadra, habería que preguntarllo a ela. Pero non se crea, igual é polo mesmo motivo ca min e outros moitos. Un saúdo.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Supoño que algo semellante nos pasa tamén a tódolos blogueiros, que somos, por dicilo dalgún xeito, "escritores-de-andar-pola-casa-versión 2.0 ". Ou algo así. Se fosemos máis abellados, montariamos unha inmobiliaria. Pero aquí estamos, posteando, seguindo o mesmo ineficaz criterio do primeiro tipo ao que lle deu por pintar bisontes na caverna, en vez de ir a pañalos.
Comentario de Larvós hace 3 años y 42 meses
-
Fermoso o seu exercicio de sinceridade neste post.
Larvós, concordo.Comentario de x hace 3 años y 42 meses
-
E eu tamén. No fondo, todo se reduce ao desexo de falar do mundo e de compartilo con outros. Grazas, X.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Temos que saber por que facemos as cousas, se cadra, é unha pescuda máis de nós mesmos, ti exprésalo moi ben.
Unha apertaComentario de SZ hace 3 años y 42 meses
-
Moitas grazas, SZ. Supoño que iso foi o que fixen, un exercicio de introspección. Alédome de que che gustase. Unha aperta.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Coincido íntegramente coa reflexión de SZ, os nosos actos ( a pouco que pensemos) delátannos...
Gustoume moito saber pq eres escritor.
Unha aperta.

Comentario de Marinha de Allegue hace 3 años y 42 meses
-
Grazas Marinha, o importante é iso, que se nos coñeza polo que facemos. Bicos.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Levas a escritura nos adentros, e baixo dela a musica. Velaí a harmonia dos teus textos. Todo, todo canto escribiches, eses primeiros contos, as túas composicións musicais, cimentaron o soporte do que és. Seica non habería arte sen eses primeiros pintores das cavernas. Nin ti serías escritor, se de neno non souberas soñar, amar e ser dono das palabras. De todas as palabras.Comentario de Amara Orzania hace 3 años y 42 meses
-
Grazas, Amara Orzania, por esa análise. Levas moita razón. De feito, en moitos dos meus traballos o tema é a música. Incluso escribín unha novela, imposible de atopar pero por problemas de distribución da Deputación de Pontevedra, que titulei Play-Back e que gañou no seu día o Lueiro Rey e que vai totalmente de música, a historia dun cantante de orquestra galega. Grazas por axudarme a lembrar este tipo de cousas.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Pois podías pensar na posibilidade de colgala na BVG e volver a darlle vida a esa novela. Un saúdo.
Comentario de X hace 3 años y 42 meses
-
Se tes un momentiño de vagar, convidámoste a visitar e máis a participar nunha bitácora que quere traballar por defender o galego en positivo:
www.blogoteca.com/falamosgalego/
Un saúdo cordial. S
Comentario de marcos de auria hace 3 años y 42 meses
-
A novela foi editada e quedou por aí perdida. Infortundamente, non a teño en soporte informático. Supoño que se solucionaría moi doadamente escaneando as páxinas, pero tampouco teño escáner. En fin...
Marcos, xa vin ese blog. Por suposto que contribuirei como poida. Saúdos.Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Na miña modesta opinión Francisco, ti es moito mais cun escritor, non porque o ser escritor siña calquera cousa, non.
Pro, que ademais de escritor, poeta, músico e seguramente algo mais, es un excelente comunicador, que ten facilidade pra explicar as cousas ou pra facer que che entendan, tanto os que che escoitan, coma os que che len.
Penso que “Amara” da de cheo no quid da cuestión ¿non?
Unha aperta.
Comentario de E.F.B. hace 3 años y 42 meses
-
Supoño que con ese traballo correrían os da BVG. Dígoo porque é moi importante tamén o coñecemento por parte do público de obras iniciais.
Comentario de X hace 3 años y 42 meses
-
Moitas grazas por esa información, X, poreime xa en contacto con eles.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
Que sería de tantos e tantos libros se aos escritores non vos dese por preguntarvos constantemente o porque de escribir?. É bo que a resposta sexa que non tedes nin idea do porqué, dese xeito vos estades condenados a tentar responder á pregunta eternamente, e nos poderemos gozar de todas as desculpas que inventades para acougar. Libros. Que é unha mágoa que queden perdidos, por aí, cos seus anacos de laberinto sen ler.
Comentario de Rosa Velenosa hace 3 años y 42 meses
-
Pois si,e isto provoca unha certa esquizofrenia porque supoño que a meirande parte da xente non está a cuestionarse decote por que fai as cousas que fai.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses
-
A xente non se cuestiona decote por que fai as cousas que fai pero tampouco ha de ser casualidade que as ideas verdadeiramente interesantes xurdan cando a xente se cuestiona.
Comentario de X hace 3 años y 42 meses
-
Velaí está toda a historia da filosofía para darche a razón.
Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses