Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

ÁS VECES A VIDA É UN LUGAR FANTÁSTICO

Manuel Veiga gaña o García Barros de novela

Xa todos sabedes que o escritor Manuel Veiga gañou o García Barros o pasado martes cunha novela titulada Lois e Helena buscándose nun día de tormenta.
Quería falar onte disto, pero estiven todo o día fóra.
Ao que imos.
Ás veces a vida é un lugar fantástico.
Era martes pola tarde. Eu estaba sentado coa familia, en plena rúa do Príncipe de Vigo tomando unha caña moi fría. Riquísima. Vai calor e a xente desfila por diante do meu nariz. Todo é relaxado. Perfecto. De súpeto, vexo pasar a Manuel Veiga, todo apurado. Acena coa man. Correspóndolle ao saúdo. Dime que espere, que volve axiña. Dígolle que diso nada, que teño que marchar. Achégase. Falamos disto e do outro. E rimos, rimos moito. Porque Manolo, ademais de ser meu amigo, é un dos meus amigos máis divertidos. E sempre río moito con el.
Despois, espétame: "é que vou facer unha foto para o Faro porque veñen de darme o García Barros".
El é así de humilde e de alucinante. Levabamos un rato falando de intranscendencias e el sen dicir nada. Eu soltaríallo de primeiras. Pero el é moi grande. Moito. E moi humilde. E, insisto, divertido e lúcido.
Máis en serio: Manuel Veiga é un gran xornalista galego. Cando, moi de cando en vez ( con moita menos frecuencia da que nos gustaría ), escribe os seus artigos de análise profunda en A Nosa Terra, sempre rematamos coa sensación de que, unha parte importante do mundo que non estaba clara, agora xa o está. Como escritor, é dos mellores de noso, e velaí está, por exemplo, Biografías de malogrados, un libro de relatos fantástico que publicou en Espiral Maior, e, despois, O exiliado e a primavera, polo que lle deron o Xerais.
Unha gran nova, este premio, para a literatura galega. Devezo por ter xa a novela nas mans. E por brindar, iso si, cunha cervexa moi fría, por moitos máis éxitos seus.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Non creo que Manuel Veiga sexa humilde e alucinante polo que dis. Seguro que o é por outras cousas, ou non. Gañar o García Barros -como gañar o Xerais- non é como para darse ínfulas. Son premios literarios, punto. Outras cousa é que fose Ronaldinho ou Billy Wilder. Digo eu. O importante é que a caña que tomaches estaba moi rica e que o teu amigo seguro que está moi feliz.
    Noraboa a ti tamén polo teu premio. Cando sae?

    Comentario de Antón hace 1 año y 23 meses

  2. Entendo a ironía... Grazas pola felicitación. A miña novela sairá en Setembro, se todo vai segundo o plan previsto.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses

  3. A mín chamoume a atención o título do post pareceume cheo de enerxía e fíxome sorrir...
    Noraboa para Manuel Veiga!!.

    Unha aperta.
    :)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 1 año y 23 meses

  4. Pois ten dobre premio Manuel Veiga: o literario (totalmente secundario) e que os seus amigos falen tan ben del (que, sen quitarlle nada ao anterior, é moito máis salientábel e gratificante).
    O post é moi seductor. Despois dunha crítica así, un non pode deixar de sentir gañas de ir a mercalo en canto saia. E mira que levo escoitado dicir veces iso de “eu xa non atopo ningún libro que me entusiasme”. Pois que pena. A min paréceme que para ler toda a literatura interesante que se publicou e se publica farían falta seis vidas. Polo menos. Pero ben: haberá que buscar o xeito de meterlle un oco nesta que, polo momento, ademáis de ser fantástica, é a única contatábel. Seica che hai un ceo… pero é este un extremo sen confirmar.

    Comentario de Larvós hace 1 año y 23 meses

  5. Gústame que che guste - e perdón pola redundancia - o título, Marinha. E si, Larvós, hai tanto que ler que precisariamos unhas cantas rencarnacións. Apertas.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses

  6. Ese "as veces", é o que nos permite saborear todo o fantástica que pode ser, a vida, as veces. Axudan moito as cañas frías e eses amigos impagables que saben darlle a importancia xusta ao que a ten e que aínda por riba teñen o don de facernos rir. Xente así é a que paga a pena porque non só de libros se alimenta un. ¡Saúde!

    Comentario de Rosa Velenosa hace 1 año y 23 meses

  7. Desde logo. De feito, a min, no verán, aliméntanme a partes iguais os amig@s, os libros e as cañas moi frías.

    Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.