Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

CANEIRO, DE BAR EN BAR

Xosé Carlos Caneiro vén de anunciar a saída un seu disco, De Bar en Bar, que o vai levar de xira, recitando os seus poemas, ata a mesmísima Italia, ademais de por Galicia, loxicamente.
É unha magnífica noticia que debemos resaltar, para ser xustos, como se merece.
Poderache gustar, ou non, como escribe ( persoalmente, quédome con O Infortunio da Soidade e, sobre todo, con Ébora ), pero o que ninguén vai poderlle discutir ao de Verín é a súa paixón literaria, o seu traballo, as súas gañas de facer e de dicir e de expresarse, agora, a través da poesía. A outros e a outras, facendo moitísimo menos do que Caneiro ten feito, ténselle recoñecido moito máis. E iso ten o seu punto de inxustiza.
Poderá gustarche ou non como adxectiva, como enche páxinas, como conta ou como explica o amor ou o que lle pete, pero ninguén vai poder negarlle a súa seriedade á hora de encetar o traballo literario.
Escoitarei De Bar en Bar co máis grande dos gustos. E que lle vaia ben.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Alégrame a noticia. Gustame o estilo de Xoxé Carlos Caneiro. Encántanme os seus artigos dos xoves na voz. Esas confesións apaixoadas, ribetadas de protesta, tenrura ou tristura, perlas que esbaran dos seus beizos nos albores da madruga sobre a barra dun bar. Noctámbulo iluminado, felicítoo polos seus poemas.

    Comentario de Amara Orzania hace 3 años y 42 meses

  2. Eu prefiro ao novelista, pero moitos dos seus artigos, sobre todo os que escribe na Voz os sábados, no Suplemento Culturas, adoitan estar bastante ben.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses

  3. O que tampouco se lle pode negar a Caneiro é o seu cariño sincero por Ánxela Bugallo. Caneiro é dos poucos novelistas galegos que escribe para facer país. En canto á súa calidade como columnista, á súa altura só están César Casal e Víctor Freixanes.

    Comentario de Emilio hace 3 años y 42 meses

  4. Pois si, que lle vaia moi ben a Xosé Carlos Caneiro. Lembro que me gustara moito no seu día "Un xogo de apócrifos", unha novela intelixente e divertida. Penso que a carreira de Caneiro experimentou un certo retroceso ao repetir estilos e ambientes con excesiva frecuencia ("Talvez melancolía", "Ámote"...), pero, aínda así, considéroo un bo escritor. Por outra banda, parecéronme moi inxustas e desmesuradas as críticas que se lle fixeron hai algúns meses dende un sector do blogomillo. Moita sorte a Caneiro. Ah, e agardo, Francisco, que pronto haxa ocasión de compartir unha sesión "de bar en bar". Un saúdo.

    Comentario de Veloso hace 3 años y 42 meses

  5. Se nas súas cancions crea un universo como o de Ébora, entón haberá que escoitalo. Lendo este libro ás veces pregúntome se queda algo máis que contar, se lle quedou algo máis que contar, se deixu algo para que contase eu. E paro de contar.

    Comentario de Rosa Velenosa hace 3 años y 42 meses

  6. Grazas aos dous polos comentarios. O Caneiro articulista, como todos os articulistas ( eu escribín artigos a diario durante 14 anos... xa non ), ás veces estará mellor, outras peor. Coido que está atinado Veloso. Caneiro é un bo escritor, e quizais redundou un chisco, sobretodo en Ámote sobre propostas xa moi traballadas por el. Aínda así, prefíroo a outros moitos que, insisto, teñen moito máis recoñecemento público.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses

  7. Teño entendido que en breve estará en galego nas librarias a biografía de Borges escrita por Caneiro. Iso si que é un notición para tódolos “borgianos” galaicos.
    Nota: non o lin, pero as críticas recibidas pola versión en castelán foron realmente extraordinarias. A cousa, pois, promete.

    Comentario de Larvós hace 3 años y 42 meses

  8. Non tiña idea. ¿Sabes que editorial será quen o faga? Eu si lin a biografía en castellano que Caneiro escribiu sobre Borges e é excelente.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses

  9. Rosa, velaí unha das cousas máis valiosas de Ébora: que foi capaz de crear un mundo de seu.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses

  10. Eu creo que Caneiro si que está valorado.
    1. Escribe no suplemento de Cultura do xornal máis vendido de Galiza.
    2. Ten unha chea de premios,Xerais e outros incluídos.
    3. Colabora do Diario Cultural.
    4. Comparárono con Cervantes en ANT.

    Out cousa é que non venda libros ou que a súa literatura resulte anacrónica e cursi, de aí que entre os lectores máis novos careza de pegada.

    Comentario de Débora hace 3 años y 42 meses

  11. Boa argumentación, Débora. Quizais debería dicir máis: é un dos máis maltratados de Galicia.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses

  12. Respondendo á túa pregunta, dígoche que é todo o que sei. Parece ser que foi o mesmo Caneiro quen o anunciou nunha entrevista na TVG. Eu non a vin. Pero como din os espias "soubeno por unha fonte fiábel".

    Comentario de Larvós hace 3 años y 42 meses

  13. Agardaremos pois, ou chamareino a ver que me di sobre iso.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009