CRÓNICA ( SERIA ) DE MARIÑÁN
Francisco Castro - 05-06-2006 14:38:23 | Categoria: Todos os meus artigos
Mañá a Menos SeriaComo xa vos dixera, este ano a Fundación Carlos Casares pediume que coordenase os Diálogos Literarios de Mariñán.
O tema era a Memoria, a Biografía, a Autobiografía... baixo do epígrafe xeral de Escribir a Vida.
Non farei unha crónica exhaustiva. Só dicir que é un luxo para calquera aloxarse no Pazo de Mariñán, durante catro días con escritores como Ian Gibson ou Caneiro ou Antonio Martínez Sarrión ou Chisco Fernández Naval ou José Luis Ferris ou Fernando Salgado ou... todos os que por alí deitaron a súa sabedoría sobre o asunto e que non podo citar aquí por ser moitos.
Como resumo, direi que foron uns diálogos moi filosóficos porque, en todas as conversas, saiu o mesmo asunto: o problema da verdade. ¿Como saber que é a verdade cando escribimos a biografía de alguén, cando atopamos un novo dato, cando hai diferentes versións? Ou moito mellor: ¿como sei que esa autobiografía, esas memorias, que estás a contarme, din a verdade e non son un retoque interesado do teu pasado?
Foi, e valquí o que importa, unha fin de semana fermosa. Aprendendo e dialogando, rindo e compartindo.
Mañá dareivos unha crónica menos seria de Mariñán. Non a perdades.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
A min paréceme que falar dun mesmo con obxectividade é practicamente imposíbel. Non lembro agora onde a lin (creo que foi Bergamín quen a dixo) pero gústame moito a frase “se eu fose un obxecto, podería ser obxectivo. Pero como son un suxeto, so podo ser subxectivo”. As autobiografías hai que leelas sabendo o que son; é dicir, a visión absolutamente subxectiva que un tipo ten de si mesmo. Hai memorias realmente preciosas. Así, a bote pronto, lémbrome das Memorias de un bufón, de Boadella; do Mira por donde, de Savater; ou Mundo de ayer, de stefan zweig, ou da autobiografía de Chesterton. E seguro que o etc é longuísimo.
Seguramente en todas a autobiografías, un aproveita para facerse algún que outro “arreglo floral” a si mesmo. Pero a vaidade é unha emoción humanda, despois de todo. Mentres non te cegue, mentres non sexa algo enfermizo, tampouco ten que ser necesariamente mala. Ademais non creo que haxa ninguén, nese rexistro, tan libre de culpa como para poder xulgar aos demais. E é máis: hai que ser moi vaidoso para atreverse a dicir de ti mesmo que non tes vaidade. Se alguén se atreve a dicir iso nas suas memorias, eu, cando menos, guindaríaas ao lixo inmediatamente.
Comentario de Larvós hace 1 año y 23 meses
-
Totalmente de acordo. A cita é de Miguel de Unamuno, e, curiosamente, dixoa Fernando Salgado en Mariñán cando, inevitablemente, saiu o asunto da verdade.
Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses
-
Estas cousas sempre me dan envexa, sa envexa.
Un saúdoComentario de SZ hace 1 año y 23 meses
-
Pois nada, o ano que vén anímate a vir.
Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses
-
será que non podemos darnos conta de que non sabemos moito, como para decatarnos de que ainda non sabemos nada....
Comentario de bea hace 1 año y 23 meses
-
Ademais está a particular visión que ten cada un de si mesmo e do mundo. Supoño que unha autobiografía totalmente obxectiva é imposible, porque as vivencias sempre pasan pola peneira do noso interior e da nosa perspectiva do mundo. Non hai máis que ver como contan distintas persoas o mesmo suceso, en poucos casos coincidirán o cento por cento.
Comentario de peke hace 1 año y 23 meses
-
Levades razón as dúas: a obxectividade xa é difícil de por si, imaxinemos falar da verdade cando de quen hai que falar é do ser do que, polo xeral, menos sabemos, que é un mesmo.
Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses
-
No ambeto da literatura a verdadeira verdade e o silencio do escritor. O resto é un debate moral ou filosofico porque quen di o que é verdade?.
Comentario de gustavo peaguda hace 1 año y 23 meses
-
Cando escolleu vostede aos relatores, ¿documentouse sobre quen tiña falado e teorizado en Galiza sobre o asunto? Pense, procure na rede e verá como lle faltou xente documentada e lle sobrou outra prescindible.
Comentario de Anónimo hace 1 año y 23 meses
-
Sen dúbida, Gustavo, ás veces, a cortesía do escritor coa posteridade pode ser o silenzo. Que falen as súas obras. Señor Anónimo: todos os que participaron tiñan obra escrita ou ben sobre outros ( biografía ) ou ben sobre si mesmos (autobiografía ). En calquera caso, toda programación é mellorable. Grazas polas súas críticas.
Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses
-
onte nun viaxe que fixen en tren entre pontevedra e compostela, na vez de contemplar a paixase, baixen os ollos nun libro de Roland Barthes, o que só conecía aunque non lera nada, coma autor de critica literaria " http://www.seix-barral.es/fichaautor.asp?autor=341" titulado incidentes. Ali descubrin un personaxe ben curioso o unico que queria era ler o periodico tranquilo na terraza do fiore. Neste libro recollese parte dun diario que levou no ano 1979. Recomendovos coma lectura para unah viaxe en tren Pontevedra Compostela salvo que queirades contemplar o mar de Vilagarcia que onte tiña unha luz especial a eso das 6: 30 da tarde.
Comentario de gustavo peaguda hace 1 año y 23 meses
-
Eu, de Roland Barthes lera hai moitos anos, na facultade, un libro seu sobre semiótica. Agora non me lembro do título, pero era moi recomendable.
Comentario de Francisco Castro hace 1 año y 23 meses