Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

FOMENTAR A LECTURA

Na fin de semana achegueime ao Centro Cultural Helios de Bembrive convidado polo seu coordenador, o pintor Santiago Jorge, para facer cos nenos unha animación á lectura e un mini-taller literario.
Atopei uns vinte nenos e nenas que me ollaban cos ollos abertos e curiosos. Pero o primeiro excitado pola curiosidade fun eu porque a novidade foi que, por vez primeira, tiña entre os participantes un par de neniñas que aínda non sabían escribir, de tan pequerrechas como eran.
Xa que logo, foi a primeira ocasión na que puxen a facer un poema a cativos que non sabían nin como coller o bolígrafo. Con axuda, claro, fixeron un fermoso poema. Pregunteilles que lle suxerían tales palabras, en que pensan cando escoitan taloutras, cal é a cor destas e daquelas. E o poema saiu. E despois lémolo en alto. E todos aplaudiron a rabear. Eu tamén.
Despois preguntáronme sobre o meu traballo de escritor. E falamos do que me gusta ler e do que lles gusta ler. E rimos e aplaudimos de novo.
E volveu quedarme clarísimo, cando collín o coche para ir comer a casa, que só hai unha maneira de fomentar a lectura: emocionarse con ela, transmitir o teu pracer, demostrar o teu namoramento pola palabra, compartilo cos demais.
Non coñezo outro método. Non hai outro método.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Pois non, non hai outro método, o problema é que os nenos non sempre atopan esa persoa que é quen de facelos maxinar o fantástica que pode ser a palabra. Por outra banda pareceme moi interesante iso de facer poesía sen saber ler e escribir..., haberá que facer un lavado de cerebro e probar, a ver...

    Comentario de Rosa Velenosa hace 3 años y 43 meses

  2. Ou, quizais, probar a ler e escribir esquecendo voluntariamente como se di que hai que ler e como se di que hai que escribir. Así a creatividade fluirá máis naturalemente.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  3. O traballo cos nenos debeu de ser moi gratificante.
    Obviar o suposto saber, require humildade e investigación, nos adultos é un traballo moi duro, ten razón Rosa Velenosa, necesítase un lavado de cerebro, un ataque de lucidez ou cando menos unha auto análise.
    Unha aperta

    Comentario de SZ hace 3 años y 43 meses

  4. Realmente moi gratificante. E sobre o lavado de cerebro ou lucidez, eu tento facelo a diario. Hai que deseducarse. Por saúde mental.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  5. non o hai. Podes estar seguro. Apertas e fermosa aventura!

    Comentario de torredebabel hace 3 años y 43 meses

  6. Dende logo os nenos notan cando se lle ten carinho a unha cousa e logo entralles a eles o interes.
    Animo coa rapazada.

    Comentario de acedre hace 3 años y 43 meses

  7. Grazas polos ánimos. Tamén son contaxiosos.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  8. Non sei se ten moito que ver, pero o teu post fíxome lembrar unha anécdota que contaba Isak Dinesen nas súas memorias. Unha vez púxose a facer poesía en suahili cos nenos kikuyu; non ate3ndía tanto ao sentido do que dicía senón á rima e ao ritmo. Os rapaces quedaron marabillados e logo pedíanlle acotío que falase coma a auga que flúe. Gustoume iso da auga que flúe para definir a poesía.
    Fermosa experiencia a túa.

    Comentario de peke hace 3 años y 43 meses

  9. Concordo contigo: a poesía, ás veces, soa tan ben que é como auga que flúe.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  10. Si que da envexa ese traballo. Os nenos están ateigados de xenialidade. O meu afillado, o outro día, para pedirme unha aspirina díxome “dóeme o pensamento”. Xa quixeran metáforas coma esas os poetas posmodernos.
    Despois non sei que pasa, pero dos nenos xeniais xurdimos nos. Polo visto, en algún intre, avariámonos.

    Comentario de Larvós hace 3 años y 43 meses

  11. Eu teño iso moi claro: en canto medramos, volvémonos parvos. De todo.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  12. Pasar, pasáchelo de medo, (no bo sentido) notase dabondo. Pois repite e cóntao, que aquí xa ves o noso gozo lendo, grazas por describilo como o fixeches, non preciso vídeo.
    Unha aperta.

    Comentario de E.F.B. hace 3 años y 43 meses

  13. Pois grazas a ti polos ánimos. E, a verdade, en video, tería quedado moi ben.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  14. Imaxínote rodeado de nenos, abrindo para eles a flor da palabra, envolvéndoos a todos nunha choiva de poemas. Aos nenos abroialles a poesía dos adentros, e aínda non o saben. Descoñecen a maxia e o encanto da súa tenrura. Gustaríame cultivar eternamente as risas, a alegría roubada a tantos picariños en xardíns de nácara.

    Comentario de Amara Orzania hace 3 años y 42 meses

  15. Noraboa polo Blanco Amro. Paréceme fermosos a comunicación de vivencias coas nenas e os nenos. Non hai dúbida que os que levamos anos nisos da animación xa podemos saber que non hai exclusivas e si camaradas que teñen proxecto e traxecto. Nunca mellor acae o de ÁNIMO PACO CASTRO!! ( sempre " in situ" e non " in vitro").

    Comentario de david otero hace 3 años y 42 meses

  16. Grazas a Amaria pola fermosura das súas verbas. E a David Otero, tamén as grazas pero, sobre todo, quero recoñecer aquí publicamente que ti es, para moitos de nós UN MESTRE. Que conste.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 42 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009