Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

PÁSAME TODO A MIN

Crónica do Día das Letras, case segundo Groucho Marx. Todo o que ides ler é rigorosamente certo.

O 17 pola mañá vou camiñando por Vigo e párame unha señora.
- ¿Usted es de Vigo?
- Si - respondín algo preocupado polo ton case que agresivo con que fixo a pregunta.
- ¿Y qué le parece eso de que esté todo cerrado? ¡Yo soy de Oviedo y está todo cerrado! - a señora comezou berrar alporizadísima - ¡Como es posible que esté todo cerrado por la mierda esa de las letras gallegas!
Non dixen nada, claro. Collinlle a man ao meu fillo, por se acaso a señora tiña un coitelo ou algo así e ía atacarnos. Seguiu falando, berrándome moito máis e achegándose poderosamente a min. Dei, por se acaso, varios pasos cara atrás. O meu fillo contiña o alento.
- ¡Podían dejar algo abierto para los que no somos gallegos!, ¡que vergüenza!
Sen lle chistar, e alucinado, marchei de alí despois de aturar a bronca. Iso si: prometo que cando se celebre o Día de Asturias desprazareime a Oviedo para parar á xente ao berro de: "¿Vostede é asturiano?". Xa verán como as gastamos os fillos de Breogán.
Polo serán, así como volo conto, cinco minutos antes de que comezara o programa no que saía eu falando das letras galegas e tal, a tele morreu. Talmente. Morreu. Marchou a imaxe e marchou todo cinco minutos antes de que comezase a entrevista.
Este serán virá o técnico. Din as miñas amizades que falei muito ben e que deixei á literatura galega nun lugar moi alto. Pero eu non o vin.
Como vedes, foi un Día das Letras absolutamente marabilloso.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. O da señora non sairía da tua imaxinación de escritor?
    Eu vin a tele e saias moi guapiño

    Comentario de Máis Alá hace 3 años y 43 meses

  2. Xúroche que non. Foi así. Na rúa Rosalía de Castro sobre as 13 horas. Grazas polo de guapo.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  3. "Pásame todo a min" Iso sempre o digo eu tamén, en canto "á señora, habelas hailas, aquí e alá”, en Asturias comezarán en breve co Asturiano, senón ao tempo, me partía do riso.
    Eu non podo ver esa tele, pero algo ira xurdindo no blogomillo.
    Unha aperta

    Comentario de SZ hace 3 años y 43 meses

  4. Meu benquerido Sensei iso da morte da TV fronte o poder da palabra é toda unha metáfora.

    Comentario de folerpa hace 3 años y 43 meses

  5. eu se son contrario a que o das letras sexa festivo é porque me leva fatal o corpo ver como os renegados da lingua e das letras teñan un día sen traballo á conta delas. Non é xusto

    Comentario de ns hace 3 años y 43 meses

  6. Perdón, pero non puiden evitar rir bastante. O da tele foi amolado, pero o da señora, glorioso. Non sei como puideches manterte calado ante tal falta de educación.

    Comentario de peke hace 3 años y 43 meses

  7. o problema é que hai moitos galegos e galegas que pensan coma a asturiana. a min unha dependenta do corte inglés díxome que eu lle falaba galego porque "ía rebotada" e que como ela non tiña culpa do que a min me pasase, que volvese pola tarde

    Comentario de devagar hace 3 años y 43 meses

  8. Ao respecto da miña intervención, os de Localia han pasarme un CD. Se dou feito, ofrecereino no blog. Folerpa: o mesmo pensei eu. Ou igual é que son tan feo que matei á televisión. Peke: estiven calado, que remedio, a señora semellaba a piques de agredir a calquera galego que houbese por alí. E eu era perfecto.
    Apertas.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  9. Como di meu pai a señora non era maleducada era sen educar. Xente faltosa haina en tódolos sitios pero esta señora tiña o molde esperemos que lle rompa. Eu a malaeducación non a aturo paréceme básico pero desde logo fixechelo correcto creo eu non te ías poñer á altura da señora (ainda que estou por decirche que era de Mieres "son moi arroutad@s". Que non se ofenda naide que @s asturian@s e @s galeg@s somos curmáns...
    En canto ao desenlace da TV tou dacordo con Folerpa é unha metáfora da esperanza: o poder da palabra prevalece fronte á TV.

    Un Beijo para ti e outro para o neno que vensei que ainda non lle pasou o susto.
    :)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 3 años y 43 meses

  10. Dende logo non vas esquecer este dia anque vivas cen anos.
    A senhora non coordinaba ben (debeu de ser o efecto jet-lag entre Asturies e Galicia) e fixeches ben en non rebaixarte.
    Un saudo.

    Comentario de acedre hace 3 años y 43 meses

  11. Grazas aos dous.Moi interesante esa diferenza entre falta de educación e estar sen educar. E o do jet-lag, caralludo... En serio, xa empezo o día sorrindo.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  12. Pois si que foi unha xornada gloriosa. Eu creo que a señora non era asturiana nin o asunto foi unha casualidade. Seguro que traballaba a soldo para algunha asociación -tipo AGLI ou Vigueses por la Libertad ou cousa semellante- para estudar a túa reacción nun caso límite. Estamos orgullosos de ti. Superaches a proba con educación e non sacaches a relucir ese rojo separatista radical que levamos dentro todos os galegofalantes.
    Un saúdo.

    Comentario de Veloso hace 3 años y 43 meses

  13. Veloso: grazas. Preocupábame non ter estado á altura do que esixe a nosa loxia galego-masónica-nazonalista-libertaria-radical-republicana-separatista-shinchaneira. Que alivio. Un saúdo.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  14. mira a tele non cha podo arranxar e o da señora, home que tolos todos atopamos na vida. Eu só cóntoche que no acto do Día das letras Galegas en Bos Aires falei de ti e citei unha frase deste blog. Non será moito pero polo menos tamñen estiveches doutro lado do Atlántico!

    Comentario de torredebabel hace 3 años y 43 meses

  15. Comprendo a túa actuación ante a señora do coitelo. Ti tiñas razón, ela non a tiña; pero ela estaba armada. A razón contra as armas. Quen gaña? Un saudiño. Virán días mellores.

    Comentario de Boedense hace 3 años y 43 meses

  16. Grazas aos dous. Torredebabel, síntome moi honrado por esa cita en Bos Aires. Moitísimas grazas de corazón.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses

  17. Parabens pola paciencia e polo saber facer...
    Bicos.

    Comentario de Muralla hace 3 años y 43 meses

  18. Grazas e bicos para ti tamén. A paciencia é o único que ás veces nos queda.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 43 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009