ÁLVARO CUNQUEIRO, VÉN CANDA NÓS
Francisco Castro - 03-05-2006 14:22:06 | Categoria: Todos os meus artigos
Velaquí o texto que escribín onte para abrir a Homenaxe a Álvaro Cunqueiro ( os da foto somos os catro escritores participantes, de esquerda a dereita: César Cunqueiro, Antonio García Teijeiro, Marcos. S. Calveiro e eu. A foto é a do Faro de hoxe )
Prezado Señor Merlín.
Prezados Señores Merlín e Familia:
Seica Pandora abriu unha vez unha xerra e escaparon todos os males e outros vapores polo mundo adiante. Dende aquela, non acougamos. Mais seica quedou dentro, malia todo, algo bo. Dentro da xerra ficou a esperanza. Iso é o que relatan as crónicas que os sochantres máis vellos veñen transmitindo dende o soño inconstante das xeracións. Dentro da xerra ficou a esperanza, señor Merlín. Mais tamén con ela ficaron a fantasía, e as palabras, e as paraxes da memoria que ti, señor Merlín Álvaro levas contándonos desde sempre.
Hoxe, mago Cunqueiro, invocámoste senlleiros dende a paisaxe añorada que é sempre o gorento das túas palabras de auga lixeira, muiñeira, dende esta illa de fonemas e feitizos sen Simbad. Hoxe invocámoste, Álvaro Merlín, para que nos ilumines neste serán de palabras e homenaxes sentidas. Trae da man, se tes vagar, a Anglor, aquela princesa do Ródano que ía vestida non máis que do seu rubor; vén canda nós, Merlín de bufanda encarnada, e trae aos sete príncipes xigantes do Reino de Gazna, amantes acuáticos da dama Caliela; vén canda nós, Álvaro Cunqueiro, e faite acompañar neste serán pola súa excelencia Novás, e non te esquezas da serea grega doña Teodora que lle cantou mui ben. E que ela nos cante. Que ela nos cante mui ben, que nós dárémoslle a pruma do branco cabalo e ela, o pano de seda bordado.
Vén cada nós, Merlín Cunqueiro Sochantre Mago Álvaro, que temos que liberar a esperanza e as palabras da xerra de Pandora. Álvaro Cunqueiro, vén canda nós.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
Cando volva a terrinha tenho que reler a Cunqueiro con outros ollos que me estas descubrindo marabillas del.
Un saudo.Comentario de acedre hace 2 años y 24 meses
-
Sen dúbida. Reler a Cunqueiro será sempre un pracer. Un saúdo.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 24 meses
-
Debe ser o pudor do escritor novel pero iso de ver a miña foto no xornal e aquí dame un chisco de vergoña.
Grazas polo conviteComentario de folerpa hace 2 años y 24 meses
-
Pois non teña vostede vergoña. E grazas por aceptar o convite.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 24 meses
-
Grazas por compartir esta invocación cos que non puidemos estar alí.
Comentario de Rosa Velenosa hace 2 años y 24 meses
-
Un pracer e a mandar. E non me esquecín do que temos pendente.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 24 meses
-
Paréceme de perlas invocar a don Merlincunqueiro. O noso autor e inventor da máxica realidade. O pintor e esteta da palabra. O que pousaba a fronte no amencer de cada estrela, e era quen de escoitar a non música do órgano da Catedral de Mondoñedo interpretada polas mans de nadie. Aquela música...
Comentario de Amara Orzania hace 2 años y 24 meses
-
Que marabilla o que ves de escribir.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 24 meses
-
En Mondoñedo, cando no ceo pestanexan as estrelas e todo o mundo está a durmir, viaxo polo airiño da noite a cabalo dun rabo de cereixa. No corazón das brumas atópome co noso don Merlincunqueiro, que montado nun pirilampo me sorrí; todo el arrecende a luz. No seu chaleque de verde veludo, unha enorme faisca azul con alas de reloxo, canta con doce sonoridade as horas dun tempo que non é. Un tempo onde xermolan os prodixos, as conversas e imaxes imposibles...As palabras novas. Graciñas don Álvaromerlin
Comentario de Amara Orzania hace 2 años y 24 meses
-
Graciñas a ti, Amara Orzania. A Álvaromerlín gustaríalle o teu comentario.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 24 meses