Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

LER NO MÉDICO

Das diferentes medidas anunciadas pola Consellería de Cultura para o programa Abril dos Libros, sen dúbida a máis interesante é a de habilitar espazos de lectura para nenos e adultos que agardan a consulta do médico.
Hoxe levei ao cativo ao pediatra e botamos máis dunha hora esperando.
Máis dunha hora sen nada que ler porque eu, inxenuo, contaba con chegar e entrar. De ter a man un libro, do autor que fose, teríao lido sen dúbidas. Pero por pura desesperación. E coma min, estou certo que a morea infinda de pais/nais que alí estabamos en resignada paciencia.
É indubidable que se ao longo do ano, en todo o tempo que botamos esperando a que nos atendan no médico, nos poñen nas mans libros en galego, daquela teremos lido, cando o ano remate, milleiros de páxinas na nosa lingua.
Corolario: mellorar a Sanidade Pública vai en contra da promoción da literatura galega.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios


  1. Totalmente dacordo en que nas consultas da S. Social deberíamos levar un libro para ler...; pero tamén na consulta do dentista, pois hoxe estiven sentado hora e media esperando a que me atendese (quero dicir que se retrasou ese tempo)...; ou no banco ás veces, pois se queres falar con alguén que está ocupado podes estar esperando tamén "tempo e tempo" sentado...; ou cando esperas polo "bus" (aínda que teño que dicir que é un servicio que a mín paréceme que en Vigo funciona ben)... ou no "Corte Inglés" si esperas a que alguén te atenda,... ou... en calquera sitio, lémbrome agora que fai dous meses o meu coche parou en Porriño... chamei ao "seguro" e a grúa, que nas condicións do "seguro" non tardaría máis de media hora, chegou dúas horas e vinte minutos despois da chamada.... En fin, quero dicir con todo isto que o mellor que se pode facer é levar un libro na man cada vez que saes da casa...

    Comentario de JCarlos hace 3 años y 44 meses

  2. Eu sempre tenho un libro no coche por se ascaso. Nas consultas do medico (fun pouco, que o demo sexa xordo) tamen levo algo para ler e a xente extranhase. No dentista sempre hai algunha revista que se pode aproveitar. Gustame ter algo que ler para pasar o tempo e de verdade que o tempo voa.
    Non o vas crer pero nunha empresa madeireira que estiven aqui traballando proibian levar libros e revistas; proibicion que a xente obviaba.

    Comentario de acedre hace 3 años y 44 meses

  3. Totalmente de acordo. Sempre un libro, como di JCarlos. E, acedre, ¿como é iso desa empresa?, ¿poderías ampliarme esa información? Paréceme de verdade alucinante.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 44 meses

  4. O de ler nos centros de saúde non e novo. Traballo no Sergas, e dende hai un par de anos a miña compañeira e máis eu levamos as revistas xa lidas na nosa casa para a sala de espera. E a verdade é que as len. Claro que tamén as levan -cando son moi recentes, con toda a cara :)-, enteiras ou a cachos (lembro agora mesmo un paciente que durme na rúa liscar cun Marie Claire baixo do brazo, ou a outro, esquizofrénico, pedirnos que lle fotocopiasemos un artigo sobre unha próxima invasión extraterrestre). Cos libros intentámolo tamén. Unha vez deixamos na sala uns libriños de relatos editados por política lingüística, pero voaron. Por mais que lles puxemos o selo do centro e unha nota na parede pregando que deixasen os libros na sala antes de marchar, ao veren que estaban editados pola Xunta a xente levábaos sen máis. E claro, así non hai fondo bibliográfico que perdure.

    A min o que me produce inquedanza é de que tipo de material de lectura estamos a falar. Das revistas que nós levamos, só dúas están en galego, a Revista das letras, cando aínda existía, e A nosa terra. Todo o demais está en castelán porque, que eu e a miña libreira saibamos, poucas revistas hai en galego. A Consellería fala de habilitar espazos de lectura para libros. ¿De que tema, tamaño, con que extensión?¿Para levar e que o paciente poda rematar a lectura na casa -¿teñen calculada a espera media na sala?-, ou para deixar no centro (como non lles pidamos que deixen a tarxeta sanitaria de fianza...)? E, o que para min é máis importante, ¿Que van ser, tipo día-das-aburridas-letras-galegas ou algo máis moderno? Coido que a xente que non le acotío en galego identifica a nosa literatura con algo anticuado e aburrido. ¿Vaise perder esta oportunidade de amosar o que é a literatura galega actual, de captarmos lectores para o galego cunha literatura actual coa que poidan conectar? ¿Alguén sabe quen vai facer esa selección?

    Comentario de Cau hace 3 años y 44 meses

  5. A fabrica da que che falei non ten nada especial. O que si me chistou foi ese cartel proibindo material escrito coma folletos, panfletos, libros, revistas e punhao asi especificado e non lembro se proibia mais. Tamen proibia armas e fumar fora dos lugares indicados para iso.
    A explicacion que lle vexo tera que ver con evitar problemas con folgas ou propagandas non desexadas no caso dos folletos e panfletos. No caso dos libros e revistas suponho que tera que ver co tempo perdido mentres se le e non se traballa. E iso faime lembrar que na Citroen sacaran as tazas dos vateres hai muitos anos porque a xente sentabase e botaba muito tempo no servicio. Por suposto que a empresa dixo que era por motivos hixienicos e ba, ba, ba.
    Volvendo a serreria, lembroume a pelicula "As normas da casa da sidra" onde proibian tomar o sol no tellado e, por suposto, os empregados tomaban o sol no tellado; e asi nesa empresa mirei revistas de coches en venda e unha senhora que traia uns pasatempos inmensos e nunca ninguen nos dixo nada.

    Comentario de acedre hace 3 años y 44 meses

  6. Cau: coido que lanzas as preguntas fundamentais. Se o que van facer é deixar, sen máis, libros en galego ( ou, peor, folletos sobre o homenaxeado - é un dicir - no Día das letras e similares ) daquela, pois que non se molesten. Sen dúbida, sendo boa a iniciativa, se non vai ben meditada a nivel de contidos concretos e atractivos, non hai nada que facer. Interésame moito a reflexión que fas sobre que a xente pensa que a literatura galega é algo aburrido. Moi probablemente ese pensamento é certo, que existe. Pero a literatura galega non ten nada que lle envexar á española, poño por caso. En galego hai libros moi bos e, por suposto, libros ben aburridos.
    Acedre: sego alucinando, sobre todo co asunto das tapas do water.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 44 meses

  7. Si mellorara a Sanidade Pública, de seguro que iamos ter máis saude e estariamos máis animad@s a todo...

    Unha aperta grande.
    :)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 3 años y 44 meses

  8. E, claro, ao estar de mellor saúde, leriamos máis. Un saúdo para ti tamén.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 44 meses

  9. Percibo certa dose de retranca no teu remate: "mellora-la Sanidade Pública irá en contra da literatura galega". De tódolos xeitos, esperamos que mellore a Sanidade Pública polo noso ben. Un saúdo.

    Comentario de Boedense hace 3 años y 44 meses

  10. Evidentemente, prezado Boedense ( quedou así como un pareado ), o comentario é de absoluta retranca, faltaría máis. Como usuario da sanidade pública non podo ter máis que interese en que mellore. Un saúdo.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 44 meses

  11. Unha das cousas que máis me sorprendeu ata agora, é unha sala de espera medica onde poñen a TV para amenizar, agora que o penso en dous sitios diferentes, co que quen lemos en calquera ocasión o temos difícil.
    Aínda que se cadra o fagan para nos espantar o medo ou manter o nivel de alienación habitual da sociedade ou ao xerente do centro hospitalario lle sobraba orzamento ou así evitan que os pacientes falen entre eles e esperen pacintemente…
    Unha desfeita

    Comentario de SZ hace 3 años y 44 meses

  12. Velaí un feo costume que, de cada vez, vai a máis: poñer teles en todas partes. Ata hai unhas galerías en Vigo que puxeron unha á entrada. E nos aparcadoiros. Coma no libro de Orwell.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 44 meses

  13. Eu hai tempo xa que sempre levo un libro comigo por aí. Teño comprobado que, nunha semana digamos “estándar”, so durante as esperas podes ler da orde de 200 páxinas (inclúo dentro das esperas a hora, máis ou menos, que paso no comedor do polígono até que teño que volver a entrar no curro –vivan os horarios caóticos-).
    E por certo, no asento do acompañante sempre levo un libro de poesía. Así afórrome os exabruptos e a bile que antes abrullaba en min nos semáforos. Man de santo. Os “abre, abre, ponte verde. Abre dunha puta vez cabrón...”, convertéronse en “xa abriu, carallo que rápido”. Hai que ver o fai un libro de Celso Emilio Ferreiro na man.
    Eu non teño dúbida. Ler é o mellor presente que lle podemos dar á nosa saúde.

    Comentario de Larvós hace 3 años y 44 meses

  14. Xenial coma sempre, Larvós. Está ben que remates a túa intervención falando de saúde cando, todo isto, comezou cunha visita ao pediatra.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 44 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009