Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

A LITERATURA GALEGA ERA A MÁIS IMPORTANTE DO MUNDO

Opina sobre este meu comentario, e axúdanos a que sega medrando a lista máis fermosa.

Estou estes días gozando coa lectura dun traballo do profesor e crítico literario Héitor Mera, publicado nunha revista da UNED e que leva o revelador título de A Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia. Cara unha restauración do sistema literario. Irei comentando, nos días vindeiros, algunhas das cousas que apunta aí, todas elas ben interesantes.
E hoxe, a primeira.
Fala Héitor Mera dos inicios da nosa literatura, é dicir, da Idade Media, e aí recórdanos que o noso sistema literario era "referencia no resto de Europa".
Vexamos: a literatura galega era a máis importante do mundo. Os poetas do resto da Península ( pensade no rei castelán Alfonso X ), se querían parecer cultos, escribían en galego-portugués...
Canto mudaron as cousas.
A literatura galega, hoxe en día, non é de referencia nin para os propios galegos.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. A preferéncia polo galego teria a ver, simplificando, coa menor evolución ou "deformación"; a maior proximidade ao latin como "língua culta", elitista.
    Dito con ánimo positivo e non polémico, hoxe na Galiza falta autoesixéncia entre moitos escritores e editores. Cómpre preocuparse mais por facer o próprio trabalho o melhor posível (non se pide outra cousa) e esquecermos o mito da "Novela" redentora. Un saúdo.

    Comentario de eduardo hace 3 años y 45 meses

  2. Por suposto, de feito, unha das eivas máis grandes que, para min, ten o noso sistema literario é ter que escribir esa famosa "Gran Novela Galega" da que falou Torrente Ballester. Hai que escribir boa literatura. E punto.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  3. So cando vou escribir sobre no que de verdade creo,sobre o que deverdade quero compartir,escribo en galego.
    Eu creio na verdade e na música que leva impregnada as letras galegas,creio en que Galiza ten moito do que presumir,cousas como a sua xente,o valor deste pobo,e como non !do seu idioma e literatura!

    Comentario de bbea hace 3 años y 45 meses

  4. A min paréceme que a literatura seguramente non é un referente para os galegos, pero nisto non somos tan distintos. Tampouco os escritores en castelán son un referente para a sociedade hespañola (xa quixera Vargas Llosa, ou Saramago que as súas declaracións tivesen unha mínima parte da repercusión mediática das de Ronaldinho).
    O que si está claro é que a literatura galega, malia os seus problemas, sigue a ser algo moi grande... o problema máis ben é que so nos decatamos uns poucos. Porque dado o feismo urbanístico que está a convertir as nosas vilas e cidades en verdadeiras aberracións ferintes até para as sensibilidades máis ásperas (menos para a dos constructores e os concellais de urbanismo, claro), a desfeita medio ambiental por mor do contubernio incendios-eucaliptos, e un etc demasiado longo que non teño gañas de volver a repetir, o certo é que a literatura é do pouco que nos salva e fai tolerábel a galeguidade (coa axuda inestimábel do licor-café). E si, xa sei, hai por aí moito pailán que enseguida fala da súa mediocridade e do seu medio pelo... pero non hai que facerlles nin o máis mínimo caso. Non é máis que un “disque” ao que, como tódolos disques, se lle multiplican os repetidores dun xeito que xa quixera a TVG. Algo que lembra a aquela historia de Ricky Martin, a rapariga e o bote de mermelada. Pero se lle preguntas algo a eses listiños, veredes que non pasan nin o primeiro asalto: simplemente non teñen nin puta idea sobre a literatura galega, non saben de qué falan... so repiten como papagaios algo dunha literatura mediocre que se untou de mermelada non sei ónde para o can lle fixese deus sabe qué

    Comentario de Larvós hace 3 años y 45 meses

  5. Perdón por meter a Saramago nos que escriben en castelán. Lapsus imperdoábel. Vive en Hespaña, simplemente.

    Comentario de Larvós hace 3 años y 45 meses

  6. Teñamos confianza. Temos que querer e crer na nosa literatura.

    Unha aperta grande e chea de optimismo.

    ;)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 3 años y 45 meses

  7. Larvós, non sabes o moito que é de valorar o chute de optimismo que metes na túa intervención. Ademiais, carafio, levas razón. Aínda que a sociedade galega non se decate, a literatura galega segue a ser algo grande. Por iso, como di Marinha, hai que ter confianza.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  8. A literatura galega esta mui ben dados os contratempos que ten que afrontar. Hai que reconhecer que estamos na infancia da literatura galega. Ainda e cedo e asi como a un neno de cinco anos non lle esiximos que saiba de astronomia, a nosa literatura non se lle pode pedir o mesmo nivel que o da literatura en espanhol ou en calquera idioma plenamente normalizado. Todo vai ao seu ritmo e aos poucos poderemos facer unha literatura millor. Hai que levalo con calma e insistentemente; conseguindo novos trunfos e ampliandose.
    Outra cousa: se escribimos a Gran Novela Galega que escribiremos despois ?.
    Un saudo.

    Comentario de acedre hace 3 años y 45 meses

  9. A literatura galega non está, desde logo, comezando. Ten moitos séculos de existencia. Tantos, por certo, como o español.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  10. Cunha evolución diferente, máis rural, menos técnica, o que o fai ao meu entender máis esencial.
    Un saúdo

    Comentario de SZ hace 3 años y 45 meses

  11. Esta comezando porque botou muito tempo anulada. Iso sabemolo todos. A lingua espanhola nunca estivo proibida e o galego si co que isto significa. No seculo XIX empezou a erguer a cabeza pero sen muita forza e no XX ia polo bo caminho ata que chegou a dictadura. Despois da dictadura volveu remontar vo e niso estamos. Ao fin de contas, foron mais os anos de proibicion que os de permision e xa non falamos dos anos sen aprendizaxe nas escolas.
    En definitiva, empezararia no mesmo tempo que a literatura en espanhol pero tivo muitos tempos mortos. Demasiados. Isto hai que reconhecelo e asumilo e partir dai mirando para adiante con optimismo e tratando de recuperar eses tempos mortos.

    Comentario de acedre hace 3 años y 45 meses

  12. Dito así, acedre, si. E ao respecto do que di SZ, o carácter "rural" xa se vai superando, o cal é todo un síntoma de modernidade.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  13. "a literatura galega era a máis importante do mundo. Os poetas do resto da Península ( pensade no rei castelán Alfonso X ), se querían parecer cultos, escribían en galego-portugués..."

    Todos os galegos salientades o mesmo, pero eu non podo evitar matizar esa frase: Cataluña forma parte dese "resto da península", e nós nunca tivemos influencia do galego. Nós, por proximidade xeográfica, escollemos a literatura provenzal e mesmo a súa lingua para escribir lírica culta. A través do Camiño de Santiago a lírica provenzal chegou a Galiza, pero a influencia foi menor, polo que os galegos mantivestes a vosa lingua.

    E por suposto, non podemos esquecer na idade media a Al-Andalus, cunha producción xenial de literatura (non só poesía, senón tamén narración, ensaio...). Alfonso X mandou traducir do árabe o Calila e Dimna -traducilo ao castelán, non ao galego. Por suposto, neses séculos o galego foi koiné... pero só en poesía, e até o s. XIV: o Libro de Buen Amor xa está escrito en castelán.

    Resumindo, que nin en Cataluña nin en Al-Ándalus houbo influencia da literatura galega, e pensemos que os musulmáns chegaron até Aragón nalgúns momentos... Sen faltar ao respeto á vosa lingua, só foi inspiración para os casteláns, que carecían de creación literaria de seu. A literatura árabe e mais a provenzal non necesitaban modelos nos que basearse, e menos unha lingua allea.

    Comentario de Gemma hace 3 años y 45 meses

  14. Gemma, nada máis afastado da miña intención que restarlle méritos, por exemplo, aos xograres e trobadores medievais de quen, por certo, veño de ler un interesante libro de Martín de Riquer. O sentido do meu post vai máis ben dirixido á pouca relevancia que, a día de hoxe, ten a literatura galega para os propios galegos. Non pretendía falar da súa importancia mundial. O título é, máis ben, unha ironía para o día de hoxe. Saúdos.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  15. Con repecto ao ruralismo, diría eu que non habería que darlle tantas voltas ao tema. Despois de todo, a sociedade galega, até hai cincuenta anos, era rural nun 90%. É normal, pois, que a literatura estivese influida de ruralismo, pois un escritor, despois de todo, non é máis que un medium que describe a súa sociedade e o seu tempo. De termos feito unha inxente literatura urbana cun 90% da sociedade rural, sería este “urbanismo” máis falso que un euro de pau, e tería tanto sentido como se os escritores de Nova Iorque se pusexen a falar de percebeiros.
    Máis que rexeitar o ruralismo histórico, o que habería que rexeitar, na miña humilde opinión, e o complexo de inferioridade que acompaña ao rural. Algo absolutamente inxustificado. Agora podemos ver como escritores imbuidos do mundo rural fan unha literatura excelente, como John Berger (sempiterno candidato ao novel), Bernardo Atxaga ou Manuel Rivas. E se non existise a atracción do escritor galego cara o mundo rural, Cunqueiro, en vez de falarnos de menciñeiros simpáticos e toleiráns, andaría a voltas con historias sobre os arrabaldes urbanos. E nunca saberíamos nada da orella dereita de Antón de Leivas. Non nos enganemos. A “ruralfilia” historica de algúns escritores galegos tamén nos deixaron páxinas inesquecibles. O que interesa da literatura é o espazo mental ao que leva, e non o espazo físico no que transcorre a acción. Iso, despois de todo, é o que menos importa.

    Comentario de Larvós hace 3 años y 45 meses

  16. Coma sempre, Larvós, a túa lúcida análise é imposible de rexeitar. Outra cousa sería falarmos de como a día de hoxe moita xente urbana segue identificando o galego co rural.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  17. Si que é importante o seu blog. O outro día saliu na TVG. Visite a
    http://apocalipsedoporco.blogspot.com/ que ali teñen o video.

    Comentario de Máis Alá hace 3 años y 45 meses

  18. Quizais toda galicia e rural, quizais o noso idioma e rural, porque non ai nada malo en que así sexa, porque gracias o rural conservouse a fala, porque o idioma e do pobo, e o pobo e rural por nacemento.
    Nos tempos do Medievo esa pranta que e a fala crecía e florecía sen maquinaria militar ou política quea aniquilara. Logo da persecución de que foi oxeto, o que ai oxe e un milagro.
    Disculpen a miña intromisión, so e a miña opinión, non trato de xenerar polémica.
    Un saúdo.


    E.F.B.

    Comentario de Eusebio Freire Bargados hace 3 años y 45 meses

  19. Moitas grazas pola información. Dá gusto.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  20. Eusebio, a túa opinión é máis que benvida. E levas razón. Quizais toda Galicia é unha grande aldea. Gustoume moito o que comentas da "pranta que é a fala e que crecía e florecía". Parabéns.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  21. Para os que tivemos a sorte inmensa de disfrutar dos milleiros de contos sabios e fermosos dunha bisavoa de aldea, a literatura galega comeza aí, e continua aí, achegando e axudando ó reencontro ca lingua atraverso do amor e dos risos.

    Comentario de Rosa Velenosa hace 3 años y 45 meses

  22. Os que non tivemos esa sorte só podemos envexarte, Rosa Velenosa.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  23. Non me parece mal o ruralismo, non creo que limite nada, como di larvós é un feito histórico incuestionable, o que penso é que hai que crerse, saber que existe no Galego un feito diferencial e polo en valor. Ás veces penso como dixen noutro lugar, que os que viven nesa atmosfera e respiran ese ar, non sempre son conscientes do seu aroma.

    Comentario de SZ hace 3 años y 45 meses

  24. Totalmente de acordo SZ. Non hai que rexeitar nada do que somos. Pero si hai que saber ollar cara adiante e ensarillar a nosa literatura coa modernidade.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  25. Sobre "rural" e "ruralismo", con brevidade: como moi ben se dixo nalgunhas intervencións, que unha literatura aconteza nun espazo rural e reflicta os valores propios dun xeito de entender o mundo é unha opción tan válida e tan moderna como calquera outra. Nese sentido, citar a Berger ou a Rivas paréceme moi pertinente. "Rural" nunca se pode opoñer a modernidade, érache boa. Facer esa oposición sería caer nun prexuízo que xa leva feito moito dano. O que si que me parece rexeitable é o "ruralismo". Se tivese que definilo, eu diría que é ese mundo rural de cartón-pedra, falso de arriba abaixo, idealizado ata a caricatura, e case sempre feito coa pretensión de parecer enxebre. Iso é o rexeitable, na miña opinión.

    Comentario de Lola hace 3 años y 45 meses

  26. A min pareceme que a literatura galega actual é bastante mediocre. Ollo, que hai libros que se salvan e autores moi bós, pero en xeral... Está chea de tópicos, os temas son repetitivos, os recursos literarios vense (penso eu) bastante recortados por mór do galego normativo... En fin, non me quero extender moito. Dentro duns anos a calidade mellorará, iso seguro. Aínda non nos deu tempo a ver os erros porque, como di acedre, estamos coma quen di, "nacendo".

    Comentario de Arduina hace 3 años y 45 meses

  27. Paréceme moi válido o matiz que fai Lola. Ardunia: ¿por que di que a literatura galega actual é bastante mediocre?, ¿non cre que hai autores salvables? Eu son capaz de darlle unha boa cantidade de nomes.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  28. Sí, estou dacordo contigo, de ahi a miña frase "Ollo, que hai libros que se salvan e autores moi bós".
    Se a comparamos coa literatura en castelán, a esta lle deu tempo a cribar dalgun xeito ós autores malos (ainda que hai de todo). Sen embargo, na literatura galega, da a impresion de que publican todo. Non hai variedade temática case. E se a hai non paga a pena. E falo de novela, que en poesía penso que temos un nivel moi alto :)
    Gustaríame ler ciencia ficcion en galego, pero só atopo O Centro do Labirinto e pouca cousa máis. Ou se cadra é que sí se publican libros pero non chegan ben ó lector. Onde penso que sí hai variedade e moi boas ideas é na literatura infantil.
    Xusto agora estan aparecendo novas editoriais que apostan por cousas novas, pouquiño a pouco imos mellorando.
    E para non liarme mais, intento resumir. Hai uns anos daba a impresion de que todo o cine español falaba da guerra civil ou de sexo. Pois agora eu teño a impresion de que a literatura galega en xeral fala de temas máis que manidos e non se atreve con algo orixinal, non arrisca (estou falando moi moi en xeral, seino :) ) Non pretendo amolar a ninguen, espero non ofender a ninguen coa miña opinion, digo todo isto a modo de crítica constructiva.

    Comentario de Arduina hace 3 años y 45 meses

  29. Toda crítica é benvida, outra cousa é que se comparta. Por certo, unha boa novela de ciencia ficción é a de Ramón Caride, "Soños eléctricos", e Isidro Novo vén de gañar un premio importante que agora non me lembro tamén cunha novela de ciencia ficción.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses

  30. Toda crítica é benvida, outra cousa é que se comparta. Por certo, unha boa novela de ciencia ficción é a de Ramón Caride, "Soños eléctricos", e Isidro Novo vén de gañar un premio importante que agora non me lembro tamén cunha novela de ciencia ficción.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 45 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009