Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

O TREN DA LINGUA


Hoxe tiven a sorte de, convidado por Caixanova, falarlle a 200 nen@s que ían tomar O Tren da Lingua. Hai que felicitar a esta institución e a Renfe por esta iniciativa que moverá a 9000 nen@s galeg@s nunha actividade arredor da lingua galega e da súa defensa.
Paseino moi ben. Conteilles un conto ( aínda non me estreara como contacontos... sen tempo non era ). Díxenlles que estaban a piques de subirse nun tren no que viaxaba un ser que tiña 1000 anos. Tiñádelos que ver ( cativ@s entre 5 e 8 anos ), abrindo os ollos, alucinados. E que ese ser era, claro, a lingua galega.
Riron a cachón cando comentei que as hamburguesas do Mc Donald's inventáranas o outro día, pero que a lingua galega tiña 1000 anos e que eles tiñan que facer que durase outros 1000 mais. Logo, claro, díxenlles que existira un escritor que se chamou Álvaro Cunqueiro e que quería 1000 primaveras máis para a lingua galega. Despois, pedinlles que berrasen comigo moi forte ¡¡¡¡Mil Primaveras Máis Para A Lingua Galega!!!!". E fixerono, claro, entusiasmados. E berramos isto en plan manifestación lúdica unhas tres ou catro veces.
Moi fermoso.
Todos os días de colexio deberían ser así.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Comparto, como supoño compartimos a maioría dos que lemos este blog, este tipo de iniciativas, que teñen a utilidade do coñocemento de cousas relacionadas co idioma dun xeito lúdico... sendo tamén, penso eu, unha boa aproximación do galego e a sua defensa aos nenos e nenas de Galiza... ogallá colleran (ou colléramos...) tamén ese tren moitos dos pais deses nenos...
    Alégrome moito das iniciativas deste tipo que van surxindo... ademáis estou seguro de que non puideron escoller mellor "animador"... Noraboa e grazas.

    Comentario de jcarlos hace 2 años y 26 meses

  2. jcarlos: moitas grazas polo que dis sobre min. Pero esaxeras. Estou moi de acordo con esa proposta de facer un Tren da Lingua para os Pais. Sería unha boa idea. Hai moitos pais e nais que deberían de subirse a un tren da lingua galega.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses

  3. Pais, nais e directivos de Caixanova que non e so pagar un tren nunha ocasion...

    Comentario de acedre hace 2 años y 26 meses

  4. E sobre todo os políticos, non te esquezas deles. A fin de contas, unha entidade privada non ten por que asumir cuestións de normalizar lingüísticamente unha sociedade. E bastante fan as caixas galegas coas súas programacións culturais, dándolle azos ao teatro galego e a outras inciativas. Sen embargo, os políticos, que teñen obriga moral de asumir a lingua de noso e de loitar polo seu uso e supervivencia, polo xeral, pasan moito. Iso si é grave.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses

  5. Se empezamos coa lista de responsables non nos colle no blogo. Eu falei dos de Caixanova porque saian no teu posteo que eles con por o nome da empresa en galego xa pensan que cumplen.
    Por certo, eu tenho a minha conta na Ponte do Valo, no Porrinho e eu escribo asi sempre e eles
    , erre que erre, a escribir Puente del Valo. Non aprenderan nunca, non ho.

    Comentario de acedre hace 2 años y 26 meses

  6. Moi fermosa a túa experiencia de hoxe. Encantaríame oír berrar a eses nenos. Encantaríame que ese berro ecoase por toda a terra galega.

    Comentario de Veloso hace 2 años y 26 meses

  7. ainda que non teño entre 5 e 8 anos, eu dende lonxe tamén quero berrar: "¡¡¡Mil Primaveras Máis Para A Lingua Galega!!!!". Escoitouse??

    Comentario de torredebabel hace 2 años y 26 meses

  8. Fermosa imaxe a dos nenos cantando "Mil primaveras máis para o galego". Iniciativas coma esta son moi interesantes. Felicitacións tamén pola túa estrea coma contacontos. XDDDD

    Comentario de Boedense hace 2 años y 26 meses

  9. Pois moitas grazas a todos por esas felicitacións. Segamos mantendo ese berro e que os nen@s non deixen de berrar.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses

  10. Unha iniciativa realmente fermosa. Que envexa! Como me gustaría estar nese tren! E oxalá moitos deses nenos e nenas contaxien aos seus pais esa ilusión pola súa lingua.

    Comentario de Chus hace 2 años y 26 meses

  11. Grazas, Chus. Sempre tan cariñosa.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses

  12. Coma sempre, Fran, contaxiando entusiasmo e ledicia, que mágoa que o meu fillo xa pase dos oito para que me fose máis doado contaxiarlle o gusto que atopo en cada palabra que descubro. Gustaríame que el non tardase tanto coma min en soltar lastre e que disfrutase da riqueza que supón poder expresarse ,libre e consciente, en galego, nunha lingua que lle pertence.

    Comentario de Rosa Velenosa hace 2 años y 26 meses

  13. Non dubides, Rosa Velenosa, que é cuestión de tempo. Se na casa teimades no galego, e falades en galego, e vivides a realidade en galego, máis pronto que tarde, tamén el subirá, dunha maneira ou outra, no tren da lingua.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses

  14. Si, todo moi ben, pero que o libro agasallo, o renoven, meu fillo xa ten dous libros de "Ana e o tren".

    Comentario de Veciña hace 2 años y 26 meses

  15. Que ledicia se alguén me dixera cando era neno: Pepiño da o xenio oirche falar; ogalla todolos nenos de Galicia souberan falar coma ti...¡Que magoa!...nin tan siquera en soños vin tal cousa..Habia que darlle tempo o tempo, as veces semella que imos polo bo camiño.

    Comentario de pepe penas hace 2 años y 26 meses

  16. Si, que mágoa, Pepe, e aínda nos pasa a algúns pais que decidimos falar só o galego cos nosos fillos, que aínda temos que aturar actitudes doutros galegos que se refiren ao noso dicindo cousas como "que curriño, habla en gallego" e cousas semellantes, como se estivese a facelo en suahili.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.