DAN BROWN, ANA ROSA, BUCAY
Francisco Castro - 01-03-2006 14:34:32 | Categoria: Todos os meus artigos
Son Deuses. Nada pode pasarlles.
Andan por aí fóra preocupados por se Dan Brown plaxiou ou non o seu exitoso O Código da Vinci.
E eu digo que non importa.
Hai uns anos, Ana Rosa Quintana, que xa cobrara un pastón ( moito máis do que algúns chegaremos a cobrar xamais por escribir ) como adianto polo seu Sabor a Hiel, tivo que recoñecer que fora un plaxio. E que nin sequera o escribira el, senón un negro literario. O libro retirouse e a boa señora segue sendo respectadísima e dona de todo o seu glamour.. Ao final, insistiu moito en que nin fora plaxio, senón un erro informático, xa saben, ha ha, intertextualidade. O mesmo dixo, hai pouco, Jorge Bucay.
E non pasou nada, que vai pasar.
Ana Rosa Quintana ten a súa propia revista. E véndea como churros. Ana Rosa Quintana é líder de audiencia en Tele 5. E marca tendencias.
Jorge Bucay ten a súa propia revista. E marca tendencias (psicolóxicas: que medo ).
Se ao final a Dan Brown lle din que plaxiou pois non vai pasar nada. Non van deixar de facer a película, nin lle van devolver os cartos aos que mercaron ese libro. O negocio é o negocio. E estes negocios dos que hoxe falamos, sexan as novelas pseudo-históricas, os libros romanticoides ou as tristuras da alma, estes negocios non van rematar por un argumento plaxiado de nada.
Outra cousa sería preguntarse que pasaría se un escritor de noso fose pillado nunha desas. Estou certo de que, como mínimo, se lle tiraría ao mar e sería, pero para sempre, expulsado do sistema literario.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
Con respecto aos tan polémicos libros de autoaxuda, eu penso que con frecuencia, ao se debatir sobre eles, se formulan preguntas que non son as axeitadas. Pasa como co tema da moda. Houbo estes días unha polémica porque en Cibeles volveron pasar modelos esfameadas, cando os organizadores xuráranlle as asociacións de loita contra anorexia que non ían permitir nunca máis a participación de modelos esaxeradamente fracas, pero ao final seica reincidiron. A min, pola contra, non me preocupa tanto o feito de que os modistos (ou deseñadores, ou creadores, ou trapeiros, ou o que carallo sexan) permitan que desfilen modelos anoréxicas como o feito de haxa tantas e tantas rapazas que convirtan a eses espichos andantes nos seus ídolos, nos seus exemplos a seguir. ¿Por que queren ser como elas e non como María Xose Queizan ou como Frida Kalho? Penso que esa é a pregunta axeita.
Seguindo a mesma regra, deberíamonos preguntar, agora que estamos na era da comunicación, con moitos prexuizos que atenazaron aos nosos vellos esvaecidos, con mellor benestar que nunca, con máis oportunidades ¿por que hai tanta xente que se sinte tan soa, illada e triste? Porque ese é o perfil do lector de libros de autoaxuda. Algo que non se presta ao rexoubeo, pero que, con frecuencia, é o ton que empregan os articulistas da prensa cando se refiren ao tema. Porque, desde logo, o que nos faltaba é que o desenrolo, ademais de estragar o medio ambiente, non sirva para facernos felices. Que manda carallo.
Comentario de Larvós hace 2 años y 26 meses
-
Levas toda a razón, Larvós, e aproveito para comentar algo que é aínda máis impactante: cada vez son máis os psicólogos que falan de nenos estresados, e, alucina, vecina, xa apareceron os primeiros casos de avoas anoréxicas. ¿Que che parece?
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses
-
Por darlle un toque un pouco optimista á túa exposición, que comparto case en todo, só precisar unha cousa: Ana Rosa non é respetada coma escritora. Poida que o sexa coma conductora de programas, coma ¿editora? dunha revista da que non opino, porque non a teño visto nunca, pero coma escritora, non...
En canto a Dan Brown debo dicir que me fascina un pouco, ainda que non (obviamente) coma escritor, senon máis ben coma fenómeno... Igual que Madonna me fascina coma producto comercial, ainda que nunca merquei ningún disco dela. Pero esa facilidade que ten a Ciccone para poñer de moda calquera cousa dá que pensar...
Saúdos.Comentario de Hai Cada! hace 2 años y 26 meses
-
De acordo, pero o que pretendía dicir é que, a calquera outra persoa a quen lle pasase o de Ana Rosa, retiraríaselle da circulación, algunha clase de "castigo público" tería. Sen embargo, nada diso pasou. No caso de Brown, tampouco é respectado como escritor. Se cadra, como autor de best-sellers, que é outra cousa.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses
-
Corifeos.Todo se reduce ós corifeos.Xente Badulaque que sabe ver no malo o excelente.E a esta xente non lle falta o círculo adulador de persoas sabedoras do proveito que poden sacar da própia ignorancia e do própio cinismo de xente como estes dous elementos que tí mencionas..
Mentes sigan existindo escritores de minorías,directores de cine de minorías,pintores de minorías,cantantes de minorías,a nosa dignidade, ainda queda asegurada ,e de iso,en Galiza, sabemos bastante.Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses
-
Cal é a diferencia entre ser "escritor" e ser "autor de best sellers"? Que o primeiro busca lectores e o segundo xa os ten?
Comentario de Pilingrín hace 2 años y 26 meses
-
A ver, o comentario número 5 non é meu. ¿Quen o fixo?
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses
-
A pregunta de Pilingrín non ten unha resposta tan doada como pode parecer en principio. Moitas veces hai interseccións gozosas entre ambas categorías. García Márquez, Vargas Llosa, Saramago ou Javier Marías, por citar só algúns, son exemplos de magníficos escritores que venden moitos exemplares dos seus libros. Características dos best-sellers? Pois talvez podemos falar de cubertas moi rechamantes, publicidade incesante, temática e prosa moi simples, narradores-guía (sen que o lector teña ningún marxe para a propia re-creación), escaso desenvolvemento psicolóxico dos personaxes, acción constante, reflexión nula... Aínda así, estou seguro de que hai excepcións que contradín todo isto. O best-seller non é malo por si mesmo (que ás veces tamén), senón por todo o movemento de mercado que se xenera a prol dun determinado libro ou autor, por riba de que teña ou non valores literarios. En fin, que siga o debate. Un saúdo.
Comentario de Veloso hace 2 años y 26 meses
-
Coincido na puntualización feita por Veloso. Hai superventas que realmente son moi bos. Hai uns anos, por exemplo, o maior éxito de ventas foi “Soldados de Salamina”, unha novela que, persoalmente, me engaiolou de pes a cabeza (aínda que sei que ten os seus detractores). Con respecto ao de “maiorías” ou “minorías”, dar por feito que iso implica que algo sexa bo ou malo, é recurrente até o fastío, pero no pode ser máis ben falso. Un exemplo claro témolo na música: se alguén dixese que lle gusta “Hombres G”, tomariano por un pigho ou un papafilloas. Sen embargo, eu seiche duns feixe de snobs adictos aos grupos indies madrileños (que soan igualito que Hombres G) pero que como agora é un fenómeno minoritario, cren que a cousa ten máis “categhoría” (que diría o benemerito de Silvaoscura). As cousas valen o que valen por si mesmas. O éxito de ventas (ou a súa ausencia) non pon nin quita nada. ¿Ou vai resultar agora que escoitar a Bob Dylan é de mal gusto porque vende moreas de discos en todo o mundo?
Comentario de Larvos hace 2 años y 26 meses
-
Primeiro: xa sei quen asinou co meu nome e que foi un erro.
Segundo: coido que Veloso e Larvos explican ben o asunto. Os Beatles, por seguir coa música, venden moito, e é música de calidade. Bisbal tamén. ¿Son o mesmo?Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses
-
Pídoche perdón Francisco por asinar o comentario nº 5 que fixen esta mañá.O certo é que é a primeira vez que entro nun blog e sinto que fose deste xeito tan lamentable.Prometo,en vindeiras ocasións,que isto non volverá pasar.
Comentario de Naia hace 2 años y 26 meses
-
Naia, non te preocupes. Eu trabúcome, en milleiros de asuntos e todos os días. Como dixo Borges: "non hai home que non se trabuque unha ou dúas veces ao día e con razón". Beixos.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 26 meses
-
Moi bo o dos Homes G, Larvós. Ainda foi onte que vin na TV a unhas rapazas (non sei quén eran) e lle dixen ao Radical se aquelas serían as Mulleres G... soaban igualiñas.
Saludos.Comentario de Hai Cada! hace 2 años y 26 meses