Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

O GALEGO MORREU

Hoxe cúmprense seis anos do pasamento de Suso Vaamonde. Xa unha vez falei del e da súa lembranza.
Moitos de nós, cando empezabamos a tomar conciencia da importancia da nosa lingua e da necesidade de falala, bebiamos na súa música. Eu, de feito, cheguei á poesía de Celso Emilio Ferreiro a partires de Suso. Desede entón, cando teño que ler en alto algúns poemas de Celso Emilio que Suso musicou, non son capaz: teño que cantalos.
Hoxe, escoitei na radio que un Director Xeral da Xunta dixo que o galego, nalgunhas cidades, está absolutamente morto entre a rapazada. Así de claro. O galego morreu.
Suso deulle vida ao galego. Suso morreu hai seis anos. E o galego, seica, vai recibindo certificados de defunción.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Pois se algún director xeral dixo iso, habería que lembrarlle os versos de Celso Emilio, que cantaba Suso Vaamonde: "os mortos que vós matades /gozan de boa saúde". Unha cousa son os problemas que poida ter o uso público do galego entre as xeracións mozas (coma tal, a carencia de ámbitos de uso nas cidades) e outra outorgar demagóxicos certificados de defunción.

    Comentario de Lola hace 2 años y 27 meses

  2. Moi oportuna, Lola, a cita de Celso Emilio aquí, pero coido que a cousa está moi mal e non hai, precisamente, boa saúde. Levamos mil campañas, non sei canta enerxía gastada, moitísimos esforzos... e a realidade é que perdemos falantes. O difunto quizais non o é, pero ten vocación de selo, porque este é un pobo suicida.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  3. Exacto, un pobo suicida, esa é a expresión que emprego eu a miúdo. Non hai que lle facer, Francisco. A guerra está perdida. Dentro de trinta ou corenta anos, unha minoría dos que vivan falará galego, causando asombro entre os traballadores da residencia de anciáns encargados de atendelos. Sempre se fala de Antonio Udina, o mítico derradeiro falante do dálmata. Pode que o derradeiro galegofalante estea agora mesmo tomando o biberón e escoitando o doce arrolo da súa nai.

    Comentario de Veloso hace 2 años y 27 meses

  4. Non se pode dicir mellor, Veloso.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  5. O meu fillo, Santiago, ten ano e cinco meses e agora mesmo está tomando o biberón mentres eu tento lerlle contos galegos (coa miña moi terrible pronuncia) e o fago para que non sexa el o derradeiro galegofalante da Arxentina. Hai outra cara deste asunto:http://fiosinvisibles.blogspot.com/2006/02/follas-... Apertas! e desexo moito que Veloso non teña razón...

    Comentario de torredebabel hace 2 años y 27 meses

  6. Noraboa, torredebabel, por facer iso que fas. E, por suposto, todos desexamos que tal cousa, o que di Veloso, nunca suceda. Pero, concederás, as perspectivas non son moi boas...

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  7. Remítome a tua cita nº 2 e nº 3. O náufrago fala porque sobreviviu. E se ata o de agora non funcionaron todos os esforzos que se teñen feito, pode ser que sexa porque non eran os axeitados. Aínda vexo nalgúns puristas un exceso de bronca académica que máis que animar ó personal desanima, e moito. Penso que ás veces esquecese a tolerancia, a mestura, o aproveitar o lúdico, e caese nun militarismo un pouco pasado, e non o digo por ti que con este blog das unha pauta de como poderían ser plantexadas as cousas. Ninguén morre querendo, ás veces acontece que hai amores que matan.

    Comentario de Rosa Velenosa hace 2 años y 27 meses

  8. Prezada Marinha:

    Supoño que temos unha idea do que é arte bastante diferente, polo que é difícil que coincidamos, cando menos neste rexistro. Para min unha obra de arte que precisa ser explicada, ou entendida, xa non é arte. Máis ben me parece un xeroglífico. Se non é accesíbel, como o era a beleza clásica, a todo o mundo, independentemente da súa formación, a min xa non me chista a cousa. Se o pensas ben, a artes plásticas eran, historicamente, a beleza máis “democrática”. O David adornaba unha praza pública. Todos sabían valorala e recoñecela. Agora hai que “entender”, ou o que é o mesmo, ser do gremio, da cofradía, da peña en cuestión... senón xa ficas fóra, á chuvia, intentando darlle co sentido as cousas. En fin, a min iso non me fai graza. Pero, vamos, tampouco teño alma de crítico inapelábel, deses que cren que as súas preferencias e o bo gusto son exactamente o mesmo, polo que o que describo simplemente son as miñas opinións persoais. En fin, que non pretendo convencer a ninguén nin sentar cátedra, simplemente opino... e por suposto podo estar totalmente trabucado.
    Non teño tampouco nada contra o feito de que artistas experimenten. Pero creo que, con demasiada frecuencia, ao da “experimentación” se abeiran moitos “freakies” que simplemente expoñen as súas paridiñas, convencidos, como dirían so personaxes que describe Veloso, de que a súa persoa basta para lles dar “categhoria” a calquera conachadiña que se lles ocurra. Non digo que todo sexan así, ollo, pero “haberlos hailos”, que se soe dicir.
    Por certo, coa retranca, non pretendo faltarlle ao respecto a ninguén. Os que me coñecen saben, de feito, que a retranca que máis práctico é a autoretranca, é dicir, rir de min mesmo. Penso que a vida sería máis agradábel para todos se aprendésemos a mirarnos a nós mesmos sen solemnidade. De ser así, por exemplo, xamais unhas caricaturas poderían ser xérmolo de violencia.

    Unha aperta.

    Comentario de Larvós hace 2 años y 27 meses

  9. Perdón. Metín o comentario onde non era. Referiase ao post anterior.
    Isto de andar a bloguear mentres intentas que o xefe non te colla no allo....

    Comentario de Larvós hace 2 años y 27 meses

  10. Non sei onde pero houbo un momento da historia no que o galego tinha posibilidades de futuro se collia ese caminho. Pero non o colleu e entrou en proceso de retroceso con mais ou menos velocidade. E agora estamos nesas. Nas esquelas dos periodicos seguro que mais da metade da xente mencionada era galegofalante e na lista dos recen nados (que acostuma a ser menor que o numero de esquelas) seguro que non ha de haber dous entre dez que vaian ser educados na casa en galego. Non fai falla ver estadisticas en ningures nin ser mui vivo para saber estes datos.
    Nas cidades a derrota do galego e abrumadora. Nas vilas non e tan evidente pero a inmensa maioria xa fala castelan e agora mesmo empeza a falarse castelan ata nas aldeas. Os poucos nenos que falen galego na casa chegaran a escola un dia onde aprenderan castelan e colleranlle gusto porque todolos companheiros o falan e esta ben visto e co paso do tempo repudiara a lingua materna que so lle serve para relacionarse na casa.
    O galego desaparecera. Non o veran os nosos ollos nin os dos nosos fillos pero vai desaparecer. Desaparecera con brillo porque houbo oportunidade de escribir boas cousas nesta lingua.
    E mais, eu ata aposto que sei onde estara a ultima zona galegofalante. Os ultimos galegofalantes viviran pola costa da Morte do sol. Esa zona sera a derradeira como e para as outras linguas asomadas ao Atlantico. E morrera sen grandes festas nin homenaxes porque o derradeiro galegofalante sera bilingue que o aprendeu de casualidade e que xa non o falaba con ninguen porque non o necesitaba.
    E non digo mais. Estamos en plena agonia pero podemos botar uns foguetes e afrontar o futuro coa testa ben erguida.
    PS: Sempre nos quedara Portugal.

    Comentario de acedre hace 2 años y 27 meses

  11. acedre, que todo iso non pase. Meu fillo ten dez anos e fala galego. É o único que falamos na casa. Pero... ai... é de Vigo e, en canto entrou na Escola Infantil, comezaron os problemas. Era escolarizado en castelán, e claro, dicía cousas como "el leche" ou "la puente". Agora, evidentemente, diferencia ben os dous idiomas e é consciente, a pesares do pequerrecho que é, do valor que ten a nosa fala e da importancia de coidala. De feito, é dos que se len a Harry Potter en galego.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  12. Xa che digo que non o veremos nin ti nin eu nin os nosos fillos (eu de momento non tenho) pero hai que mirar a realidade como esta e o galego esta en plena retirada. Certo que temos bandeira, historia, himno e un bo exercito (facendo un simil militar); pero estamos en retirada. Non seremos aniquilados como outras linguas con menos forza (se me permites o simil militar) que desaparecen sen ter bandeira, nin historia gloriosa...pero desaparecemos. Non e pesimismo, e realismo e hai que admitilo.
    Enfin, este e un tema mui espinhento de mais e que me encanta e que da para muito debate.
    Un saudo e ogalla me equivoque no que digo.

    Comentario de acedre hace 2 años y 27 meses

  13. Fozando por ai adiante topei esta ligazon sobre desaparicion de linguas.
    Un saudo.
    http://www.clarin.com/diario/2006/02/07/sociedad/s...

    Comentario de acedre hace 2 años y 27 meses

  14. Moitas grazas, acedre, será de grande utilidade.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  15. Larvós:
    Esta conversa podería extenderse longamente e escribila toda pode ser un coñazo non si??.
    Tou dacordo contigo en parte entón os matices serían os que máis tempo nos levarían.
    Valoro enormemete a retranca e a autoretranca buffffff, xa non ten precio e aplícoma de contínuo considero que me da calidade de vida.
    Unha aperta entre retranqueir@s.
    :)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses

  16. Négome a enterralo galego. "NUNCA XA-MAIS".
    Un beijo.

    Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses

  17. Súmome a ese xuramento, Marinha.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  18. súmome e xa somos tres!

    Comentario de torredebabel hace 2 años y 27 meses

  19. E se seguimos sumando, a lingua, aínda terá futuro... Parabéns a todos.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.