SER LUÍSA CASTRO OU NON
Francisco Castro - 09-02-2006 14:39:29 | Categoria: Todos os meus artigos
¿E que nós non somos orixinais?
Vaia por diante que o premio recibido por Luísa Castro estes días en Barcelona éncheme de felicidade. Gústame moito a obra de Luísa, en especial a súa poesía.
Sen embargo, quero comentar algo importante arredor disto.
Escoito dicir por todas partes que hai unha gran orixinalidade na historia que conta ( unha relación amorosa entre un home de avanzada idade e unha moza ), e que a tal orixinalidade radica en que Luísa Castro céntrase na visión da muller cando, como ela mesma explicou, ata o de agora ( Nabokov, García Márquez ), sempre se centraron na visión do home.
Vale.
Pero é o de sempre. A novela é orixinal ( e non dubido que moi ben escrita ) e tal e tumba. Viva, viva.
Pero, hai cousa dun ano, un dos nosos mellores narradores, Xurxo Borrazás publicou Ser ou Non en Galaxia, na que, entre outras cousas ( a propia confección da novela que o protagonista está escribindo, reflexións sobre os premios literarios, etc. ), relata unha historia de amor ( sen deixar de ser explícito no asunto do encontro sexual ) entre un mozo e unha vella.
E a novela, que é fantástica, pasou sen a celebración que merecía.
A pesar da súa orixinalidade.
E a novela, que é fantástica, coñecémola os catro que mercamos libros en galego.
A pesar da súa orixinalidade.
E da novela, que é fantástica, fóra de Nós non fala ninguén.
Que pouco orixinais que somos.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
a Xurxo Borrazás non lle deron o Premio Biblioteca Breve, iso para empezar. a súa novela Ser Ou Non é demasiado incómoda como para levar semellante premio, e xa que logo tampouco lle da para poder inserirse no mainstream do panorama literario, galego, español, calquera.
Comentario de brautigan hace 2 años y 27 meses
-
Será incómoda, pero é unha excelente novela.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses
-
PARABENS para Luisa Castro ( que foi a mesma escola que mín)sen quitarlle mérito a Xurxo Borrazás.
Unha aperta.
Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses
-
Parabéns, parabéns, por suposto, para Luísa, para Xurxo, e para ti.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses
-
E para mín pq??.
Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses
-
claro que Ser Ou Non é unha boa novela, nunca o neguei. éo se un a le con ollos de crítico literario, pero se o que un quere é ler unha novela para se entreter e mata-lo tempo, xa é outro conto. o propio Borrazás plantexaba na novela, con ironía condundente, a posibilidade de que ésta fora premiada nun certame deses de cóctel, compadreo e tropecentos mil euros.
Comentario de brautigan hace 2 años y 27 meses
-
Quizais non sexa unha novela para todo público, polo metaliteraria que é ás veces. Probablemente nos entretén máis a uns que a outros. Pero, en calquera caso, isto demostra que o nivel dos lectores baixa, se teñen máis éxito os libros "tetrabrick" que as boas novelas.
Marinha: o dos parabéns para ti faltoume engadir que polo teu blog, que leo e disfruto a diario.Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses
-
a min Ser ou Non non me entreteu nada, esa é a verdade. pareceume interesante, por orixinal, como vostede di, por aguda... pero non como lectura lúdica. é obvio que non se trata dunha novela para o tempo de ocio.
e por certo que si que farían falta uns poucos tetrabricks deses na literatura galega, oia.Comentario de brautigan hace 2 años y 27 meses
-
Si, desde logo, se na literatura galega houbese novelas tetrabricks, iso sería un síntoma de normalidade. Pero non. E iso fai que, dalgunha maneira, os escritores en galego teñamos que ser sempre "xeniais" e cada obra que publicamos, pouco menos que unha obra de arte. Leva vostede máis razón cá un santiño: non hai literatura de entretemento en galego. Outra cousa é que haxa boas novelas que, ademais, entreteñen.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses
-
xa houbo quen o intentou coa literatura popular por acó. agora mesmo recordo a Xosé Fernández Ferreiro. el aínda conseguiu tirar para diante escribindo noutro plan. outros tiveron peor sorte. Lois Fernández Marcos probou, haberá uns 30 anos, coa ciencia-ficción en galego e para adultos; non lle lembro máis ca 2 ou 3 libros editados desde aquela ata hoxe.
gústame lembrar ós que, como dixo vostede algunha vez neste blog, intentaron facer coma se este fora un lugar normal.
Comentario de brautigan hace 2 años y 27 meses
-
Desde logo que si, e merecen todo o noso recoñecemento, pero é ben tristeiro comprobar que, pasou o tempo, e seguimos como estamos. Ou peor.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses