Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

ZARA ¡HOME NON!

Ao grupo Inditex non lle gusta a Literatura Galega

Non vou contar o chiste doado ese de que fomos moitos os que entramos nun Zara Home ( léase ghoum ) convencidos de que por fin había unha tenda de Zara só para machos. É unha tenda de cousas de casa.
Hai cousa dun ano alguén comentárame que no Zara Home da Coruña se vendían libros para primeiros lectores. Preguntei, claro, que se había en galego, e díxome que non.
O sábado pasado entrei no da rúa do Príncipe en Vigo.
En efecto, venden libros.
Sen meterme no asunto de que fai unha tenda de cousas de casa vendendo libros ( e como se unha librería, poño por caso, vendese bragas de deseño ), o certo é que igual que venden libros para primeiros lectores en castelán, poderían, tamén, en galego.
¿A que esperan os editores para falar con Inditex?
Porque, non o esquezamos, a Inditex póñeselle sempre polas nubes como exemplo de empresa GALEGA.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Normal que os vendam numha tenda de "cousas de casa", há muita gente que os emprega coma material de decoraçom ;)

    Comentario de Tawil hace 2 años y 27 meses

  2. Bo comentario. E é ben certo: para moita xente, os libros son só obxectos decorativos.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  3. Zara Home (lease Sara Ghoum) e unha empresa e como empresa e negocio que e pois mira pola peseta e sabe que se fai libros en galego non os van vender. Ata ai doulles un punto de razon. O que tamen podian pensar e que non todo vai ser negocio e poderian sacar uns folletos, uns cartaces, uns libros bonitos para adornar (como ben apunta Tawil) ou algo en galego para mostrar o orgullo que supostamente deberian ter pola terra de orixe.
    Eu penso que a estes pasalles como ao ricachon do debuxo de Castelao que non senten a necesidade do galego porque non se sente no bandullo. Tal vez se se lles lembra un pouco a terra e a lingua a quen pertencen, tal vez, digo eu, fagan caso e dean un paso adiante na normalizacion da lingua na empresa.

    Comentario de acedre hace 2 años y 27 meses

  4. "Vai ser que nom"
    Coma diz certo membro da judicatura... o galego é umha lingua que nom tem promoçom noutras áreas da vida, e para eles ainda menos no mundo empresarial...

    (Falando de livros para decoraçom: em Fortaleça os vendem por metro....;) )

    Comentario de Tawil hace 2 años y 27 meses

  5. acedre, non perdamos de vista que, se hai unha empresa en Galicia que é posta como exemplo para todos, da que se di que é punteira no mundo enteiro e tal e tal, ese é o grupo Inditex. E non dubido de que hai méritos sobrados para que se diga todo iso dela. Pero, o que pretendo subliñar, é que sempre se fala dela con orgullo porque é GALEGA, e eu teño as miñas dúbidas de que, vendo detalles como o que comento, o sexa de todo. En fin, quizais estou a ser un chisco inxenuo pois, como todo o mundo sabe, a única patria da empresa é o capital.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  6. Quitáchesmo da boca, Francisco. O capital non ten patria nin lingua.

    Comentario de Pedro hace 2 años y 27 meses

  7. No tocante aos libros como obxecto de decoración, é ben sinxelo detectar aos que padecen esa forma de perversión. Son os típicos que, cando andan a remexer na túa biblioteca, se escandalizan e dinche “pero mira que es porcallán”, polo simple feito de que un libro estea ateigado de anotacións, subliñado, marcado... en fin. Como se os libros non fosen para usar, senón para ter xeitosiños os estantes. Dan gañas de entrarlles no coche, e dicirlles “pero mira que es porcallán. Non me digas que pisas o coche por dentro???”

    Comentario de Xose Larvós hace 2 años y 27 meses

  8. Eu son, daquela, un enorme porcallán, xa que suliño, anoto, coloreo incluso, agárrense, AS ENCICLOPEDIAS. Pero así gozo moito máis dos libros.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  9. Eu fago o mesmo, agás coas enciclopedias, que é o único “xénero” para o que prefiro o formato electrónico.
    Ademais, subliñar permite unha relectura máis cómoda. Senón non hai quen atope logo aquelas pasaxes máis interesantes, ás que che apetece volver a botarlles unha ollada.

    Comentario de Larvós hace 2 años y 27 meses

  10. Pero a quen se lle ocurre facer esa "pregunta maldita"en tan sinalado espacio??¿ A caso pensou vostede que estaba en Murcia e quería libros noutras linguas claro...?. NOn se torture e "INDITEX o que hai".
    Unha aperta.
    ;)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses

  11. Hoxe mesmo, hai uns minutos, tachei párrafos dun libro porque me pareceron unha absoluta memez. ¿Son un psicópata e non o sei? Marinha:xa non me torturo. Simplemente asumo que este país non ten amaño. E agora, unha preguntiña:¿nos Zara Joum de Cataluña, alguén sabe se a situación é a mesma? Agradécese información.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  12. Estoume a sentir culpábel. Temo que “o libro tachado” se corresponde co meu consello. E, aínda por riba, é dos que custan vinte e pico euros!!! Venme a cabeza aquela expresión que de cativo empregaba en casos similares “eu por qué non estaría calado”.
    En fin. Outra vez será.

    Comentario de Larvós hace 2 años y 27 meses

  13. Síntome aludida con iso dos Zara home de Cataluña, a verdade é que non adoito ir a mercar algo que non sexan libros, pero só por curiosidade, pasarei mañá a ver que hai ;-)

    Mantereivos informados

    Comentario de Gemma hace 2 años y 27 meses

  14. Gemma, grazas polos comentarios e, sobre todo, grazas por converterte na miña correspondente en Cataluña. A ver se podes informarnos e saírmos así de dúbidas.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  15. Esta mañá estiven no Zara de Passeig de Gràcia (coido que un dos máis grandes da cidade condal, pero non estou segura), na sección "Fogar". Resultados: que decepción, é verdade que vendían libros para nenos, pero só catro! Eu esperaba polo menos dez ou vinte... Tamén atopei un libro de cociña, Receitas para cociñar ao forno. Todos eles en castelán, pero paréceme que con tan pouca variedade, é normal que nin sequera teñan diferentes linguas...

    En fin, que eses libros parecían máis decoración que outra cousa, pero o galego e o catalán decoran tan ben coma o castelán, non si? :D

    Comentario de Gemma hace 2 años y 27 meses

  16. Gemma, moitísimas grazas polo teu traballo de investigación. Impagable. Non creo que o teñan como decoración da tenda na medida en que o venden. Saudiños.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.