Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

¿ALMORZO OU DESAYUNO?

Historia verídica. Moi verídica.


A pasada fin de semana fun a unha coñecida axencia de viaxes viguesa para informarme dunha viaxe a unha cidade europea.
Reproduzo parte da conversa:
EU: ¿E nese prezo vai incluído o almorzo?
ELA ( cun fermoso acento das Rías Baixas ): No, lo siento, pero esa opción no es posible.
EU: Vaia, que pena, porque o prezo é moi interesante pero, se ademais hai que pagar o almorzo...
ELA: Si, eso es lo malo.
EU ( insistente ): ¿Pero non hai ningún outro hotel que me dea a opción de aloxamento e almorzo?
ELA ( Xa máis seca, algo farta diante dese cliente cabezón, co cal, o acento - fermoso - das Rías Baixas, agroma máis claro ): Ya le digo que no. No le hay. Lo único que le ofrecen es alojamiento y desayuno, pero no el almuerzo.
Historia verídica absoluta. Ela, galeguísima. Acento fermosísimo. Pero no te me sabe entender cuando te le hablo. E é do meu mesmo país. ¿Ou non?

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. E que lhe queres?
    Quem che manda fazer gestions em galego! E mais num hotel! Coitado!
    E o acento (concordo en que o das Rias Baixas e o mas fermoso ;) ) nom che é garante: Já ves a Sir Paco!

    Comentario de Tawil hace 2 años y 27 meses

  2. A min, non hai moito, tamén en Vigo, ao lle preguntar á camareira como estaba cociñada a merluza, díxome, e xuro que é literal “toreada y a la romana”.
    Co de “toreada” supoño que querería dicir que ía presentada en toros. Non entendo de tauromaquia, pero creo que non existe iso de "torear a la romana". E menos a unha merluza.

    Comentario de Xosiño Larvos hace 2 años y 27 meses

  3. Aínda estou a rir co de toreada. Do que di Tawil hai que tirar a conclusión de que SEMPRE hai que facer as xestións en galego. A ver se entenden que se gastamos os nosos cartiños nas empresas de aquí, vailles convir falar coma nós.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  4. Oi, a min iso do almorzo xa me ten pasado varias veces. E en contextos moi semellantes ao seu, pero con fermoso acento do Golfo Ártabro.

    Comentario de Plattdorf hace 2 años y 27 meses

  5. Pois benvido ao clube Plattdorf

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  6. E un erro mui tipico. Muita xente galegofalante di desauno ou desaiuno directamente no canto do almorzo galego e logo hai o caso contrario que di almorzar pensando que din desayunar en castelan.
    En Arbo, o avo da minha muller cando chegan as once da manha e estamos embotellando berra pidindo polo almorzo cando xa almorzou as sete da manha...
    Non sei. Un caso tipico de interrelacion entre duas linguas.

    Comentario de acedre hace 2 años y 27 meses

  7. O que lle pasou ao náufrago pon de manifesto que os galegofalantes non podemos renunciar a utilizar o noso idioma en todos os contextos. Non debemos nunca pasarnos ao castelán, por mor dunha educación mal entendida. Pero isto conecta cunha preocupación legal que se albisca no horizonte a propósito do novo estatuto de autonomía, que non incluirá (parece) a obriga de saber galego. Cada vez que nesta terra hai alguén que non cumpre coa obriga de saber galego (que non supón obriga de falalo, pero si de entendelo), está negándolle aos demais o dereito de falalo (xa que non poden dirixirse a ela nese idioma). Todo dereito alleo implica unha obriga propia. A liberdade do próximo implica a miña obriga a respectar o seu exercicio. Pero como pode haber respecto aos galego-falantes por parte de quen non entende o que lle din cando lle falan en galego? A ver se os políticos e "xuristas" son conscientes de que non hai dereito sen obriga, e se deixan de marear o tema con andrómenas. Mentres tanto quedo coa boa nova que sae hoxe na Voz do éxito da campaña da Mesa pola Normalización, que coa nosa presión como clientes-consumidores está conseguindo que as entidades bancarias se galeguicen. Visto o visto, a presión comercial convértese na arma máis efectiva para acadar os obxectivos.

    Comentario de xaquín hace 2 años y 27 meses

  8. Elemental, o razoamento de Xaquín. Só cando as persoas galego falantes (tantas como somos, moitas máis das que quixesen algúns comentaristas de prensa) decidamos deixar de ocultar en público a nosa lingua e fagamos TODAS as xestións en galego (pois sabemos que nos entenden de sobra), os empresarios comezarán a esixirlle aos seus empregados o coñecemento do galego como unha condición para o emprego. Neste caso, os cartos son o argumento maior. Así que, ánimo, e a facer visible o que hoxe está (parcialmente) invisible.

    Comentario de Lola hace 2 años y 27 meses

  9. Pois facede a proba de dicir nun McDonalds "Pra min unha McBacon con moito touciño"

    Comentario de caravelete hace 2 años y 27 meses

  10. Acabo de botarlle unha ollada á edición dixital do Faro de hoxe, venres, e xa atopei outra mostra máis dese temperamento acomplexado e pailán dos nosos xornais. Longa información en portada sobre o fallo do Premio de Novela -en catalán!!!- Ramón Llull. Se fose o Xerais ou o Blanco Amor dedicaríanlle tres liñas na páxina de Sociedade. Francisco, ao final vas levar razón: este país éche así e non dá para máis.

    Comentario de Veloso hace 2 años y 27 meses

  11. Grazas a todos polos vosos intelixentes comentarios. Para min está claro que só van pasar polo aro se entenden que hai un beneficio económico. Esixamos ser atendidos en galego. Eu, por exemplo, presentei unha reclamación en Atención Ao Cliente nun moi importante Centro Comercial da Gran Vía por un problema relacionado co idioma que non vou contar agora. Pero presentei por escrito unha reclamación e tiveron que chamarme para pedirme desculpas.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  12. O que daría para unha novela é o tema “o galego na empresa”. Aquí hai tema para largar un tocho do espesor do BOE (tranquilos, non estou ameazando con facelo eu).
    No curro, de entrada, nada che prohibe falar galego, aínda que todo te convida a non facelo. O feito de erguer o teléfono e dirixirte ao responsábel de calidade dun cliente directamente en galego pode chegar a ser toda unha experiencia... e isto é o chungo, porque o normal é que as faiscas salten, como moito, polo contido da conversa, e non por cuestións lingüísticas.
    Así e todo non me vou pasar de catastrofista. Na meirande parte dos casos non pasa nada. E incluso verifiquei que, ao dar ti o paso de falar galego, con frecuencia consegues que o interlocutor tamén o faga. Iso si, se non dás ti o primeiro paso, o 99% das veces fálanche castelán. Curiosamente, incluso che falan castelán aqueles que, ao estar a chamada en espera, lles escoitas, de fondo, falando galego entre eles. Non sei que temos os galegos no cerebro, pero parece que o chip antigalaico se activa ao ter o auricular pegado á orella.

    Comentario de Xosiño Larvós hace 2 años y 27 meses

  13. E digo máis: ¿que pasa se un envía o seu curriculum vitae en galego para solicitar un traballo? Estou certo de que o 90 por cento, ou máis, dos seleccionadores, tirarían directamente á papeleira esa solicitude.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  14. Creoche ben que fose verídica, a mín pasoume algo similar nunha cafetería nos soportais da Praza de María Pita ( en la Coru).
    Eu non sabía si me estaban tomando o pelo ou que pasaba, entón con moita sorna pregunteille á moza si aquela cidade era Murcia.
    En fin...
    Unha aperta.
    :)

    Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses

  15. Si, e ademais en LA Coruña, unha cidade na que o seu rexidor teima e teima e teima en tentar vivir onde non vive, é dicir, en A Coruña. Por certo, ¿que che contestou a rapaza ao de Murcia?

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses

  16. A rapaza quedouse mirando para mín con cara de "- esta paleta...".
    Entón eu resposteille: -Jo tía, ya no quiero nada.

    Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 27 meses

  17. E así deberiamos facer sempre. De feito, no meu post do luns vou suxerir algo de moito interese relacionado con isto...

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 27 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.