GALEGOS CUTRES
E nós veña a falar de profesionalizarnos.
E nós veña a falar de que hai que cobrar os dereitos de autor e vivir disto.
E nós veña a falar de que os creadores galegos debemos vivir do noso talento.
¡¡¡¡¡¡¡Pero se é que non hai mercado!!!!!
Vén de dicilo o Miniterio de Cultura:
Os galegos son dos que menos gastan en libros e discos e teatro e tal.
Daquela, sen mercado, ¿onde imos?
Ou o que sempre vos digo, pequenos saltóns: o problema é o País ( por certo, para ver o Celta-Madrid, en Tribuna, coido que eran 90 euros e, para iso, si que había cartos )
Referencias
Comentarios
-
Triste pero certo. E aínda che hai quen, teimando na ultraortodoxia anti imperialista, insiste en botarlle a culpa aos demos alleos ao macizo galaico. Quen nos dera!!! Témolos nós dentro. E ben dentro!!!
PD.: o afundimento como lingua viva do gaélico, por exemplo, prodúxose despois da independecia de Irlanda. Cando teño o día pesimista, sinto que nin a declaración da República Popular serviría para amañar esta desfeita.
Comentario de Xosiño hace 2 años y 28 meses
-
Xosiño, coido que puxeches o dedo onde cumpre poñelo. O cómodo é botarlle a culpa ao de fóra. "É que non nos deixan". Diso nada. O problema básico de case que todo é que os galegos demitiron da súa idea de ser galegos. Así de simple. E así de tristeiro.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Non me gusta nada o fútbol: nin os anti-valores que xenera(agresividade e demáis), nin a especulación que move...
Unha aperta.
Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 28 meses
-
Pois a min si que me gusta o fútbol, unha cousa non ten que ver coa outra. Non hai que pensar que un gasta no fútbol o que non gasta en libros. Este é un vello debate no que sempre se poden poñer moitos exemplos de eximios literatos aos que lles gusta o fútbol e outros deportes, e mesmo escriben deles. En canto a especulación e as cifras que se moven en torno ao fútbol, ¿vos sabedes o que cobra Bisbal? Por non dicir os Rolling Stones (que me encantan). ¿E sabedes o que cobra Travolta por facer unha película? É a lei da oferta e a demanda. Esa xente cobra o que cobra porque a outra xente paga por velos ou escoitalos. E no fútbol pasa o mesmo. Non hai moito que Brétemas tivo pouco menos que desculparse por escribir sobre fútbol no seu blog. Terminaba o post dicindo: “Debo avergoñarme de gozar e sufrir nos estadios? Fágolle por isto algún dano á literatura galega?” O suscribo. Outro será o problema da cultura, non o fútbol.
Comentario de Pedro hace 2 años y 28 meses
-
A ver, Pedro, eu non falo do fútbol. Incluso disfruto del aínda que non vexa nin os partidos da tele nin vaia ao estadio nin nada. Como deporte, gorento del, como de tantos. O meu comentario tiña que ver co asunto dos cartos. E póñolle outro exemplo: alguén di que os libros son caros, vale, pero os cubatas, ¿canto cobran por un cubata?
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
O que hai que facer é baixar os cubatas e o fútbol. E os libros, tamén. Todo debe baixar, e moito.
Comentario de Kamikaze hace 2 años y 28 meses
-
Evidentemente, todos consumiriamos moita máis cultura de estar todo máis barato.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
¿detecto na afirmación de que o problema o temos dentro, inserida neste contexto futbol contra cultura, unha identificación da literatura galega co sentimento nacional? ése é. precisamente, un dos problemas da literatura galega.
Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
Pois non sei que lle responder, brautigan, a verdade é que non pretendía suxerir tanto. Mais supoño que, cando falamos dos problemas da literatura galega, en realidade, o diagnóstico ten que ser máis complexo.
Comentario de Franicisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
que a literatura galega non ten apenas público é algo obvio. pero hai quen vai máis aló e asegura que a xente non le en galego porque non quere facer país e todo iso. vale. no caso do libro en galego, é certo que a meirande parte do seu público o conforman xentes que se din comprometidas con esta cultura, chamados xenéricamente "intelectuais deses do benegá", e a expresión non é miña, é desoutra xente que cando colle un libro quere ler algo que o entreteña, sen máis. e esa xente tende a descarta-los libros escritos en galego porque cando os colle, á marxe doutras razón relacionadas co conflicto da normativa de turno do idioma galego, ten a sensación de estar a ler un manifesto político, anque o argumento da novela ou dos relatos ou dos poemas sexa outro, porque está o trasfondo. e iso non é que entreteña alá moito.
foi unha explicación lixeira do que me parece ver.Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
Que si, que pode ser todo iso, pero eu o único que pretendo dicir é que en xeral, os galegos, non consumen cultura, nin galega, nin española nin de ningunha outra clase.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Ao señor Brautigan:
Entendo a súa reflexión, sei o que pretende dicir, pero, aínda así, coido que está trabucado.
Di vostede que “detecta certa identificación da literatura galega co sentimento nacional, e ese é un dos problemas da literatura galega”. Pois non podo estar máis en desacordo. Pero ollo: non porque crea que esa identificación non exista (calquera cun mínimo de capacidade de observación, sabe que unha parte máis que importante dos consumidores habituais de literatura galega son simpatizantes diso que poderíamos definir para darlle a amplitude suficiente, “esquerda galeguista”), senón porque esa identificación, ao contrario do que vostede parece pensar, non é o problema nin a enfermidade, senón o síntoma de “outra cousa”. Ou o que é o mesmo: penso que confunde causa con efecto, e así non se chega a raíz dos problemas. Sería como se o enfermo coronario lle botase a culpa ao brazo esquerdo, porque é onde lle doe, e andivese a fervellar nel, cando dita dor é o síntoma dunha doenza cardíaca.
A razón do escaso éxito de ventas da literatura galega débese ao de sempre: autoodio, desprezo do propio e exaltación do alleo, falta de autoestima, cazurrismo en xeral... en fin. O de sempre. O problema sómoslle nós. Os galegos. A min paréceme que o demáis sonche lerias. O que alega, para non consumir literatura galega que “eso es para los del benegá”, non está máis que a dar unha excusa do máis cutre para non dicir claramente que simplemente pasa do tema por preguiza e pasotismo respecto á cultura en xeral. Exemplos que o confirman haichos a milleiros:
- O primeiro que compre dicir é que “os galeguistas” –recoñézome entre eles- non nos “apropiamos do galego” como as veces se escoita por aí. Son “os outros” os que nos deixan sos. Eu non coñezo a nin un so galeguista ao que non lle reconforte a idea dun país no que todos falen galego, sexan da ideoloxía que sexan. Que máis quixera eu que Corina Porro falase galego!!! Eu non llo tirei da boca. É ela a que pasa. As razóns que teña son cousa súa. Pero que me veña a botar a culpa a min, porque os galeguistas “nos lo apropiamos”, paréceme unha indecencia. Non o fala porque non lle peta. As razóns están nela, son endóxenas. Nin eu, nin ningún galeguista lle temos a culpa. Dicir o contrario é como se tódolos meus veciños me repudian, fuxen do edificio, e me deixan so. E logo a policia, por estar so no mesmo, ven a determe porque, ao quedar como único inquilino, estou a me apropiar de todo. Que non, home! Que eu non os botei! Que marcharon eles porque quixeron!
- Durante décadas o nacionalismo español quixo (e estes si que quixeron) apropiarse de Cervantes e do Quixote, como símbolos da España inmortal, do carácter nacional... en fin, etc. Tódolos intelectuais do nacionalismo español teñen o seu ensaio sobre o Quixote. E, non embargante, non conseguiron apropiarse del... porque os demáis non lle deixamos. ¡¡¡Non imos permitir que nos priven da ledicia de saborear esa deliciosa novela por mor da súa cobiza!!! Se, pola contra, os galegos non len a Cunqueiro, porque, malia que é tan seu como dos galeguistas, prefiren deixar que se apropien del os nacionalistas galegos, entón a cousa aínda se torna máis chunga: non so estamos nun país cazurro que non lee, senón que, aínda por riba, estamos nun país de pusilánimes incapaces de defender o que, por dereito, tamén lles pertence. A cousa así aínda se pon máis fea. Ou sexa: que si. Que efectivamente temos os demos dentro. Xa estamos novamente igual que ao principio.
- Celine ten millóns de lectores no mundo (entre eles eu mesmo), e todos eles saben que Celine era filonazi, colaborou coa SS durante a ocupación de Francia, ademais de ser un vehemente redactor de panfletos antisemitas. Aínda que fose un tipo abxecto, iso non quita que, como escritor, fose xenial, e que “Viaxe ao fin da noite” sexa para moitos unha das mellores novelas do século XX. ¿¿¿Que ten que ver, pois, que o escritor galego en cuestión sexa máis o menos nacionalista para que o lector potencial galego o rexeite??? ¿¿¿A que ven tanto escrúpulo??? Que, non, home, que non. Que son lerias.
Por último, di vostede “xente tende a descarta-los libros escritos en galego porque cando os colle (...) ten a sensación de estar a ler un manifesto político...”. Pois a min pareceme que non. Ogalla tivese vostede razón: así estaría clara a causa e saberíase que facer. Xa saben, señores: se queren vender, de política nada. Pero o problema real é moito máis complexo: e é que a xente tende a descartar os libros en galego simplemente porque están en galego. E se non, a ver por que carallo hai xente que, para ler a Manuel Rivas, agarda a que saía a versión traducida ao castelán (pregunte ao seu libreiro, e verá como lle confirma que non estou a mintir). ¿Cambia o libro tanto ao ser traducido? ¿Esvaécese o pouso político coa traducción? ¿Transfórmase Manolo Rivas, ao ser traducido, nun clon de Jiménez Losantos?
A falta de normalidade de Galiza confirmase unha vez máis por este feito: seguramente este é o único lugar do mundo onde hai xente que, dominando a lingua na que se escribe a versión orixinal dunha obra, prefire ler unha traducción. E penar que Unamuno aprendeu danés so para ler a Kierkegaard en versión orixinal!!! En fin: menos mal que este último tipo de galego é excaso, porque senón a vergoña sería para tirarse da fiestra.
PD: perdón por largar este esperpento tan longo e quizais exaltado. Tívenche un día un pouco cabrón.
Comentario de Xosiño hace 2 años y 28 meses
-
Xosiño, a extensión nunca foi un contrargumento neste blog. É máis: sospeito que para explicar ben as cousas - calquera cousa - hai que botarlle palabras. No esencial, e a pesares de que en moitas ocasións concordo cos atinados plantexamentos de brautigan, neste asunto reafírmome no que exposto por vostede: o problema somos nós. Coido que o exemplo das traduccións dentro da propia Galicia é un bo exemplo. Moitos galegos que entenden ben a lingua, e, ademais, poderían ler nela, prefiren que eses mesmos libros de autores galegos se ofrezan en castelán. Un problema evidente de, direi, esquizofrenia, un pobo enteiro negando parte de si mesmo e coidando que é outra cousa.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
ai mamaíña, para qué diría nada. un día vaime perde-la bocaza, ou o dedo nervioso, para o caso.
Xosiño, home, eu non lle voto a vostede a culpa de nada. digo o que hai, e por qué creo que a literatura galega non interesa tanto. e o da lingua, aludindo ó seu exemplo de Manuel Rivas, xa o dixen por aí, tamén: moita xente ten problemas para entender este galego normativo. pero ésa non é a única razón e vostede sábeo.
certo que o autoodio non é argumento descartable, pero non é o principal, ó meu ver.
e repito, o de intelectuais do benegá non veu da miña colleita.
ala, be happy.Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
Brautigan, espero que as miñas palabras non te fagan “arrepentirte” de ter intervido. Se te fixas, verás que ao final até eu mesmo pedín disculpas porque o texto, ao releelo, deume a impresión de ser máis exaltado e vehemente do que a min me gustaría (ese ton non canxa moito comigo). O que pasa é que me deu preguiza correxilo. Xa sabes, escribir é así: un ten claro o que quere dicir, pero logo, ao redactalo, sae o que sae, que pode ser ou parecer outra cousa.
De tódolos xeitos, non creo nas verdades absolutas; máis ben, pasiño a pasiño, ímonos achegando a algo que quizais sexa a verdade. Ou sexa, que tódolos pasos son benvidos. Isto de pensar é como correr detrás das pingas da chuvia: un colle algunhas, outros outras, pero a maioría escorregan entre os dedos. En calquera caso, é mellor iso que a seca.
Be happy ti tamén, por suposto.
Comentario de Xosiño hace 2 años y 27 meses
-
Estou moi de acordo co dito ata o de agora sobre a literatura en galego. Só hai un pequeno comentario de Francisco que me gustaría comentar: "Evidentemente, todos consumiriamos moita máis cultura de estar todo máis barato."
Pois non sei, porque como dixeches, a xente gasta os cartos en cousas máis caras (concertos, deporte, roupa de marca...). Ademais están as bibliotecas (libros máis baratos ca de balde, non os vin), e as librarías de segunda man. É moi certo que a literatura galega custa moi cara, non hai tantas edicións de peto coma na literatura castelá, e unha novela en galego non baixa dos 20 € en xeral, mentres que en castelán está á metade de prezo, pero por exemplo onte merquei nunha libraría de segunda man Ébora, por só 5 €.
Resumindo, que estaría moi ben que os prezos da literatura baixasen, pero o que queira ler libros seguirá a lelos, e o que non queira, non o fará.
"Se queres facer algo, atoparás a maneira, se non queres, atoparás a escusa"Comentario de Gemma hace 2 años y 27 meses