AS MIÑAS TEIMAS
Francisco Castro - 30-01-2006 16:49:15 | Categoria: Todos os meus artigos
Fun retado por Kiko Novoa para seguir un xogo que circula polos blogs, confesando as miñas teimas para que despois confesen outros cinco.Velaquí van:
1) Acumular libros. Acumular. Acumular. Acumular libros que sei que nunca vou ler. Acumular libros que nin sequera abrirei pola primeira folla. Libros repetidos. Libros raros. Libros vulgares. Libros.
2) Ir co volume do CD do coche á máxima potencia, a moita máis do que os meus tímpanos poden soportar. Escoito a John Lennon a un volume claramente insán, e, cando saio do vehículo teño un pitido que tarda tempo en irse. En casa din que estou quedando xordo, pero non saben por que. Eu bótolles a culpa a eles e digo que é que falan moi baixo.
3) Cando escribo os meus libros ( todos os días, sen fallar un, aínda que sexan cinco minutos ) sempre estou descalzo. Sempre. Se non, non sae. Hai algo nos zapatos que vai contra da inspiración. Sandalias ou zapatillas non valen.
4) Non lle deixo ler nada a ninguén ata que está editado. Nin aos máis íntimos. Despois, entrégolles o libro e xa está. Chámanme desconfiado. Eu ( ver teima dous ) fágome o xordo.
5) Fantasiar, cada dia, en canto me ergo, con que xa falta un día menos para convetirme nunha estrela do rock and roll. Confío en que, aos 65, xubilado, poderei dedicarme a isto.
Agora tócalle a Vaguidades, a Veloso, a Marinha, a Dasman e a Acedre.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
a primeira compartoa
Comentario de txari hace 2 años y 28 meses
-
Debemos de ser milleiros os que temos esa teima bibliófila.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Agradézolle que pensara en mín para o xogo, a parte lúdica sempre é atractiva mais xa puxen as miñas 5 das miñas manías (entre no meu blog).
Unha aperta.
Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 28 meses
-
Agradézolle que pensara en mín para o xogo, a parte lúdica sempre é atractiva mais xa puxen 5 das miñas manías (entre no meu blog).
Unha aperta.
Comentario de Marinha de Allegue hace 2 años y 28 meses
-
Eu tamen agradezo o convite pero xa se adiantou Muralla pedindo que falase das minhas rarezas. Escribinas no dia 23 de xaneiro. Puxen cinco pero cheirando aqui e ala e comparando e facendo memoria van aparecendo mais como a tirria que lle tenho ao ouro e aos pendientes grandes. Non aturo levar reloxios, nin cadeas, nin pulseiras, nin nada. Non acostumo peitearme. Iso si, corto as unhas e limoas. Se tenho un furado nun calcetin cambioo do pe ata que apareza outro furado e enton cosoo ou tiroo directamente. Se se me rachan os vaqueiros cortolles as perneiras e quedan para o veran ou para traballar no campo.
Gustame mercar libros e son para ler (mais ou menos a fondo). Nos EEUU mercaria mais pero despois non son capaz de levalos, aparte non conhezo a literatura americana. Aqui merco mais libros de consulta. E seguindo cos libros, tenho a mania de arrincar ou tachar os prezos dos libros que merco (sempre que non estropee muito o material) e se son de cubertas brandas plastificoos. Tamenponholles o meu Ex-Libris coa minha sinatura e o lugar e data cando o merquei.
Para escribir no blogo (fagoo calzado no inverno) apago a musica toda. Bueno, eu nin a encendo. O primeiro que fago e apagar o son do ordenador...
E asi van saindo a flote as manias.Comentario de acedre hace 2 años y 28 meses
-
Desculpas, Marinha. Non teño perdón. acedre: eu tamén arrinco os prezos e non soporto que teñan ningunha clase de etiqueta comercial. Saudiños para os dous.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Ei, Francisco, bos días. Xa me chegara hai uns días a bola que me pasou Acedre, polo que xa escribín as miñas manías a semana pasada. De todos modos, moitas grazas por lembrarte de min. Tes realmente unhas manías curiosas. Eu levaría moi mal o de escribir descalzo. Comparto o de oír música no coche todo o tempo. Para a miña xubilación, teño pensado ser dianteiro centro do R. C. Celta. Un saúdo moi cordial dende a xélida mañá zamorana.
Comentario de Veloso hace 2 años y 28 meses
-
OK Veloso. Perdón polo despiste. E non te esquezas de que me debes unha chamada.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Fantástico!!!! Encantáronme esas teimas. E, por certo, comparto a música a toda máquina dos Beatles. "Woman", a voz pelada de John Lennon, é do mellor que poden recibir as orellas.
Comentario de Kiko Novoa hace 2 años y 28 meses
-
Teño unha especial querencia por esa canción de Lennon. Foi a primeira que bailei "agarrado" cunha rapaza. Ela nin se acordará, pero eu, desde logo, eu si.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
...eu coma sempre chegando tarde, cando xa só quedan por confesar as cousas máis rariñas. Aí vai.
1- Comezar a ler o xornal pola metade ou polo final, nunca polo principio.
2- Ter no meu cuarto enriba dunha mesiña, o último libro que lin, o que estou a ler, o que pode ser que lea, o que tería que ter lido, algun dos que sempre teño a man por aquilo de que máis vale malo coñecido...
3-Non aprender de memoria o meu DNI. É máis sinxelo fantasear que un fai o que lle peta se non se sabe o número polo que o chama o carceleiro.
4- Alisarme o pelo para despois pasarme o día facendolle rizos cos dedos, para despois alisalo...
5-Ensaiar todos os días, así como media hora mínimo, para ser actriz dramática, moi dramática, poñamos que dentro de ¿dez anos?.
Comentario de Rosa Velenosa hace 2 años y 28 meses
-
Marabillosa, Rosa, a teima número tres. Nunca o vira así...
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
eu teño neste momentos as seguinte teimas:
* Rematar o libro de relatos de Danilo Kis.
* Recomendar a lectura do poeta esloveno Kosovel.
* Ter tempo para ler tres libros que acabo de mercar é que paguei por eles menos do que costa un kilo de berberechos, ainda que estes estan moi bos:
* Os dias olvidados de Eusebio Lorenzo Baleiro.
*Profecia do Mar de Bernardiño Graña
*Un rio que camina de Manuel Lueiro, aquel que dixo que o Grove ten os pes no mar.
* Hai un tipo no Dvd dun concerto de Lou Reed que merquei a semana pasada que fai o mesmo movementoq ue faria eu si estivera nese concerto cando soa a cancion Rock and Roll.Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 28 meses
-
outra mais:
Non vos cambiedes de casa se tedes moitos libros.Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 28 meses
-
Por suposto, comparto a primeira teima, adoro os libros, tanto polo contido como polo libro en si mesmo: encántame cheiralos, tocalos... Ultimamente comecei a forralos cunha folla de papel reciclado, que boto despois de ler o libro, porque adoito levalo na man todo o día, e a suor, o po, ou cousas así, estrágano. A diferencia de algúns de vós, a min si me gusta conservar o prezo dos libros: arrinco coidadosamente a etiqueta e pégoa na parte interior da contraportada. Gústame moito abrir o meu David Copperfield e ver que me custou 99 pence, ou libros que paguei con pesetas...
Comentario de Gemma hace 2 años y 27 meses