INTERNACIONALIZAR A LITERATURA GALEGA
Xa maxinades por onde vou.
Así como a adminitración autonómica sempre apoiou ao téxtil galego (a famosa Moda Galega que empeza a pegar forte nos 80 ) e incluso á propia música folc ( ou ao Turismo Rural ou... ), o certo é que, á creación literaria, nunca se lle atendeu como debera.
Como en Irlanda, onde se toman moi en serio aos seus escritores, a administración galega debería de, cando menos, matinar na posibilidade de crear algunha clase de oficina, ou así, para esa internacionalización da literatura galega, para que os libros de noso se coñezan fóra, para que as traduccións sexan máis frecuentes, para, en definitiva, colocar a literatura galega nun contexto internacional, para que se saiba que a literatura galega existe e non é unha literatura española clase B ou algo así.
Non ten moito senso que falemos e falemos e falemos tanto da calidade da nosa literatura, que vivimos un momento dourado e non sei que máis lerias, e despois o conto chegue só aos de Aquí e, o que é moito peor, que penetren Aquí productos literarios de fóra, de calidade, digamos, dubidosa.
Conseguir iso si que sería facer Galicia Para O Mundo.
Referencias
Comentarios
-
Sería, ademais, un bo xeito de comprobar se a nosa literatura ten a calidade que se di que ten e pode competir coas demais literaturas. O da oficina é algo que comenta moita xente, ó xeito irlandés, e que alí deu bos resultados. Unha proposta que xa tarda en poñerse en práctica pola Consellería de Cultura.
Comentario de Cunqueiro hace 2 años y 28 meses
-
supoño que cada un entende por calidade literaria o que aprecia nos libros que lle gusta ler. se tomamos este concepto, penso que por acó a calidade non sobra. alomenos ata onde se ve. con todo, da para saír do buraco. outros sistemas literarios meirandes non andan mellor. pero se cadra habería que cambiar a moitas das persoas presuntamente cualificadas para valora-lo que vale e o que non vale para editar, para premiar. atopo obsoleta a máquina.
despóis disto, si, despóis vaiamos a Cultura a pedir.Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
Gosto do que di Cunqueiro, esa idea de, polo menos, permitirnos competir en pé de igualdade e, daquela, si que parecería doado comprobar o nivel de calidade fronte das demais. Ao respecto do que comenta brautigan, nada máis afastado da miña intención que suxerir que todo o noso é bo. Para nada. Pero cousas de valor si que hai, ¿non lle parece?
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
seguro. por iso opinei que vale para ir á par doutros. pero manteño o dito. o edificio precisa reformas.
Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
Agora ben, tamén poderiamos preguntarnos se os editores fan todo o que "poden" por publicitar as obras que editan, tanto na Galiza como fóra. Nunha palabra, se cumpren co seu traballo con espírito comercial (non me atrevería a dicir "sanamente" comercial). Moitas veces dáme a impresión de que, unha vez editado o libro, déixase como un "náufrago" á súa sorte. Como táctica empresarial, desde logo, paréceme, cando menos, inapropiada, por non dicir suicida. En canto ó que di Brautigan, de rachar co actual sistema de toma de decisións para que diso poida xurdir outra literatura "mellor", quizais teña razón. Mais, polo que vexo por outras experiencias, por exemplo virtuais, que poderían mostrar unha literatura alternativa sen posibilidade de agromar no actual sistema, tampouco vexo nada especialmente interesante, sinceramente.
Comentario de Cunqueiro hace 2 años y 28 meses
-
A meirande parte dos editores fan o que di Cunqueiro. Publican o libro e xa está feito o traballo. Por circunstancias da vida traballei un tempo no sector, e vía como os editores non facían mais que poñer atrancos para a difusión das publicaciones. Eran incapaces de enviar un miserento exemplar dun libro para facer críticas ou reseñas. E logo quéixanse. Pensan que a patria e o mundo deberían estar agracedidos pola súa simple existencia.
Comentario de Moncho hace 2 años y 28 meses
-
Concordo con todos. Compre meirandes esforzos. É patético ver como ás veces ninguén, absolutamente ninguén, se entera de que saiu tal ou cal libro.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
quero facer unha reflexion e unha pregunta o resto dos "bloguistas" sen ter nada que ver con tema deste recuncho, xa que non sei onde podo por e necesito que alguen me conteste.
resulta que eu teño unha chaqueta que pon nun brazo "antifascista sempre", e hoxe a hora de comer dime miña nai: "quita iso do brazo que un dia destes vanche dar unha paliza". Eu dixenlle que no mo ía quitar xa que é a miña forma de pensar, e para dicir o que pensamos, durante moitos anos se estivo loitando contra o rexime dictatorial. Esta claro que a miña nai dicíame isto polo meu ben. Pero ¿non pensades que se dalgunha forma estou presionado a quitar esa etiqueta é un muro a dicir ou a expresar o que penso? Ese pensamento derivou despois en ¿realmente somos libres nese aspecto, e cada un pode dicir o que lle pete sen ofender os demáis? ou por outra banda ¿existe unha presión por certos grupos radicais pretenden impoñer o seu idael ou calar o de cada un no ambito urbano?.que quede claro que esa "etiqueta" non pretende provocar.
Un saudo. Liberdade e Igualdade.
AdrianComentario de adrian hace 2 años y 28 meses
-
E aínda resulta máis patético no tema das traduccións. Resulta que, por exemplo, na literatura infantil e xuvenil, temos escritores que acumulan todos os premios tanto galegos como alleos, de auténtica primeira división. Logo, resulta que hai unha feira e un tal Ábalos, cun tal Grimpow, publicado nunha editorial modesta, vende o libro para ser traducido a tropecentas linguas, e iso xamais aconteceu cun libro galego. ¿Para que van os editores galegos ás feiras? ¿Van promocionar os seus libros ou van ver o ambente? ¿Son profesionais que saben vender os libros ós compradores estranxeiros? Ás veces, nun ataque de paranoia, penso se non haberá algún tipo de conxura para que, quitados OS DOUS DE SEMPRE, poida algún escritor galego triunfar de maneira ampla.
Comentario de Cunqueiro hace 2 años y 28 meses
-
se se permite opinar:
anque non pretenda provocar esa etiqueta, e vostede o saiba, algúns cos miolos rasurados poden non entendelo así. eu quitaría esa chaqueta, cando menos por prudencia. outra cousa sería quita-lo que penso.
de tódolos xeitos, tamén hai a quen lle partirían os fuciños se na súa chaqueta rezara Fascista (ou Español, por exemplo: hoxe interprétase como sinónimo) Sempre. haille xente para todo, Adrián.
Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
Coido que a Adrián xa lle contestou acertadamente brautigan. Por desgraza, hai quen non está disposto a tolerar a presenza de segundo que etiquetas.
Ao respecto do comentario de Cunqueiro, deberían respostar os editores. Pero si que é certo que a prensa informa moito que de tal autor catalán, por exemplo, se venderon os dereitos a non sei cantas editoriais, e iso, desde logo, non pasa na literatura de nós. Si é certo que editoras coma Kalandraka si que o conseguen pero,por desgraza, os seus libros representan unha minúscula, aínda que importante, parte da nosa producción editorial.Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
O anti-fascismo, Adrian, leva-se dentro da cabeza, apreendese na net ou nos livros (onde também se aprende o fascismo): podemos exprimir, expresar, o que queremos?: não, ou apenas um pouco, em algúns lugares. Mas também não temos porque correr riscos desnecessarios.
Comentario de jlombardeiro hace 2 años y 28 meses
-
Quanto a internacinalizar a literatura galega: está previsto, penso, um centro Rosalía, ou Castelao. O instituto Cervantes apenas foi o ano passado que comezou a incluir o galego e a literatura galega, e eu não vi, não sei me confundo, muita presão dos escritores galegos para que fissera o que "constitucionalmente" tinha de fazer: divulgar as línguas do Estado, não apenas o espanhol. Pagamó-lo todos. Galegos e galegas também. Quanto ao instituto Camões (para além de qualquer questão normativa) também não houve qualquer iniciativa ou demanda, da parte dos escritores galegos, para que incluira a nossa literatura (é já difunde parte: a do medioevo). Pergunto, não sei muito do tema, estavam aí, os escritores, um pouco desaparecidos, não é?
Comentario de jlombardeiro hace 2 años y 28 meses
-
Si, pero o instituto Rosalía, quizais vai centrarse máis no asunto da lingua que do da literatura, coido, cando menos, polo que lin na prensa.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Em essa linha seria indispensável a tradução, promocionada e pagada pela Junta (fora de algúm pacovazquez ninguém discordaria disso, acho) dos nossos livros ao inglês, francês, alemão..O conflito viria na eventual selecção dos escritores vivos..
Comentario de jlombardeiro hace 2 años y 28 meses
-
O de fomentar as traduccións de autores de noso a outras linguas, semella unha obviedade na que concordaríamos todos, agás algún rariño. Ao respecto da selección dos autores vivos... en fin, sería un grave problema como facer esa selección.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Está ben que se cree esa oficina de proxección exterior e que sexa o medio de difundir as nosas letras fóra do ámbito galego. O problema está nos criterios para escoller o que se promociona e o que non, e nas persoas encargadas de facer a escolla. Esperemos que as persoas e os criterios non sexan sectarios (é dicir, promocionemos a tal ou cal autor que é da nosa corda e deixemos a este outro que non o é). Porque se chegamos a isto último, o mellor é que desapareza calquera oficina dese tipo. E por suposto, o que se di desa suposta oficina vale tamén para premios institucionais, recoñecementos oficiais e demais.
Comentario de xaquín hace 2 años y 28 meses
-
Totalmente de acordo con Xaquín. Primeiro de todo hai que dicir que a tal oficina a día de hoxe non existe. Nin me consta que estea previsto. A idea saiu na discusión neste blog. Ogallá. Por suposto que, se algunha vez funciona, tería que facelo con criterios para nada sectarios, e respondendo só a criterios de calidade. Outra cousa diferente sería poñernos a dilucidar que ten calidade, que non e, aínda máis, poñernos de acordo sobre que entendemos por calidade literaria.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Grazas a todolos "bloguistas" pola vosa resposta e noraboa por facer que este blog siga adiante.
adrianComentario de adrian hace 2 años y 28 meses