PARA UN DEBATE DE NADAL
No número da semana pasada de A Nosa Terra, publiquei este artigo. A ver se serve para un Debate de Nadal.
NORMAIS NUN PAÍS ANORMAL
Levo máis de 1000 anos dicindo que os escritores galegos temos que deixar de queixarnos e escribir como se este fose un país normal, é dicir, como se os escritores puidesemos vivir e gañar dignamente a vida só co noso traballo literario e, xa que logo, non tiveramos que ocupar gran parte do día noutros atafegos que nos rouban a enerxía, as gañas e, probablemente, as neuronas ( as poucas que nos restan despois de oito horas, ou máis, facendo o traballo de verdade ). Daquela cómpre dicilo e cómpre dicilo xa: os galegos somos escritoresheroicos, porque temos que facer como se só fosemos escritores cando, na práctica, somos outras moitas cousas ademais de escritores. Isto, é claro, é unha eiva grande para unha cultura. E dígoo sen ánimo de ser esaxerado: é un problema grave para o país que o seu sistema literario estea sen profesionalizar. Igual pensamos que todos os problemas de Galicia se limitan a ter, ou non ter – velaí a cuestión, Shakespeare si que sabía – unha Selección de Fútbol. O que lles comento é moito máis grave. Moito máis. Pero coido que a sociedade non o percibe como tal.
No ano 2004 publiquei en Galaxia unha novela que titulei Xeración Perdida na que, ademais de contar unha historia, pretendía reflexionar sobre o asunto de “que significa ser escritor en Galicia hoxe”. Alí ironizaba sobre o feito de que a nosa literatura é unha “literatura con olleiras”. Disimulen a autocita pero aí vai: “Os escritores galegos andan cansos e con olleiras por roubarlle o tempo ao sono para escribir novelas e poemas interesantes porque deben gañar a vida con outras cousas menos interesantes”. Velaí resumida a traxedia: o que nos apaixona é a literatura, antes que todo somos escritores e quixeramos dedicarnos en corpo e alma ao noso Proxecto Artístico, pero este país, non dá para máis. Onde vostedes len “país” poden probar a substituilo por Atención (escasa) dos Medios, Inexistencia dun Programa de Libros na TVG, Invisibilidade do Libro Galego en Todas Partes, Sensación Social de Insignificancia ( ¡Ah!, pero ti escribes en galego, ¿e por que?, ¿non te iría mellor en castellano? ), etc... E así as cousas, resulta que tal escritor érguese dúas horas ou tres antes de ir ao traballo para, mentres o resto da humanidade dorme, escribir; aqueloutro faino cando toda a familia xa está deitada; o de máis alá deixou de saír cos fillos e co compañeir@ por ver de rematar, dunha vez, esa novela marabillosa ( A Gran Novela Galega, xa saben, ese Ser Mitolóxico que non dá aparecido, coma Ness ).
¿Que conclusións podemos tirar do feito de que aos escritores galegos a literatura non lles dea para vivir?
Primeira conclusión tráxica: a literatura, para que se faga ben, como calquera outra forma da arte, esixe dedicación exclusiva. Ninguén imaxina a Ronaldinho repartindo pan por Barcelona ou nunha oficina oito horas ao día para logo xogar na Champions e esperar que, ademais, o faga ben.
Segunda conclusión tráxica: mentres a nosa literatura sega a vivir nesta situación de “anorexia cultural”, non podemos esperar que aparezan Grandes Obras Mestras. Aparecerán libros. Aparecerán textos. Apareceran historias, de cando en vez, máis ou menos inspiradas. Pero facer Literatura, así, con maiúsculas, Escribir Libros, así con maiúsculas, é algo que só pode ser feito desde a tranquilidade de saber que se conta con tempo porque o cocido está garantido e a pota quecendo no lume. E os escritores galegos non teñen tempo. Escriben cando poden. O incrible é que, ademais, de cando en vez, lles saia algo interesante.
Terceira conclusión tráxica: A escrita vólvese urxente ( por falla de tempo). Sempre se dixo que algo típico da literatura galega é a querencia polo relato curto. Aínda vai ser por isto ( léase isto, se se quer, cunha certa retranca, se quer, non ).
Cuarta conclusión tráxica: Como a sociedade non se toma en serio aos escritores galegos ( nin aos músicos, nin aos pintores, nin... ), o propio sistema literario non se toma en serio a si mesmo. Síndrome de Estocolmo pero ao revés e para mal. Daquela, os escritores galegos deixan de ser esixentes co seu propio labor e daquela corremos o risco de facer “calquera cousa” como se fose literatura, e confundir cantidade ( ¡canto se edita neste país! ) con calidade. Mais volvo ao primeiro: a pesares de todo isto hai que facer como se todo fose normal e non queixarse. Daquela corrixo o de Síndrome de Estocolmo. Direi mellor: esquizofrenia auto-provocada.
Quinta conclusión tráxica: Os escritores pasan a ter un comportamento “raro”. Conscientes, no fondo, desta realidade pato(i)lóxica, e desexosos de mudar esa situación, damos en desenvolver unha conducta militante, un comportamento radical. Así rematamos todos, mais ou menos, polos mesmos lugares ideolóxicos, asinando os mesmos manifestos, pensando igual. Se hai Pensamento Único é na literatura galega. E iso é insán e nocivo. Non pode ser bo para a saúde estar sempre en pé de guerra, cabreados con todo, protestando a eito.
E aquí deixo este artigo. Que estou canso. E non podo seguir escribindo. Preciso durmir.
Referencias
Comentarios
-
Pois si, boa razón leva, señor escritor. E ademais deixándonos os ollos en facer blogs que ninguén le. ¿Pero que imos facer? ¿Seppuku? Non, descansar. Isto é o que eu recomendo; e cito, para non ser menos:
"A vida humana non dura máis que un instante; é necesario te-la forza para vivila facendo aquilo que nos guste máis. Neste mundo, fugaz como un soño, vivir no sofremento e non facer máis que cousas desagradables é unha pura loucura... Adoro o soño/sono. Como resposta á situación actual do mundo penso que o mellor que podo facer é entrar na miña casa e botarme a durmir".
Hagakure. O Libro secreto dos samurais.Comentario de erik cachuzo hace 2 años y 29 meses
-
Fermosa cita, abofé, aínda que só poida compartir unha parte. Mellor que o soño/sono, a loita, aínda que soe a XIX. E ao respecto dos blogs, si que se len. Moito máis do que pensamos.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses
-
¡Qué derroche de optimismo! Erik Cachuzo nunca suscribiría afirmacións de tal tenor.
E ¿os que loitan/loitamos son/somos tantos como os que len blogs ou máis?
E remato: veña, a ler o meu, meu, que isto de escribir virtualmente para un mesmo éche unha vaina. E ademáis xa che puxen un vínculo para o teu e todo.
Saúde e noraboa!Comentario de erik cachuzo hace 2 años y 29 meses
-
Tamén igual vai sendo hora de non pensar tan diferenciadamente entre os conxuntos "escritores" e "escritores galegos". Álén das peculiaridades do noso sistema ligüístico e literario, o que prima é unha condición extensible a todos os que se gañan a vida (ou quixeran facelo) con algo que non se pesa ou mide co sistema métrico decimal, e que se lle aplica unha mesura pecuniaria de caracter subxectivo.
¿terían que saír cazar os que pintaron a cova de Altamira? ¿serían "liberados" da tribo ou terían que aportar a súa parte de mantenza para a cea? ¿estaría a súa disponibilidade de tempo para as terefas artísticas ligada a que a súa obra fose do gusto dos denais membros do grupo (=público)? ¿ou á aprovación do xefe (=poder)?Comentario de caravelete hace 2 años y 29 meses
-
¿e qué vén sendo un sistema normalizado? ¿aquel no que os autores poden comer única e exclusivamente do que escriben? ben sei que Lucía Etxebarría dixo por aí non hai moito que podería vivir folgadamente da súa novela Amor, curiosidad, prozac y dudas. pero aposto a que non hai moitos máis. compróbeno.
Comentario de brautigan hace 2 años y 29 meses
-
Igual un sistema podía considerarse normalizado a pesares de que non poida darse a profesionalización dos escritores. Pero, en calquera caso, non me dirá vostede que non desanima que con un libro tan "mediano" como o de Etxebarría que vostede cita, alguén poida vivir dos dereitos de autor, e aquí haxa que loitar tantísimo. De feito, lía onte mesmo que El Lute vive dos dereitos dos seus tres libros. Case que nada.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses
-
pero en calquera caso estas cousas chócannos tanto por non seren habituais. prácticamente tódolos escritores teñen un emprego convencional, entre comiñas. por se acaso. dame a impresión de que cando se fala doutros sistemas literarios se pensa só en planeta, en goncourt... o conxunto é máis complicado e menos glamuroso.
non sei eu qué se entende por sistema literario profesionalizado, pero supoño que non debe haber moitos polo mundo adiante. e o problema do galego en particular todo o mundo sabe que é o público. vostede daba a entender nun post a súa sorpresa ante o feito de que un libro en galego se considere best-seller con só vender 4 ou 5 exemplares nunha semana. quizáis iso é o xusto.Comentario de brautigan hace 2 años y 29 meses
-
¿Poder vivir dos libros? ¿Cánto faría falta? Menos de 25.000 exemplares anuais non dan para ir tirando. A euro por exemplar, 25.000 brutos menos retencións. Logo algún bolo... ¿Quen vende 25.000 exemplares ó ano en Galicia? ¿Hai lectores para manter a dez escritores con eses niveles de ventas?
Comentario de Critico hace 2 años y 29 meses
-
Imposible dicilo mellor. O problema, máis que o público, é o País.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Non todos os xogadores de fútbol son Ronaldinho, no deporte hai máis afeccionados que profesionais porque non todos chegan a acadar o nivel necesario. Aplíquello aos escritores, sen demagoxia por favor.
Comentario de Cousas hace 2 años y 28 meses
-
Parabéns pola argumentação -e polo importante premio de há uns dias-. Não concordo no do pensamento único no sistema galego, se o ponhemos em relação com outros ainda mais autocomplacientes, e sem os problemas que existem aqui. Falo do sistema francês, claro
A lingua na Galiza não é inocente (isso é de Suso de Toro, um dos primeiros em cismar sobre estes assuntos). A opção da língua para um escritor de aqui não o é. Por isso precisais de argumentários que às vezes podem semelhar radicais, mas que colocados num pais normal, não colonizado (falando claro), no mínimo, no cultural, não são tal. A Etxebarria ninguém lhe pergunta porque escreve em espanhol, e a Rubém Fonseca ninguém lhe pergunta se ele escreve em brasileiro ou em português, por caso...(feliz passagem de ano)
Comentario de jlombardeiro hace 2 años y 28 meses
-
O ¿argumento? de Cousas mantén algo así como que quen non vive da súa arte é por incapacidade...
Ao respecto de jlombardeiro, coido que entendeu ben o que pretendía dicir co meu artigo. É tan estraña a situación ( como el di, a ninguén se lle pregunta por que escribe na súa lingua, agás a nós, ¡e os de aquí! ), que, ao final, semellamos radicais. Iso é o que pretendía dicir, precisamente.
Feliz 2006 tamén para ti.Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
sinxelamente, bo fin de ano e máis que bo Aninovo a todos.
Comentario de brautigan hace 2 años y 28 meses
-
O mesmo para ti, brautigan. E para todos os lector@s deste blog.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses
-
Básicamente creo que tiene razón en todo. Me cuesta opinar porque no soy escritor, solo escribo. Para más "Inri" no escribo en gallego (no se) y ya para "rizar el rizo" lo que no escribo en gallego no está demasiado bien escrito.
Pero me gusta escribir, me gusta vivir.
He hecho un esfuerzo por escribir un soneto en mi "gallego macarrónico" y me gustaría dejar esta caracola en mis playas abandonadas. Así como está es imposible, seguro que desborda incorrecciones. Querría hacerlo con la mayor certeza de que lo que publíco está, al menos gramaticalmente, bien escrito.
¿Alguien me puede ayudar, por favor?
Gracias anticipadas por no echarme de este espacio, si es que no me echan.
SONETO PORQUE SON DE GALICIA
Eu quero nadar polo ar,
quero comer na agua,
eu quero voar polo mar,
beber o froito da fraga.
Quero reviravoltar os sentidos,
e quero sentilos mais,
tolear neses teus bicos,
quero sentir que mos das.
Y sexa día ou oscuridade,
sexa silencio ou o son,
sentirme na miña verdade.
A que sinto na razón
cando a tua maternidade
vaime decindo quen son.
Rafael
5 de Xaneiro de 2006
Comentario de Raafel hace 2 años y 28 meses
-
Prezado Rafael: grazas polo poema. De aquí, en principio, non se bota a ninguén, a non ser aos maleducados, claro. Ao respecto do teu galego, só acho unha gralla, ese "Y" que se meteu aí que tiña que ser un "e". O dito, grazas.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 28 meses