Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

BEATLES OITO DÍAS Á SEMANA


Desde La Voz de Galicia pedíronme para o suplemento Culturas do pasado sábado, un texto sobre os 25 anos do asasinato de John Lennon.
Velaquí tendes o meu artigo.


ESCOITO AOS BEATLES OITO DÍAS Á SEMANA
( UN TEXTO ALGO CÓMICO PARA UNHA EFEMÉRIDE ALGO TRÁXICA )






Bush non ten un plan para o Iraq. Pero Lennon tiña un para min. Na cea de fin de curso de COU eu tiña 17 anos. Na discoteca poñen Woman de John Lennon. É a primeira vez que a escoito. Achégome a aquela compañeira tan guapa. ¿Bailas? Vale. A primeira vez que unha rapaza me dixo que si. De cada vez que escoito a canción lémbrome daquela noite e daquel baile. Ela formaba parte do Plan.
Porque hai un Plan para que eu escoite aos Beatles oito día á semana. É cousa do Destino. E dun mollo de persoas manexados por el. Polo Destino, no que non creo.
Falo, por exemplo, de Ivan Vaughan. El naceu para que eu escoitase aos Beatles o resto da miña vida. De non ter existido este rapaz, e de non ter acudido o 6 de Xullo de 1957 a escoitar aos Quarrymen ( o primeiro grupo de John ), a un pícnic na parroquia de Woolton, e de non terlle presentado a un bébedo John a un amigo seu, chamado Paul, os Beatles non terían existido nunca. Ivan era necesario e estaba predestinado a existir só para presentar a Lennon e McCartney e dar comezo así ao Plan.
Falo de Raymond Jones, outro rapazolo que un 28 de Novembro de 1961 entrou na tenda de discos da familia Epstein para mercar o disco “My Bonnie” de Tony Sheridan e os Beatles ( gravado meses antes en Alemaña; daquela, eran só un vulgar grupo de acompañamento ). Falo de dúas rapazas ( de quen non temos o nome, pero que formaban parte do Plan ), que dous días despois entraron na mesma tenda para pedir o mesmo disco. O fillo dos donos, Brian, picado pola curiosidade (¡pero era O Plan, era O Plan!), achegouse ata The Cavern, para converterse no seu representante. Nin Raymond Jones nin aquelas dúas nenas tiñan idea da que estaban montando por pedir eses discos a esa persoa en concreto. Os catro estaban Alí para que hoxe eu escriba Aquí.
Falo, por exemplo, de Dick Rowe e de Mike Smith, que rexeitaron aos Beatles para a DECCA Records, despois dunha proba o 1 de Xaneiro de 1962, poñendo así a George Martin ( productor dos Beatles e responsable último do seu son ) na estela do seu destino, na estela do Meu Destino, no que non acredito. George Martin recibiu a Epstein porque antes aqueles os rexeitaron. E tamén ( O Plan É Moi Hábil ) porque aquel 9 de Maio de 1962, todos os directivos de Parlophone ( a empresa matriz de EMI, onde gravarían despois ) cos que Brian quería falar, estaban ocupados. Só estaba dispoñible Martin. E escoitou aquela cinta e O Plan fíxose disco. Todos eles eran necesarios para que o Destino previsto para min, no que non creo, insisto, se cumprise. Cando Brian Epstein entrou naquel despacho daquel productor de segunda fila, ningún dos dous tiñan nin a menor idea do que estaba principiando sen eles o saber. Só O Plan o sabía: estaban predestinados a atoparse para, pasado o tempo, facelo a través da música dos Beatles comigo e con vostedes que me len.
Escoito aos Beatles oito días á semana grazas a que teño un irmán que me leva dez anos e que foi mercando os discos dos Beatles a medida que foron saíndo. El mercounos, sen el o saber, para min. E así dixen antes a jar deis nai que papá ou mamá. Recordo que xogaba co seu tocadiscos: abría a tapa convencido de que John, Paul, George e Ringo vivían alí, pero en pequeno. Puña os discos e dicíalle ao altofalante: veña, chicos, a cantar. E cantaban. Agora el non sabe ( e rezo para que non lea isto ) que eses vinilos están no meu poder. Escoito aos Beatles oito días á semana grazas, pámense, a TVE, que unha noite estraña puxo na televisión a fita A Hard Day’s Night, aquí xa ben escrito e ben pronunciado. Quen programou aquela película para aquelas horas da noite non tiña nin idea de que no barrio de Teis, en Vigo, había un neno impresionado xa para sempre. Chegadas as dez, meus pais, responsables, enviáronme para cama. Negueime. A película aínda non rematara. E vencín. Foi o meu primeiro acto insubmiso. E durante días e días, xoguei cos meus amigos ( Juan, Jose el de Arriba, Jose el de Abajo e máis eu: eramos Catro Fabulosos ), con paos de vasoira a modo de guitarras, que eramos Eles. E escoito aos Beatles oito días á semana grazas á antiga Radio Popular de Vigo, na Frecuencia Modulada, que todos os sábados, ¡todos sen excepción! da miña primeira adolescencia, programaban sen interrupción música dos Beatles desde as oito da mañá e durante unha hora. En troques de durmir, como facía o resto da rapazada ( Os Normais ) eu escoitaba aquelas cancións sorprendéndome a cada momento ( e, xúrovolo, non é unha licenza de escritor, sorpréndome aínda hoxe ao decatarme dese, por exemplo, baixo prodixioso de All you need is love, ¿cantas veces oín a canción?, milleiros, pero ata onte mesmo, mentres procuraba a inspiración para escribir estas liñas, non me decatara de como o tocou Paul nese tema. Iso foi onte, mañá será outra canción ). Escoito aos Beatles oito días á semana, que ironía, grazas a Mark David Chapman, que un 9 de Decembro de 1980 o asasinou cando volvía para casa. El tamén participa do Plan. Espertoume aquel sábado un amigo. ¿Sabes?, asasinaron a Lennon. Chamádeme cursi, pero, aos meus 13 anos, aínda non era tan home como para non chorar pola morte de John. E chorei. De feito, non llo digades a ninguén, ás veces, escoitando a canción que lle dedicou ao seu fillo Sean, e que titulou, claro, Beautiful Boy, aínda choro.
Escoito aos Beatles oito días á semana porque, entre todos eses se confabularon para poñer a funcionar ese Plan. E o Plan, tanto tempo despois, funciona. É o Destino, marabilloso, no que non creo. E que me encanta.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Estas cousas págannas?

    Comentario de Rosa hace 2 años y 29 meses

  2. Precioso texto, realmente bonito. No caso de que Lennon lea este blog (non o descartes; xa se viron cousas máis raras), estará moi feliz de saber que forma parte da túa vida.
    Mira por onde, fixéchesme recordar cousas que estaban xa esquecidas. Lembro que, cando tiña dezasete anos, escribín un poema espantosamente malo no que facía coincidir, en plena rúa dos viños de Vigo, a John Lennon, César Vallejo e Xesús Cristo. E lembro que a profe de Inglés do S. Tomé de Freixeiro, Dª Teresa, nos puña cancións dos Beatles os venres pola tarde. Girl, Something, Beautiful boy, Michelle... Tamén forman parte da miña vida. Grazas, John, por todo, e grazas a ti, Francisco, por facernos partícipes desta emoción.

    Comentario de Veloso hace 2 años y 29 meses

  3. Moitas grazas, Veloso, polas túas amables verbas. Todos temos moreas de recordos asociados á música dos Beatles. En 3º de BUP, a profesora de Inglés tamén nos aprendía coa música dos de Liverpool. E ao respecto de se Lennon le este blog, non sei se no Alén hai conexión a Internet.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses

  4. Repito o contido do meu SMS para púnblico coñecemento:
    Fermoso artigo, eu que son dos Rolling ata me emocionei. A fin de contas a música, calquera música, e iso: a banda sonora da nosa memoria. Beizóns.
    Nota: dalle mil voltas ao artigo de caneiro.

    Comentario de folerpa hace 2 años y 29 meses

  5. Gostei moitísimo dese neno mandando cantar aos Beatles.
    Noraboa.

    Comentario de ababoro hace 2 años y 29 meses

  6. Coincido con folerpa. Eu tamén son máis dos Rolling pero gustoume moito o artigo.

    Comentario de Máis Alá hace 2 años y 29 meses

  7. Pois eu son dos Beatles, pero tamén dos Rolling. Non sei por que non se pode ser dos dous ao mesmo tempo.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses

  8. Eu tamen son dos dous pero para min sempre estaran presentes os Small Faces. cando no mes de febreiro estiven en londres tiven unha experiencia que nunca se me esqueze. Nunha libreria de vello mentres eu pasaba os meus ollos e mans polos vellos libros polo altofalante soaba os Small Faces. " All or Nothing".

    Ainda que esta fin de seman escoitei unha musica maravillosa que proviña do Organo Hammond de Jack Mcduff.

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 29 meses

  9. Pois tamén, claro. Eu podo contar que me colei nos estudos de Abbey Road, o dos Beatles, ata que me colleu o garda de seguridade. Daría para unha boa historia. Haberá que escribila...

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses


  10. Eu prefiro a Rigo, que sabía facer boa música. Lennon e McCarney sonche uns ñoñetes. Aquí a única que lle saca tallada son eu.

    Comentario de Yoko Ono hace 2 años y 29 meses

  11. Este e un exemplo dun artigo cargado de sentimento que lle chega ao lector. Gustoume e a John Lennon encantarialle.
    Noraboa.

    Comentario de acedre hace 2 años y 29 meses

  12. Moitas grazas acedre.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses

  13. Poucas veces lin un artigo no que se mesturasen con tanto talento a peripecia vital do autor e a historia do seu ídolo. Noraboa!

    Comentario de xaquin hace 2 años y 29 meses

  14. Grazas,. xaquín, pero esaxera vostede un chisquiño no do talento. Pero grazas de corazón.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 29 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.