Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

CALQUERA É ESCRITOR


Nancho Novo defínese a si mesmo nunha entrevista, como "actor, músico y ahora, tambien, escritor". Porque acaban de publicarlle un libro. Unha novela. Xa que logo é novelista. E o máis interesante é que lle pediron un libro desde a editorial, un sobre cine. Como non lle saiu, de teatro, de monólogos. E como tampouco lle saía, "saiulle unha novela". Como se nada.
Eu teño nove libros no mercado, algúns coa fortuna de ser traducidos ao castelán e agardo que a outras linguas, imparto talleres literarios e considérome un humilde traballador da tecla. A pesares de que publiquei o meu primeiro libro aos 22 anos, empecei a sentirme escritor, así, en-plan-Escritor, hai uns tres anos. E agora teño 39. Antes non. Empecei a dicir "Escritor",sabendo todo o que semellante cousa implica, hai ben pouco.
Pero el é escritor e defínese como escritor porque lle publican unha novela. E como se a min me ofrecen a oportunidade de facer uns planos nunha película, poño por caso, de amor con Leonor Watling (postos a pedir... ) e saiu alí dándolle uns biquiños e, no sucesivo, nas lapelas dos meus libros poño, "escritor e actor". Ou fágolle os coros a Bisbal e xa podo poñer cantante.
Escritor é calquera.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. E canto tempo vai durar esta nova promesa da literatura, até que sexa esquecido? (Non só no mundo literario, senón tamén coma actor, diría eu...)

    Por certo, non puiden aturar a curiosidade e lin Xeración perdida, gustoume moitísimo, sobre todo ese narrador que dialoga co lector, que comenta mesmo o proceso de elaboración da propia novela. O tema, a pesares de ser tráxico, está tratado con moita serenidade, sen dramatismos esaxerados, cousa que me parece un acerto, pero sobre todo destaco a técnica narrativa, grazas por escribir algo así.

    Parabéns tamén polo premio do Rosalía de Castro, avisa cando saia o libro, teño ganas de ler o teu relato.

    Comentario de Gemma hace 2 años y 33 meses

  2. Prezada Gemma: moitas grazas polo que dis de Xeración Perdida. Gústame en especial que destaques o asunto do narrador. Puxen moita enerxía niso, quería que, ademais de tratar o asunto das drogas, houbese unha reflexión sobre que significa, a día de hoxe, escribir, e, máis en concreto, escribir en Galicia.
    Ao respecto do "fenómeno literario" Novo, non creo que dure moito. Como actor, supoño que máis.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  3. Na miña humilde opinión, a "semellante cousa que implica ser escritor" non difire demasiado da que "implica" ser o corista de Bisbal.

    Comentario de Txuliña hace 2 años y 33 meses

  4. Suponho que tudo vai na importancia que cada um lhe dá às palavras, e parece que para o senhor Novo não têm muito. Mas tãopouco é cousa de estranhar, segundo conta, não passou muito trabalho para chegar a publicar o livro e nem sequera parece que fosse um seu objectivo pessoal.
    Para você é distinto, entendo, para você escrever é uma parte muito importante da sua vida (talvez a mais importante?), você consagrou a isso muito tempo, pôs muito esforço em escrever cada cousa que publicou e, imagino, passaria trabalhinos avondos para publicar tudo o que leva publicado. Por isso para você ser escritor, dizer-se escritor, é algo. Mas para ele... Não se lhe pode pedir a alguém que não sabe o que é tudo isso que lhe dê importancia a essa palavra. Para ele não deve ser muito mais do que um jogo.

    A pergunta é: qual seria a reacção de Nancho Novo se, como você diz, um ninguém de ningures se dissesse actor por ter saído num filme durante cinco minutos reprensentándo-se a si mesmo?

    Comentario de Al & Cia hace 2 años y 33 meses

  5. Ao filme con Leonor apúntome eu tamén, senón pode escollo a Natalie Portman.

    Comentario de folerpa hace 2 años y 33 meses

  6. No mundo do dereito sempre se dí que o que califica unha relación xuridica non é o nome que lle demos senon que son as obligacions e dereitos que se derivan da relación o que fai que chamemos por exemplo a un intercambio de bens por un precio, compraventa.

    Por eso que alguen se chame a si mesmo escritor é un autoeloxio. O unico que pode denominar escritor a unha persoa engaiolada pola paixon das palabras é o lector.

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 33 meses

  7. Concordo con case que todos, en especial con este derradeiro comentario de gustavo peaguda. Un é escritor se así o consideran os lectores. Por suposto. No fundamental, no meu post, é o que sinala Al & Cia, pedir respecto pola palabra "escritor". E, sobre o que se di de que é tan importante como facerlle os coros a Bisbal... pois mire, non serei eu quen lle diga que non.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  8. ainda estou a rir co post. E, coma se dis acá, é ris por non chorar. Lembrei unha entrevista que o meu mozo fíxolle a un dos escritores vivos mais importantes da Arxentina chamado Abelardo Castillo que, aos seus 70 e tantos, comezou a chamarse "escritor" fai pouco. E repito que é un dos mais importantes e marabillosos do país. En fin...
    PS: estou a pensar se me fai ben viaxar por este blog... cada día quedo cunha curiosidade enorme que non é do meu talle. Onte era o conto premiado, hoxe Xeración perdida que -claro- non se atopa en Bos Aires. Teño que viaxar a Galicia ou me vai dar "síndrome de abstinencia". Apertas!

    Comentario de torredebabel hace 2 años y 33 meses

  9. Estase a falar sen ler a novela do Novo, e pode que sexa mellor que Borges (anque dubídoo moito). O que si é certo e que cunha sola novela pódese ser considerado escritor, se a novela é boa. Ou non? John Kennedy Toole non publicou nada en vida, tras a morte saíron dúas novelas, e ninguén dubida que sexa escritor.

    Comentario de Pedro hace 2 años y 33 meses

  10. Para min que e un escritor eventual. E coma se manha tenho que buscar choio e topoo de pintor de brocha gorda. Por iso non vou ser pintor. Terei que botar o meu tempo, perfeccionarme, aprender, practicar e ver que hai clientes que pensan que traballo ben. Nese momento serei un pintor, pintor.

    Comentario de acedre hace 2 años y 33 meses

  11. Máis alá da anécdota de Nancho Novo (seguro que lle facía ilusión, sen máis; eu preséntome ás veces como dianteiro centro e non o son), creo que se podería afondar algo máis no asunto. A Literatura, na miña opinión, é un territorio no que todos os intrusos deben ser benvidos. Ao mesmo tempo, calquera autor, malia a súa posible brillante traxectoria, ten a obriga de empezar de cero con cada novo libro. Se non se cumpren estas dúas premisas, estariamos falando de mercado, de sistema editorial, de entrevistas na Voz e mencións nas antoloxías, pero non de Literatura.

    Comentario de Veloso hace 2 años y 33 meses

  12. Concordo con case que todos. O tema non é a calidade da novela de Novo. Igual é fantástica. Sobre o que se pretende reflexionar aquí é sobre a lixeireza coa que se define como escritor. Aínda que eu fixese un papel nunha película, dubido que puidese chamarme actor.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  13. Nancho Novo escribiu unha novela, non fixo un conto nun libro colectivo. Non sería un papel nunha película, sería ser o protagonista absoluto, e ese é xa outro cantar. No canto a extensión da obra, todo depende da calidade da mesma. Antes daba o exemplo de Kennedy Toole. Juan Rulfo escribiu ben poucas páxinas, todos teremos o seu libriño, en ninguén nega que sexa escritor. Non é a extensión da obra o que define a un escritor, é a súa calidade e intensidade. Non creo que Novo sexa un grande escritor, coñecendo ao personaxe, pero estamos a prexuzgalo sin leer o seu libro. Tamén é certo que polo momento non teño a intención de perder o tempo co mesmo porque imaxino o que todos vos, que será unha merdiña. Pero pode que non sexa así. Con todo, penso que é mais fácil que o traballo como escritor perdure máis que como actor, xa que é ben maliño, o neno.

    Comentario de Pedro hace 2 años y 33 meses

  14. eu por facer unha escena... (non, non vou poñer ningún adxectivo aquí) ...coa watling chamaríame a min mesmo actor ou o que fixese falta...

    orabén, escritor?, concordo plenamente con gustavo.

    Comentario de oollodavaca hace 2 años y 33 meses

  15. Vale, pero quero insistir en que, en realidade, non falo, no fondo, de Novo, senón dun sistema editorial que permite que alguén, polo feito de ser famoso, escriba. Se ides ao link onde está a entrevista onde el se define, entre outras cousas, como escritor, alí di que foi a editorial quen lle pediu un libro, sobre teatro, ou monólogos. E que ao final presentou unha novela. O resto da humanidade que se sente escritora, e non é famosa, vaino ter moito máis complicado para publicar. Sobre todo, falo diso. Da calidade da novela non lles sei. Nin creo que importe en relación ao que manteño aquí.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  16. E que implica para ti ser escritor?

    Comentario de peke hace 2 años y 33 meses

  17. En Galicia, claramente, unha responsabilidade, a crenza de que hai que facer unha obra, a seguridade de que hai que coidar cun enorme respecto a palabra... non sei, peke, levaríame un curso enteiro explicalo, mais, en calquera caso, bastante máis que publicar un libro. Iso faino calquera.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.