EROTISMO GALEGO 15 ANOS DESPOIS ( OUTRA IDEA PARA UN LIBRO )
Francisco Castro - 17-10-2005 14:42:54 | Categoria: Todos os meus artigos
Hai días comentei un libro de relatos eróticos escritos por mulleres. O certo é que, a pesares de que a calidade dos textos non estaba como que moi alá ( case que digo, coma Marsé, que o nivel era subterráneo.... ¡¡¡vade retro!!! ), o certo é que está a ter un éxito mediático máis que relevante.Isto faime lembrar cando, no xa afastado 1990 ( se a miña acordanza non é errónea ), Xerais tirou do prelo aqueles dous libros de Contos eróticos ( Eles e Elas ), que recordo mercar na Feira do Libro, cunha mazá como agasallo. Fermosa iniciativa que, quince anos despois, estaría ben repetir para ver que pasa e como mudou a nosa maneira de escribir, de ver o erotismo, de contar esas cousas do amor e do sexo, do sexo sen amor, do amor sen sexo...
Quero dicir que, hai 15 anos, naquela iniciativa pioneira igual o que se entendía por texto erótico, igual non é o que hoxe entenderiamos. Igual antes primaba máis ( pola novidade ) o puro texto descarnado e, quizais, agora, igual eramos máis sutís.
Reto, desde aquí, xa que logo, aos editores galegos a que se animen a preparar ese libro e ver como evoluiu a literatura erótica galega quince anos despois.
Por dar ideas que non sexa.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
A polemica de Juan Marse e os premios Planeta deume que pensar. Os luns teño una tendencia a metafisica. Literatura y vida literaria. De socato, veume unha frase que Dick Bogarde, a quen quero parecerme xa que non podo escribir coma Rimbaud, dí nunha película “ os funcionarios pasan, os documentos quedan” e despois duas definicions distintas de poesia.Unha de Manuel Maria “ a poesía é palabra no tempo” e outra de Angel Crespo que creo que e mais axeitada, “ a poesía non é palabra no tempo senon tempo na palabra”. E xogando a ser surrealista cheguei a seguinte conclusión “ os escritores e a súas palabras botadas pola súa boca pasan, os libros quedan.”. Por iso o importante é a obra non o escritor. A palabra dita esmorece no tempo mentras que a palabra escrita nace e renace cando unhos ollos se pousan nela.
Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 34 meses
-
Por iso leva tanta razón a gañadora cando di que quere que a xulguen os lectores. Non a coñezo de nada, pero desexo de corazón que o libro sexa bo. Porque o que fixo Marsé, non se fai.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses
-
No 1993, e durante três anos sucessivos, um grupo de amigos que estavamos em Santiago publicando uma revista de estudantes em galego, decidimos realizar um certame de relatos de narrativa erótica na nossa lingua. Tinha um bom nivel e o premio chamou-se "Máquina de Vapor" -cousas de rapazes, homónimo a um certame de literatura infantil estatal- e a sua distribução, cativa, chegou ainda aos andeis das cidades da Galiza (mesmo a Sarria e Ribadeu!). A ultima edição acabou sequestrada -literalmente- no prelo da USC, onde se imprentava, sob mandato e ordem de Dario Villanueva, o que motivou alguma polemiquinha local e várias alusões de solidariedade. Aguardemos então que mudasse para bem tanto a literatura erótica do pais quanto a mentalidade duns poucos com poder.
Comentario de jlombardeiro hace 2 años y 34 meses
-
Hei de dicir que eu posúo algún deses exemplares na miña casa. Era unha iniciativa fantástica, e si, lembro ben a polémica. Supoño que, a día de hoxe, non habería eses problemas... ¿ou si?
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses
-
con respecto ó asunto de planeta, opino que Marsé andivo un pouco bardallas. pero, qué carallo, eu é que llo creo sen pensalo nin moito nin pouco. deixémonos de melindres: o premio ese é o que é. como tampouco entendo por qué o fulano seguiu no xurado se tan pouco lle gusta.
Comentario de brautigan hace 2 años y 34 meses
-
Esa é a clave: que pintas nun xurado no que non cres.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses
-
de Marsé e a súa condición de xa ex-membro do xurado din moitas cousas, como que puido saír con esa para monta-lo circo e darlle máis publicidade ós libros gañadores, algo que non parece moi propio del, ou ben que tiña un contrato por varios anos pero xa non puido resistirse a ceiba-lo que pensaba.
Comentario de brautigan hace 2 años y 34 meses
-
Persoalmente, non me creo ningunha das dúas teorías. Coido que ten que ver moito máis coa pura e sinxela mala educación, ou que terá esquecido o que significa ser un autor novo e non consagrado ( coma el ). A alguén que vai gañar un premio así non se lle escaralla o futuro do mesmo dese xeito. Para sempre, o libro deste ano é "o menos malo", e, sinceramente, non creo que ninguén o merque máis por iso.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses
-
para non meter máis ruído con isto, direi que a meirande parte de autores consagrados teñen ese certo paternalismo cara os novos como un recurso de autoconvicción. O de Marsé non é paternalismo, é máis explícito. Pero tamén creo que hai por aí unha pila de autores novos sen obras premiadas que lle dan centounha voltas á Mari Pau.
E, sobre o tema deste post, agora que lembro, eu participei nunha edición do Máquina de Vapor, da asociación universitaria Eis... Outros tempos.
Comentario de brautigan hace 2 años y 34 meses
-
Penso que a gañadora do Planeta e calquera cousa menos non consagrada. Ten gañados todos os premisos posibles en Cataluña (en catalán) coa inestimable axuda de Gimferrer, a quen lle dedicou o Planeta (creo que tamén estaba neste xurado). Xa vai maior para saber encaixar as críticas, como o fixo Bayly.
Comentario de Pedro hace 2 años y 34 meses
-
Vale, de acordo, hai que encaixar as críticas, pero non sei eu se as críticas tiñan que vir, precisamente, do xurado que lle dá o premio.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses
-
Si Marsé quedara calado, eu pensaría que a novela gañadora ten o seu aval, como membro do xurado. Non debe ser ese prato de gusto... Estou canso de ver obras mediocres avaladas por xurados prestixiosos, e penso que a todos pásanos o mesmo, ou non? Non temos todos exemplos disto? As veces mellor sería deixar o premio deserto
Comentario de Pedro hace 2 años y 34 meses
-
É incrible que sigamos falando do Planeta. Todo o mundo sabemos o que é e a xente segue mercando os premios de cada ano. Esta polémica non sería montada polo departamento de marketing da propia editorial?
Comentario de Xosé Antón hace 2 años y 34 meses