INTERTEXTUALIDADE
Francisco Castro - 10-10-2005 18:26:22 | Categoria: Todos os meus artigos
Jorge Bucay é un señor que escribe libros de Autoaxuda. Vende millóns en todo o mundo. Coma Paulo Coelho e outros que, no fondo, non fan máis que repetir, nunha linguaxe moderna, o mesmo que os sabios gregos xa sabían e xa lles aprendían aos seus discípulos. Pero a xente é ignorante e estas cousas non as sabe.Pero... a sabedoría é traizoeira porque hoxe mesmo os xornais informan de que ao tal Bucay lle acaban de demostrar que unhas sesenta páxinas do seu último libro son, en realidade, doutra señora e doutro libro. El, por suposto, non recoñece plaxio senón que di que todo foi "un erro informático".
Claro. Como unha tal Ana Rosa Quintana, ¿lembrades?, aquela novelista que se forrou vendendo unha novela que despois resultou que estaba escriba por un "negro" literario que, á súa vez, copiara dunha outra escritora estadounidense. Isto non foi problema, por suposto, para que a tal señora sega a cobrar unha fortuna por cada un dos seus profundos programas ou para fundar unha revista de tendencias (AR). Como non será problema, por suposto, para Jorge Bucay, que seguirá axudando aos demais agora que xa sabemos como el se axuda de outros...
Comentarios - Referencias (1)
Referencias
-
[...] Jorge Bucay.
E non pasou nada, que vai pasar.
Ana Rosa Quintana ten a súa propia revista. E véndea como churros. Ana Rosa Quintana é líder de audiencia en Tele 5. E marca tendencias.
Jorge Bucay ten a súa propia revista. E marca tendenci [...]
Referencia de A CANCIÓN DO NÁUFRAGO hace 2 años y 26 meses
Comentarios
-
Estou de acordo co que dís Fran. Só discrepo nunha frase. Na razón pola que a xente le a autores coma P. Coello ou J. Bucay. Non sempre é a ignorancia. Tamén é a desesperación, a necesidade de alivio dunha tristeza ... O penoso é que alguén como Bucay se faga rico a conta das debilidades e ignorancias dos demais, e con plaxios.
O da señora Rosa Quintana e o seu coro de seguidores/as é mellor nin tocalo. Aquí sí que se ve con claridade o que valora moita xente e o que non valora. E doe.
Bicos dende Ribeira.
Bicos. Chus.Comentario de Chus hace 2 años y 31 meses
-
estou case seguro de que xente desesperada hai unha chea. non se ve, pero habela haila. e non creo que todos traben nese anzol.
Comentario de brautigan hace 2 años y 31 meses
-
Pois Fran subscribo completamente o que dis porque estes libros nin axudan nin nada de nada... máis ben ponte de mala o#t~@... eu topeime -de agasallo- co libro do que falas e xuroche que non fun quén de pasar da páxina 12... é xa foron moitas para o triste lector que son eu. Non cheguei a esas páxinas plaxiadas... mira ti que mágoa.
E sí que é penoso o que dis pero é ben díficil facerse rico sen esas condicións que mencionas Chus, de feito creo que esa é a definición de rico ¿non sí? Que llo digan aos Bancos ou eu que sei... as miserias da xente dan para moito e máis para os petos dalgúns.
Saudos e prometo participar máis dende agora Fran, por certo ponme un mail en canto poidas que temos que falar da globoesfera sideral.Comentario de PAco hace 2 años y 31 meses
-
Os libros de autoaxuda, como o seu propio nome indica, serven para axudar a quen os escribe a facerse millonario. Por outra banda, eu teño amigos que aseguran que, grazas a algunha destas lecturas, empezaron a sentirse mellor das súas melancolías.
E aínda hai máis: así coma o Quixote naceu do moito que amolaban a Cervantes os libros de cabaleiros, pode que estes manuais tan de moda acaben creando un xénero paródico que, ese si, logrará mellorar o estado de ánimo do lector.Comentario de Veloso hace 2 años y 31 meses
-
Enxeñosa puntualización de qué axuda a quén, Veloso. Neste caso direi que o prota do libro de Bucay -nin me lembro do nome- non axudou nada o meu ánimo en comparación co estado en que me deixou Ignatius Reilly de J.K. Toole, por exemplo. Así que non aposto por ese xénero do que falas, pero adiante... axudas sempre son boas.
Comentario de PAco hace 2 años y 31 meses
-
Pois perdoade pero eu teño que facer defensa destes libros. Hai unha cousa moi certa: os libros fan pensar. Unha persoa que adoite a ler sabeo ben, calquera libro é bo para pensar. O malo son as ideas que saques deles.
Os libros de autoaxuda están pensados para xente que non acostuma a ler é que dificilmente atopa esa axuda nos LIBROS. É o que di Fran, que esas cousas xa as sabían os gregos, só que nestes libros veñen dadas en sentencias e explicadas de forma moi sinxela. E é bo que algunhas persoas lle perdan medo aos libros e que aprendan que os libros poden ofrecer moitas cousas.
Comentario de Máis Alá hace 2 años y 31 meses
-
Non ten nada que ver coque tratas pero é que fai unhos minutos lein unha entrevista no correo gallego a Blanca Riestra onde afirma que a literatura galega vive da subvencion e que lle gusta o que esta o marxe delas. A min faime gracia esta declaracion cando ela acepta un cargo que me imaxino ven renumerado e ca posibilidade de viaxar. ?Ela agora vai escribir algun artigo onde diga que non lle gustan os versos de Cesar Antonio Molina?. Como din os gurus dos recursos humanos o importante é ter unha boa axenda.
Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 31 meses
-
A ver, unha cousa que quede clara. Non falo, para nada, das persoas que len ese tipo de libros. Teño amig@s que os len. E de certo que haberá cousas de valor en moitos deles. Pretendía facer unha ironía sobre Bucay, e, iso si, deixar claro que, no fondo, estes gurús de tres pesetas, din o mesmo que xa Protágoras ou Sócrates ou Empédocles ou Aristóteles ou outros moitos gregos dixeron de marabilla.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 31 meses
-
De acordo co que dis, dende a túa ironía e dende a realidade máis palpable, e totalmente penoso.. pero é...
Bicos e apertas. Grazas FranciscoComentario de mirada hace 2 años y 31 meses