UNHA DEMOSTRACIÓN EMPÍRICA
Francisco Castro - 05-09-2005 09:04:53 | Categoria: Todos os meus artigos
Ao respecto do que estamos a falar durante estas semanas, o pasado sábado vivín unha situación que confirma moitos dos postulados que afirmamos.Ás dez da mañá acodín a Moaña, convidado pola Lonxa Literaria, para dar un taller de poesía para nenos ( en realidade, habería que dicir para nenas, porque todas as que apareceron, eran rapaza: xa se sabe, elas len máis, elas van máis ás librerías, ás conferencias... ).
¿Que foi o que pasou nese taller?
Nenas que foron capaces de escribir poemas dun enorme risco lírico. Nenas brillantes cunha enorme capacidade literaria. Nenas cargadas de fantasía, de palabras e de calidade estética. Pedinlles que fosen valentes na escolla das palabras, que arriscasen á hora de crear metáforas, que tentasen chegar aínda máis alá nas comparacións. O resultado, a pesares do difícil da proposta, fabuloso.
¿Por que?
Porque son lectoras. Porque todos os días deitan os ollos sobre un libro. Porque a lectura forma parte dos seus hábitos.
Teriades que ver canto vocabulario manexan ( moito máis que a meirande parte dos adultos que coñezo ), como entendían o que lles explicaba sobre a poesía e o feito de escribir.
Sen dúbida: cabeciñas ben armadas para o futuro. Van ser difíciles de manipular sendo xa como son ( a máis grande delas tería, eu que sei, trece ou catorce anos ).
Unha demostración, empírica, das ventaxes da lectura para calquera.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
cabería agardar que eses pequenos compendios de talento non se convirtan de maiores en rosasaneiros e inmalopezsilvas.
Comentario de brautigan hace 2 años y 32 meses
-
Por min non habería ningún problema en que se convertesen en Rosas Aneiros. Pódenos gustar ou non tal ou taloutra novela. Pero o seu traballo, a intención do mesmo, e a seriedade na súa construcción literaria, parécenme defendibles dabondo. No caso de Inma López Silva, non achei aínda tempo para achegarme á súa obra.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 32 meses
-
son autoras para vender, e pouco máis.
respecto ó que di sobre a presencia de determinada xente en actos culturais, convén preguntarse por qué están alí e se comprenden algo do que ven.Comentario de brautigan hace 2 años y 32 meses
-
Pois que é unha pena que non tomases notas deses xogos. En caso de os ters poderiamos gozalos tod@s
Comentario de patri hace 2 años y 32 meses
-
Dubídoo que nunha asociación cultural os participantes vaian á forza os seus actos e talleres. Outro galo nos cantaría nos institutos, por exemplo. A literatura sempre foi e será un deporte de minorías. ¿Pensade a que dedican o lecer a gran parte dos homes e as mulleres?. Fútbol, cine – converteuse na capital da cultura, mira ti - , internet – entre eles nós -...; ben, que non todo o mundo colle un libro cando dispón de tempo libre; cousa, por outra banda, natural. A min gústame crer que os libros son cousa de poucos, como unha comunidade secreta, e nesa confraría se van pasando os libros de boca en boca. Iso de que haxa gustos, na nosa literatura, paréceme un bo agoiro, un síntoma de que gozamos de boa saúde. Ten que haber de todo: Rosasaneiros e alvaroscunqueiros, mendeznesferríns e xurxosborrazases, e cada un que escolla e dea o seu parecer. Mentres a xuventude lea, pódemos dicir que medra outra árbore. Agora veremos que froitos da. Desculpade a extensión, hoxe comín lingua.
Comentario de Rafael Viñó hace 2 años y 32 meses
-
Tranquila Patri: segundo me comentan os da Lonxa Literaria, están preparando unha revista onde recollen os traballos dos talleres. Cando saiba algo, dareino a coñecer.
Ao respecto do que di Rafael, estou de acordo. Que a mocidade lea. De todo. E en galego, mellor. E de todo. Xa sei que é un tópico pero é certo: a nosa literatura será normal no momento en que digamos que hai autores bos e malos, para vender e para élites...Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 32 meses
-
somos as rapazas.mandamosche as nosas grazas e unha aperta moi forte.vémonos na tertulia.mandarémosche unha das nosas revistas.(temos moitas 16 anos xa)un bico!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
Comentario de lonxa literaria(xuvenil) hace 2 años y 32 meses
-
Un bico moi forte. Sinto o da idade, pero igual estaba moi durmido a esas horas do sábado.... En calquera caso, todas demostrastes unha enorme madurez mental, e iso é o que importa. Foi moi agradable traballar con vós. Vémonos na tertulia.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 32 meses