Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

EU FUN UN BEST SELLER DA LITERATURA GALEGA

O suplemento Culturas de La Voz de Galicia pediume un artigo sobre os Best Sellers. Saiu o pasado sábado. Reprodúzoo aquí a ver que vos parece.
( E lémbrovos que segue aberto o debate. Moi interesante pero precisamos máis participacións )

EU FUN UN BEST-SELLER DA LITERATURA GALEGA

Eu fun un best-seller da literatura galega. Xúroo. O ano pasado unha das miñas novelas apareceu durante máis de tres meses ou ben no primeiro posto das listas de vendas ou entre os tres primeiros. Era Feliz e saía á rúa convencido de que as mulleres ollaban para min con ollos lascivos. Que era máis alto e guapo. Pensaba: Dan Brown e Reverte son uns mixiricas. Eu si que vendo. O meu seguro que vai dentro do maletín dese executivo. Esa rapaza que le no parque, de certo que está co meu libro. E cando máis feliz era, visitei a un amigo libreiro. E fixen A Pregunta Fatídica. Quixen saber como se elaboraban as listas, cantos libros hai que vender para estar Aí Arriba Na Gloria. Depende do idioma. Pedinlle unha explicación e deuma: para que un libro estea entre os tres primeiros en castelán, deberá vender entre trinta e corenta exemplares semanais ( ás veces de Dan Brown vendemos cen á semana, dixo, cruel ) ¿E en galego?, preguntei facéndome máis baixiño e máis feo e menos atractivo porque xa sabía a resposta. Dixo: en galego con vender cinco ou seis á semana xa estás de número un. Eu nunca fun un best-seller da literatura galega.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Vaia sorte a túa, o que tes que facer é chamar a Dan Brown e JK Rowling para ir tomar unhas copas e falar das vosas cousas. Pero penso que ti es mais da opinión de Manolo Rivas, e escribirías aínda que non tiveras lectores. De tódolos xeitos, coñecendo a vaidade dos escritores debe ser bo estar nunha lista de “Best Sellers”.

    Comentario de Venres hace 2 años y 33 meses

  2. Pois non me importaría tomarme unhas copas pero, postos a escoller, prefiro, é obvio, a Rowling... E si, escribíría, como ben explicou Manuel Rivas, aínda que non tivese lectores... Pero si os teño, mellor.
    Ao respecto da vaidade. Cando, como digo no artigo, es coñecedor do que hai que vender en galego para estar nunha lista, a verdade, pérdela toda.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  3. Lembro, cando andabamos a voltas co de Letras de Cal, que unha vez un dos nosos libros estivo algunhas semanas entre os máis vendidos. Fixemos a mesma averiguación cá ti e a resposta foi: se se venderon catro ou cinco exemplares en Couceiro xa apareces nas listas.

    Así que, xa sabes, non nos queda nin iso para alimentar a autoestima.

    Canto ao que di "Venres", de que os escritores son vaidosos, se é verdade, a maiores son gilipollas. Porque ser escritor en Galiza é garantía ser ninguén. Quen diga o contrario é que é Suso de Toro.

    Comentario de O ollo da vaca hace 2 años y 33 meses

  4. Vale a ironía. E noraboa, polo que durou, Letras da Cal.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  5. Quería dicir "de" Cal

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.