UN BO COMEZO
Francisco Castro - 22-08-2005 09:59:50 | Categoria: Todos os meus artigos
Hai tempo neste mesmo blog, falamos da necesidade de apoiar a candidatura da tradición oral luso-galega para que sexa recoñecida como Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco.Desta banda do Miño e da outra ( ao igual que nas zonas limítrofes de Asturias ) están a encetarse toda clase de iniciativas para conseguir ese recoñecemento, tan importante para a nosa depauperada fala e culturas. Quizais se a Unesco recoñece a importancia da nosa tradición, algún que outro galego reaccionará e tirará para sempre de enriba o complexo.
Esta fin de semana os xornais recollían a nova de que a Xunta, concretamente a Consellería de Innovación e Industria, amosa o seu total apoio á candidatura. O conselleiro falou da importancia de conservar as nosas tradicións, de manter viva toda esa riqueza. É ben estimulante escoitar falar así a un señor que se responsabiliza dunha cousa que, a priori, semella tan afastada da cultura como a industria. Pero así debe de ser. A defensa do galego e da cultura de nós debe ser unha premisa compartida por todos os galegos, non só, como di o tópico e como moita xente espera, topicamente, pola xente da cultura e as institucións culturais.
Un bo comezo. Ogallá sexa o primeiro de outros moitos (encantoume a entrevista con Anxela Bugallo, conselleira de cultura, no Faro de onte, cando dixo que hai que establecer un contacto importante co sector do libro. Non era sen tempo... ).
Comentarios - Referencias (0)