Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

POESÍA SEN ADUANAS ( ¿QUE É A POESÍA? )

inútil extensión de amor unánime
brancura das folerpas
cun rosario de escumas sanguiñentas
fica atoado o seu congostro inxel
pola follax
o mozo belido
en cada beirarrúa que poalla
o celme deleitoso das entenas
no reverso das tebras
sempre nai
dun infindo aloumiño

Iso que tendes aí enriba é o ¿poema? xerado na web de Aduaneiros Sem Fronteiras, un sitio absolutamente irreverente e divertido onde a máquina xera poemas coma ese dunha maneira infinita e inacabable.
Aplaudo a iniciativa polo humor.
Mais torno serio: ¿isto é poesía?
En caso de resposta afirmativa, que alguén conteste ao seguinte: ¿que é, daquela, a poesía?

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Ah, um exame surpresa! Quem é poeta? Toda a gente que se (auto)etiqueta de poeta faz poesia? Não se achegam os aduaneiros, nalguns seus desenhos gráficos, à poesia?

    Comentario de jmlombardeiro hace 2 años y 33 meses

  2. Pode ser que nalgunha das aleatorias combinacións os aduaneiros se acheguen ao "lírico". Por que non. Quizais é que estou a formular mal a pregunta e debería dicirse así: ¿é posible facer así poesía?

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  3. A dificultade de responder á pregunta "que é a poesía?" é similar á da pregunta "que é lírico?". Creo, xa que logo (con ánimo construtivo), que utilizar a palabra "lírico" para tentar definir "poesía" é patear o balón para adiante sen dar resposta ao miolo do asunto.

    A única "definición" que din construído ata o de agora de "poesía" (e todas son incompletas e teñen talóns de aquiles) é que pode ser calquera acto sempre que responda a dúas motivacións: unha é a pretensión de provocar reaccións emocionais no interlocutor, a segunda é a pretensión de beleza (entendida por valor ou por defecto).

    Entendendo sempre "poesía" como concepto amplo (aplicábel a calquera manifestación artística) e non como xénero literario.

    Restrinxido a literatura (que é o caso), é dificilísimo establecer os límites dende o punto de vista formal, xa non só entre poesía e narrativa, senón tamén entre poesía e arte plástica, por exemplo, ou entre poesía e música. Xa que logo, entendo que a definición ampla podería utilizarse tamén para o concepto estricto.

    Descubro a pólvora se digo que o fantástico programa dos "aduaneiros" non é un invento novo. Contestar negativamente á pregunta "¿isto é poesía?" obriga a dicir que non o é o surrealismo ou o dadaísmo, por poñer dous exemplos.

    Outra cousa distinta é que os textos que saen do programiña nos gusten ou non nos gusten, pero o resultado desta valoración non pode ter proxección ningunha máis aló de cada un de nós mesmos como lectores de poesía.

    A miga do debate aquí podería estar na desacralización que o programa dos aduaneiros significa. Non da poesía, como podería parecer, senón dos poetas.

    Pero os poetas xa están desacralizados así que non hai crime.

    E a irreverencia, en todo caso, é un dos alimentos dos que sempre se nutriu a arte.

    Comentario de edu hace 2 años y 33 meses

  4. E estou disposto a asinar a túa explicación case sen reservas. En especial algo que, desde o punto de vista estético, manteño, ou tento manter, nas miñas obras: que todo ten que ser poético ( nese sentido comentado de transmisión da beleza e de causante de emocións ). Ao respecto da desacralización dos poetas, totalmente de acordo. Non hai nada máis patético ( en fin, si que o hai, pero estamos no que estamos ) que un poeta Que Se Tome En Serio. Un poeta ou calquera artista en xeral.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.