Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

FANTASÍA DESTE AUTOR NA PRAIA

Hoxe pola mañá fun á praia de Santa Baia, en Vigo. Pequena. Tranquila. Pouso as cousas preto dunha rapaza fermosísima que está a ler un libro. Sempre me intrigou saber que lé a xente na praia. Esta ten cara de intelixente. O seu corpo deitado na area ( coma na canción de Andrés Dobarro ) e sobre o libro. Decepción: le Anxos e Demos de Dan Brown.
Polo serán boa á praia de Samil, tamén en Vigo. Enorme. Chea de xente. Pouso as cousas preto doutra rapaza fermosísima que está a ler un libro. Sego intrigado en saber que é o que lé a xente na praia. Esta ten cara, tamén, de intelixente. O seu corpo sentado na area e os lentes escuros tapando uns fermosos ollos que imaxino disfrutando dun libro. A evidencia da derrota. Está a ler, tamén, Anxos e Demos de Dan Brown.
Fantasía deste autor na praia: Chegar. Pousar as cousas preto dunha rapaza fermosa. Intrigarme polo que está lendo, deitada, sentada, facendo o pino, que máis dá, na area. E descubrir que está a ler un libro meu.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Comparto a tua curiosidade por saber que len os demais na praia, no tren, nas sás de transito. E coma ti levome as conseguintes decepcións.
    Unha das fantasías miñas sería que un o unha vendedor/a de billetes na estación de autobuses de ourense da linea que vai a Madrid é que sae as 12 e media da noite estivera lendo un poema meu.
    unha forte aperta

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 34 meses

  2. ¡Ai! Naufrago isto parece a fantasía erótica dalguen que se achega a cuarentena ás alancadas.

    Comentario de folerpa hace 2 años y 34 meses

  3. Iso te acontece por sentar preto de rapazas fermosas con cara de intelixentes que len libros na praia con lentes escuras. As rapazas intelixentes e fermosas len os bos libros na casa con lentes de aumento desas de cu de vaso, para que ninguén asexe o que están a ler.

    Comentario de Rosa Venenosa hace 2 años y 34 meses

  4. Interesante o que di Gustavo. Pensaba que era o único que o facía, pero cando alguén que non coñezo está preto de min lendo, non podo evitar, iso si, con enorme disimulo, ler o título do libro que teñan na man. Outro tanto pásame nas casas cando son invitado. Igual é de mala educación, pero remato erguéndome para ler os lomos e saber que se le nesa casa. Será algo patolóxico?

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  5. Eu tamén axexo nas librarías dos demais. Supoño que sera´por aquel vello dito: dime que les e direite quen es.

    Comentario de folerpa hace 2 años y 34 meses

  6. Nestes días estou intrigado por un home do Grove que van cunha libreta na que apunta cousas que ten apuntadas en anacos máis pequenos. Todos os anos é a mesma historia. Nunca fun capaz de preguntarlle que escibes. Quen di que non esta escribiendo a obra mestra que precisa a Literatura galega.

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 34 meses

  7. Interesante historia a que contas mais, no teu comentario, sae O Tópico, ese que di que aínda está sen escribir a Grande Novela Galega, algo así como se a nosa literatura non estará madura ata que apareza esa Megaobra Impresionante que nos dará a maioría de idade. Xa sei que non queres dicir iso, pero si que é algo que, probablemente, nos funciona dun xeito inconsciente a todos e que repite moita xente.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  8. Hoxe escoitei, de casualidade, como unha rapaza lle dicía ó seu mozo :”Si leras O Codigo DaVinci saberías moitas cousas”(??) ¿Estaremos perdendo de saber algo interesante?

    Comentario de Eusebio hace 2 años y 34 meses

  9. Non o creo. Pero ese é un dos grandes problemas que hai arredor dese libro: que a xente pensa que di verdades. É un libro de ficción, e hai quen, directamente, tolea léndoo, pois cren que lles están a facer unha revelación.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  10. O meu xuicio acerca de que a literatura galega precisa unha obra mestra non quere dicir que non as teñamos. Eu creo que hai moitas e habra centos delas pero ¿quen dí que unha obra é unha obra mestra? ¿ as ventas? ¿os catedraticos de literatura?.¿os politicos? ¿eu, coma lector?. En fin coma decía o poeta Joaquin Marco ¿quen supera a verdade?

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 34 meses

  11. As túas preguntas son moi atinadas e comparto o teu criterio. Ás veces fannos pasar por obras mestras verdadeiras parvadas, e, outras, un está lendo un libro e decátase de que é marabilloso e de que pasou desapercibido. Quédome, en calquera caso, como ti apuntas, no criterio dos lectores, que non son parvos.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  12. Hoxe atopei no xornal a formula para poder promocionar de verdade a literatura galega. Debemos copiar a compañia Sony ou a compañia alemana fabricante do golf, na sua forma de traballar. parece ser, como nos dí o xornal, que pagaban viaxes de pracer os poñe discos das radios formulas ( a sony) e o comite de empresa e directivos, neste caso incluso unha amante brasileira, na compañia de coches.
    As editoriais por tanto deberían agasallar o conselleiro de cultura, de educación, os mestres e profesores, os pais, os libreiros, os bibliotecarios, os alcaldes. Admitinse suxerencias.
    un saudo dende Ourense

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 34 meses

  13. POis quen sabe. Quizais as rapazas esas tan guapiñas que lían a Dan Brown na praia formaban parte dunha curiosa e atrevida campaña de mercadotecnia para promocionar a este autor... Haberá que ir pensando cousas así. Saúdos desde Vigo.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  14. ¿Os lectores non son parvos? ¿Que fan lendo a Dan Brown?

    Comentario de Lor hace 2 años y 34 meses

  15. A ver. Cando digo que "os lectores non son parvos" refírome, sobre todo, ao paso do tempo. Dan Brawn é lido agora, pero dubido moito que dentro dun certo tempo se sega a ler, é dicir, que pasado o boom mediático e publicitario sega a ter lectores. Outros textos, coma pinguelas, irán caendo nas mans dos lectores pasados os anos, apoiados e sostidos polos seus criterios. Referíama a iso. Ademais, moitos dos lectores de O Codigo da Vinci son lectores dese libro, non lectores, así sen máis.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  16. Pequeno, calvo e casi vello, seguro que cando nos vexamos, outra vez, en Santa Baia, non te vas a fixar en min po lo tipo. Pero despois das apertas de rigor, e dos "como che vai" e os " que estas facendo", evitoche curiosear no meu libro, que sempre levo algun a praia, e xa cho digo agora, estou lendo a ese Nobel Portugues, que lle quita a calquera as ganas de escrebir, segun di o meu literario-profesor, Francisco Castro.
    Saudos, e noraboa por esta tertulia.
    Leo.

    Comentario de Leo hace 2 años y 34 meses

  17. Ler a Saramago na praia é un xeito marabilloso de se broncear.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 34 meses

  18. Pois eu recomendo outro bronceador a novela de carlo levi " Cristo parouse en Eboli". Asi podemos combinar o sol que estos días anda perdido co sol da peninsula da Catania, porque atoparedes perolas coma esta " o mundo esta cerrado, os odíos e as guerras son o unico suceso cotidiano"

    Comentario de gustavo peaguda hace 2 años y 34 meses

  19. A frase que nos dás de Levi é un exemplo perfecto de como a literatura serve, ás veces, para explicar mellor o mundo que calquera ciencia. É unha verdade. Máis verdadeira e mellor contada que moitos tratados de socioloxía.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses

  20. Tes toda a razon do mundo pero ahi vai a pregunta que fai nun poema o poeta esloveno Kosovel ( lectura que vos recomendo,"Integrales", Srecko Kosovel, 2005, Ediciones Bassarai, Gasteiz) " Señor profesor/ ¿entende a vida?. ¿ Cantos mestres e profesores non aprobarían a sua oposición se o tribunal fixera esta pregunta?.

    Comentario de gustavo hace 2 años y 33 meses

  21. Encántame a pregunta. E a túa reflexión. A meirande parte das persoas, xa non só os mestres e profesores e todos os que forman parte do Sistema Educativo, non entenden a vida. En moitas ocasións, semella como que o ensino non ten nada que ver coa vida. E os rapaz@s pasan anos e anos aí, alleos á vida.

    Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 33 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.