UN COMENTARIO POLITICAMENTE INCORRECTO
Francisco Castro - 14-07-2005 08:31:26 | Categoria: Todos os meus artigos
No acto de inauguración da Feira do Libro de Pontevedra, Antonio Reigosa leu un fermoso pregón no que dixo moitas cousas bonitas. Lembrounos que Kipling dicía que a palabra é a droga máis dura que hai. Que Rodari procuraba unha Fantástica como outros buscan unha Gramática. Moito e moi bo.Mais, nun determinado momento, lembrounos un dato que hai só uns días liamos na prensa: a meirande parte dos profesores españois non le. Como soa. Os profesores non len e non levan aos nenos á biblioteca. A porcentaxe dos que si o fan é ridícula. O tópico di o contrario. Pero a realidade é revirada e pasa dos tópicos. Poucos profesores teñen a lectura como un dos seus hábitos ( xa que logo, ¿que facemos botándolle a bronca aos mozos polo seu desinterese lector? ).
Despois, tralo acto, estivemos parolando dese asunto. Coincidimos en que non é politicamente correcto dicir algo así, en público, que o que hai que dicir é o contrario. Pois vale. Pois claro.
Pero non. As verdades hainas que dicir. Aínda que sexan politicamente incorrectas.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
Como dicir esa tontería de que os mozos son o mellor público e tal e cual. Calquer profesor de hoxe sabe que os mozos pasan de ler, pasan dos profesores e están pensando noutras cousas. Que a calidade da educación está polo chan e que os mozos son burros burros de carallo. Pero iso nunha entrevista non se dirá. Pero calquera que vaia polos colexios presentando libros sabe que a principal preocupación é que os mozos estén calados. O que se diga é o de menos.
Comentario de Lor hace 2 años y 34 meses
-
Estou un pouco máis que farta do politicamente correcto. Só conduce á mentira e ao auto-engano. As verdades poden doer, pero non por iso deixan de ser verdades. Cómpre dicilas.
Comentario de peke hace 2 años y 34 meses
-
Que algo sexa políticamente "incorrecto" non quere dicir que sexa verdade polo feito de selo... Os profesores que eu coñezo, salvo unha, len dabondo... De feito, convivo con un profe e podo dar fe de que le. Iso sí, le pouca ficción, pero non creo que iso teña nada que ver.
Polo demáis, creo que os factores que fan que os rapaces lean teñen pouco que ver cos seus profesores: eu tiven unha mestra de Lengua Española e de Inglés durante tres anos que lía o ¡Hola! na aula e nunca se me deu por aí...
Eu poría tres factores como principais:
-Fácil acceso aos libros.
-Que os pais teñan o costume de ler e iso provoque curiosidade nos pequenos.
-Que a súa natureza llo pida. Tampouco é ningunha traxedia que a alguén non lle guste ler.
Saúdos.Comentario de Hai Cada hace 2 años y 34 meses