SAN XOÁN
Francisco Castro - 23-06-2005 15:16:15 | Categoria: Todos os meus artigos
O neno que eu fun sabía que estaba de vacacións por dous motivos: porque xa estaba aberta a veda para para comer polos de limón Camy, e porque todos os nenos do barrio nos entregabamos con paixón de arquitectos exipcios á construcción do Grande Facho Xigante que ía ser a nosa fogueira de San Xoán. Coa nosa non podía competir ninguén. Era A Máis Grande Fogueira do Mundo.Só contando aquelas aventuras ( que de certo que deberon de ser ben vulgares e idénticas ás de tantos outros, pero que na miña memoria son enormes ), podería escribir un libro fermoso. Contareivos só unha: fartos de que cada ano a policía nos levase unha boa cantidade de leña por cuestións de seguridade, ao ano seguinte prendimos a cacharela a iso das sete da tarde.... bendita liberdade infantil.
Agora, as fogueiras organízanas os concellos, os nenos xa non percorren os arredores apañando leña, ninguén me vén pola porta para pedir unha axuda para a fogueira de San Xoán. Agora Todo é Doméstico. Todo é Previsible.
Aínda así, esta noite, deixarei que as lapas alumeen os meus ollos laranxas, permitíndolle, de paso, ao neno que eu fun, unha pequena victoria nostálxica.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
Aínda quedan deses nenos. No teu/meu barrio cinco esforzados rapaces xuntan baixo este sol de xustiza dende fai días, gallas, paus e páles que esta noite encheran a noite de faíscas, sen permiso nen seguro algún, coma hai que facelo, coa forza e os azos que alumean a súa inocente rebeldía.
Esta noite estarei alí con eles e as lapas rabuñaran a miña face, o meu corazón e a miña memoria.Comentario de folerpa hace 2 años y 35 meses
-
Boas a tod@s. Sou novo por aqui, mas também sou de Teis e lim com muitissimo prazer, como leitor comúm e como aborigem, o Xeración Perdida.
No Campo do Gato, há uns vinte cinco anos, uns amigos prenderamos, por ver algo de lume, uma cacharela antes de tempo. Daquela havia no Campo festa com música. As faiscas daquel luminho prenderam na erba e chegaram onda a equipa de som, algúns cabos arderam. Fogimos. Refugiamo-nos apavorados cadaquém na sua casa, angustiados cada vez que soava o teléfone, aguardando que chamaram por nós.Comentario de jlombardeiro hace 2 años y 35 meses
-
Esas son as historias ás que me refería. Unha noite de San Xoán, a fogueira foi tan inmensam que prendeu lume unha árbore (unha pereira, que propio para San Xoán ) dunha casa que había preto. A pereira ardendo, a pouco máis, lévase de paso a casa enteira. Tamén fuximos. E a anguria durou varios días.
Moitas gracias polo que dis de Xeración PerdidaComentario de Francisco Castro hace 2 años y 35 meses
-
Gústanme as tuas nostalgias, e ainda que as miñas son anteriores e están cheas dos primeiros dias de vacaciós na aldea dos abós, faciamos fogueiras e cruces de frores pra poñer en portas e ventanas.
Gracias por recordarmo. Muralla.Comentario de muralla hace 2 años y 35 meses
-
Para noite de San Xoán memorable, esta: http://lepisma.liblit.com/?p=98
Comentario de Lafcadio hace 2 años y 35 meses
-
Os meus recordos son máis rituais, será por iso que aínda hoxe non os perdin. Lavar a cara coas herbas de San Xoán despois de pasaren toda a noite o rocío transportánme o pasado é manterame a pel tersa no futuro, segundo dicía miña avoa.
Comentario de derrota hace 2 años y 35 meses
-
Pois eu, desta vez, foi a primeira que o fixen. Deixar auga toda a noite e despois lavar a cara con ela. Espero ter a calva tersa e suave o resto do ano.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 35 meses