A NOITE DO XERAIS
Francisco Castro - 13-06-2005 14:27:19 | Categoria: Todos os meus artigos
O pasado sábado acodín á entrega dos Premios Xerais e Merlín na Illa de San Simón. Eu era un dos centos de miles de vigueses que nunca pisaran esas illas, tan importantes por tantos motivos, moitos deles, literarios, outros, de dignidade, como ben se encargou de lembrarnos a todos Pepe Cáccamo nun discurso fermoso antes da entrega propiamente dita. Xa só por iso, debo dar as grazas polo convite. Por iso, polo discurso de Pepe, mais tamén polo libro co que nos agasallaron e polo buxo, que xa está no meu despacho de traballo, á beira deste ordenador desde o que vos escribo, teimando por medrar.O serán arrancou no embarcadoiro de Redondela, cun vento que facía bo aquelo de que as ondas do mar, que grandes son, da cantiga. Precisamente da cantiga. Despois, recibidos pola música de Treixadura, paseamos e coñecemos a illa de vagar, falando cos outros asistentes. Despois, os premios.
E o descobrimento dunha estrela.
Así foi como me definiu un dos membros do xurado a Teresa Moure, a gañadora do Xerais. Recórdovos que leva, en oito meses, tres dos grandes premios que se convocan neste país (o Lueiro Rey de Novela Curta, o Ramón Piñeiro de Ensaio e, agora, o Xerais ). Pregunteille a ese mebro do xurado que opinaba da novela. Faloume da súa calidade excepcional. E foron esas as palabras que utilizou: "esa autora é unha estrela". Oxalá. Estou desexando ler o seu libro. O seu discurso, cando recolleu o premio, era toda unha evidencia de intelixencia. Seguro que a novela gañadora tamén o é.
Despois, foi máis música, e a romaría e a cea, e os fogos de artificio, poñéndolle un selo de luz a unha xornada perfecta.
Benzóns á equipa de Xerais no seu 25 aniversario.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
Ogallá teñamos unha estrela nova, fóra dos dous de sempre (con todos os respectos para os dous de sempre). Pero abondará con que teñamos unha boa escritora. Agardaremos pola novela...
Comentario de Lor hace 2 años y 35 meses
-
Qué ben, unha muller co Xerais no peto. Sen tempo non era.
Comentario de Rafael Viñó hace 2 años y 35 meses
-
Pásate por Cartafol, Francisco, e abre o frasquiño das esencias...ui, que arrecendo a ambipur.
Comentario de Rafel Viñó hace 2 años y 35 meses
-
Estou de acordo con Lor en que o importante non é se estamos diante dunha estrela ou non, senón en que a novela sexa boa. Polo que trata e pola orixinalidade dos materiais empregados (falo polo que dixo a acta do xurado e polo que escoitei a un dos membros ), ten pinta de selo. Evidentemente, haberá que agardar a lela.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 35 meses
-
Non é a primeira muller que gaña o Xerais. Lembrade o magnífico libro de Marilar Aleixandre, "Teoría do caos", se non recordo mal, do 2001
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 35 meses
-
¿Sen tempo non era? Así como nas 16 edicións anteriores do premio Xerais todos os gañadores foron homes, nas cinco últimas houbo tres mulleres:
2001 M. Aleixadre
2002 I. López Silva
2005 T. MoureComentario de Lafcadio hace 2 años y 35 meses
-
Un placer descubrir a tua blog e lerte (perdoa o meu galego).
Esperarei esa novela e esperarei outros escritos teus. Bicos. Carmiña.Comentario de muralla hace 2 años y 35 meses
-
Moitas gracias, Carmiña, polas túas palabras. Bicos tamén para ti.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 35 meses
-
Santa ignorancia premiatil....disculpas.
Comentario de Rafel Viñó hace 2 años y 35 meses