OS ESCRITORES GALEGOS NON TEMOS MORRO
Francisco Castro - 18-05-2005 14:26:15 | Categoria: Todos os meus artigos
O escritor José Ángel Mañas ( Historias del Kronen ), dicía hai dous domingos, no suplemento El Semanal, algo que había ben de tempo que quería comentar e que adiei pola semana das letras.A frase en cuestión di: "Cualquiera puede vivir de la literatura si le echa morro".
O interesante da frase é iso de "calquera". Porque, na práctica, implica recoñecer - se a frase é certa - que os escritores galegos somos todos parvos, porque aquí, deste oficio, é ben difícil vivir. Será que non sabemos botarlle morro á vida. E así nos vai. Se "calquera" pode vivir da literatura (non alguén xenial nin marabilloso, non, calquera ), e Nós, os Autores de Aquí, insistimos en facer longuísimas xornadas laborais noutros atafegos menos gratificantes, oito horas ao día entregados á xustificación da nómina, daquela, será que somos parvos, retrasados, pailáns perdidos. Masocas.
Velaí unha evidencia máis da anormalidade do noso país. Nun país lóxico, os músicos viven da súa música (¿alguén máis que Carlos Núñez?), os pintores da súa arte (????), e os escritores, claro, de escribir. Sen embargo, agás Os Dous Famosos (que, ollo, ben que o merecen, ollo, que ninguén me malinterprete, ollo, ollo, ollo ), o resto, quitámoslle horas ao sono, desatendemos á familia, ou sacrificamos as fins de semana e outras xornadas de lecer para dedicarnos a facer literatura e en galego. Excéntricos.
Será que non temos morro. Ou mañas.
Comentarios - Referencias (0)
Referencias
Comentarios
-
Coido que hai moita crítica nesa frase que nos das, e pode que a sí mesmo. Pode que ao suposto intrusismo...non sei. De tódolos xeitos cando o lin a miña oportuna-dislexia fixome interpretar "morbo" e non morro...
Comentario de PAco hace 2 años y 36 meses
-
Unha moi boa crítica chea de ironía...
Moitos bos son os que non poden vivir de calquera especialidade da súa arte. Antes, agora e sempre... será se non o remediamos e hai moito por facer. Gustame o teu espacio. Grazas. BicosComentario de mirada hace 2 años y 36 meses
-
E eu que non dou publicado ou gañado un premio nin chego a parvo, quédome en papán ou papahostias ou babeco.
Comentario de Folerpa hace 2 años y 36 meses
-
Afortunadamente, os escritores galegos non tedes o morro dese Mañas, mais contades con maior talento e dignidade. Éche un consolo.
Comentario de bretemas hace 2 años y 36 meses
-
E parabéns polo premio do Cartafol. Eu son un dos moitos lectores anónimos á que moito lle gustou. Pois iso, beizóns, Francisco.
Comentario de bretemas hace 2 años y 36 meses
-
o "morro" non é cuestión das artes senón dos países que o permiten e aí si que estamos morroglobalizados.
Mellor... non te poñas de morros. O talento vai lento pero chegha e ti has cheghar lonxe, meu.Comentario de carlinhosmagister hace 2 años y 36 meses
-
Grazas a todos polas felicitacións polo Premio Cartafol. Xeración Perdida é un libro que amo moito, por diversos e importantes motivos. Que o libro reciba este apoio, é unha grande satisfacción.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 36 meses
-
Falas de Mañas. ¿Para que perdes o tempo?. Home, Francisco, o importante non son os cartos á hora de escribir, se veñen pois mellor. O que importa é unha boa novela, como Xeración Perdida, coa que me sentín moi identificado, por razóns de afinidade.... É un agasallo. No tocante a que calqueira paifocopode vivir da literatura penso que é acertada, sobre todo no sitema literario español. Aquí, na Galiza, por desgraza aínda non sudece. A verdade: hai ben poucos bos novelistas. E as novelas lights son as que copan o escaparate de La Casa del Libro, como aquela rúa dos espellos deformantes que Valle-Inclán retratou en Luces de Bohemia.
No caso de Brétemas - Don Manuel Bragado-, como editor, creo que parcipa máis do lado económico. Natural. Ai, sen cartiños este mundo é menos mundo.Comentario de Rafael Viñó hace 2 años y 36 meses
-
Moitas gracias polas túas palabras sobre Xeración Perdida. Gústame saber que foron moitos os lectores que se sentiron identificados. Por desgraza, a historia desa xente é practicamente universal. Sen embargo, gústame sempre engadir que nese libro hai, tamén, unha segunda historia, relacionada co sistema literario galego. Unha historia ou unha reflexión. E coido que tan importante como a historia en si.
Comentario de Francisco Castro hace 2 años y 36 meses