Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

¿FERIA DE ABRIL ANDALUZA OU SONS DA TERRA?

A poeta Marta Dacosta asina un interesante artigo na edición desta semana en A Nosa Terra. Di que leva todo o mes preguntándose por que se organiza unha Feira de Abril en Gondomar, e como se come que desde as institucións públicas saian cartos para financiar este tipo de cousas e non para as escolas de gaitas ou para os que traballan pola nosa música tradicional; seica hai cartos para financiar batas de lunares, peinetas, soleares e olés, pero non para gaitas, muiñeiras ou pandeiros; seica bailar sevillanas é subvencionable, pero saber sacar unha copla tradicional galega é deficitario. Cando menos no que ao reparto dos cartos se refire. E isto, coma sempre, lévanos a unha evidente situación de inxustiza, pois hai moreas de grupos e de persoas que deixan moito do seu tempo en recoller cantigas que están a piques de perderse, que sacrifican o seu tempo de lecer ou familiar para coller o coche e achegarse ata a aldea máis esquecida de Galicia para gravar a ese vello ou a esa vella que sabe unha canción que aínda ninguén recolleu e que pode perderse, e non reciben ningunha clase de axuda. Eses grupos, esas persoas existen e esmorecen por falla de apoio.
Un deles ( que vén de nacer, e que case que se "estrea" mañá ) son unhas rapazas de Vigo que se chaman Tanxedoras do Pandeiro. Estarán mañá martes comigo no Café Moderno de Pontevedra, ás 20 horas, na presentación do meu novo libro, Río Leteo, publicado por Espiral Maior. Canda elas, que lle porán música tradicional, cantigas de sempre, aturuxos de sabedoría, música brava nacida da terra, Fernán Vello e Ramón Caride. Estades todos convidados.
O Río Leteo é o río do esquezo. Pero non queremos esquecer. E as Tanxedoras do Pandeiro recuperan os sons da terra, reinvéntanos e conseguen facelos máis poderosos. Cantarán alí para todos.
¿Feira de Abril ou o Son da Terra? A tanxer o pandeiro a Pontevedra.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. e á vista do superpiñeiro e luar, pagadas con cartos públicos, que podemos esperar, diga? un saúdo

    Comentario de kaplan hace 3 años y 36 meses

  2. E Pratos Combinados, e publicidadade na TVG aínda en galego, e os milleiros de festas gastronómicas, e Baltar co seu bombo, e uns con birrete e outros coa boina, e a banda de gaitas escocesas da deputación, e o mausoleo de don Manuel e de Einsmann, e os primos segundos, terceiros e cuartos contratados a dedo, e os chalets de la sierra que agroman nos vales coma cougumelos, e La Coruña de Don Paco, e o legado de Manoel Antonio sen aparecer, e o Instituto Cunqueiro sen crear, etc. etc.
    Así nos vai, agardemos que o día de San Romualdo algo cambie para que todo siga igual.


    Comentario de folerpa hace 3 años y 36 meses

  3. O peor é que aínda pensamos que o noso ( música, festas,etc) son “gallegadas”, e foron moitos anos escoitando o de sol y toros, que é o moderno. Recordo que houbo un tempo que nas discotecas puxéronse de moda as sevillanas, e vías a todos tolos recollendo mazas e botándoas ó chan. Nunca vin iso cunha muiñeira ( excepto con Carlos Nuñez, pero non tanto)

    Comentario de Bartolomeu Lourenço hace 3 años y 36 meses

  4. Nin sequera con Carlos Núñez, a quen, por outra banda, haille que estar ben agradecidos polo labor que fai.
    Creo que a chave está niso que se vén de comentar: que, no fondo, segue existindo o complexo de "gallegada". Sen embargo, coido que xa non abonda coa desculpa de que foron moitos anos aturando que se traballase en contra de Nós. O grave agora é que seguemos a perder falantes, a pesares do ensino en galego, e de que, por exemplo, nos 70 había cantautores en galego e hoxe pásase deles (cando aínda os hai, e algúns ben interesantes )... A responsabilidade, coma sempre, haina que buscar na propia sociedade, que non presume de seu.
    A vindeira semana - como dicían Typ y Coll - falaremos da lingua e da nosa relación con ela. Prometido.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses

  5. A culpa de todo é da viúva de Lennon.

    Comentario de Rafael Viñó hace 3 años y 36 meses

  6. Feria de Abril... sí, anos levo eu preguntando por qué en Vigo ou en Gondomar ou en... Fai pouco -o mes de abril, claro- fun por Samil a ver esa festiña de lunares e demáis, e pasmado me ten o éxito.
    O franquismo fixo moi boa laboura, tan boa que esa cultura de sol, praia, touradas-olé e peinetas acobou non só por ocupar un espacio que non merece -aquí- se non por confundir as xentes -a esquerda non se salva- entre a verdadeira cultura flamenca e "la manzanilla". En fin, paciencia non canses de agardar.

    Comentario de PAco hace 3 años y 36 meses

  7. Coido que Paco explica bastante ben o asunto. E ollo, que fai un interesante matiz: aquí ninguén lle ten noxo ao flamenco, interesante de seu. Non somos tan ignorantes. Outra cousa é, como el di, "la manzanilla"

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses

  8. Falo dende a miña frustración e a miña covardía, pero tamen dende o rancor. A miña imposibilidade de expresarme na nosa lingua, sen fuxir da miña culpa, culpa, culpa, ven de todos eses anos atrás nos que o galego foi considerado a linguaxe da ignorancia, da pobreza. ¡Que ignorantes!, ¡que pobres!, ¡ que valeiro tan enorme nos deixaron!. ¿E agora que?. Agora ninguen me prohibe expresarme como me pete. Pero, pero, toda unha morea de pseudointelectuales cheos de verbas magnificas, raras, e continuamente cambiantes fanme volver a sentir que sou unha inorante, unha pobre, pobriña que non sabe falar correctamente en galego. E volvo sentir o complexo, e volvo tapar a boca e por o capuchon o meu boli. Son unha covarde. Como o 94 porcento restante de galegos que non somos quen de falalo, pese os anuncios da TVG, e de escoitar a Scarlett cun nabo na man xurar que xamais volvera pasar fame. Falta, pra min, e tal vez esa sexa a razón, condescendencia( ahí vay unha de castrapo), e sobra un excesivo purismo.

    Comentario de Rosa Mª Llorente hace 3 años y 36 meses

  9. Certamente creo tan interesante que os meus nenos aprendan muiñeiras, malagueñas ou capoeira. Non sei por que unha alborada ten que ter un valor engadido, sinceramente. Tampouco sei se a xente se rebotaría tanto por un curso de capoeira que por un de sevillanas.

    Citando aos clásicos, segue habendo moita xente "que ten unha disputa".

    Comentario de Cesare hace 3 años y 36 meses

  10. Saber falar galego non implica falalo como os locutores da TVG. Falar galego sabemos case que todos. De feito, hai xente que di -e xa sei que non é o teu caso, Rosa - que non fala galego porque non sabe. Non é certo. Aquí todos falamos un castelán pésimo, cheo de galeguismos, cunha utilización dos verbos absolutamente inaxeitada. O importante é falalo. E, por certo, noraboa polo teu texto, neste meu blog, en galego.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses

  11. No básico estou de acordo. E en ningún intre manteño que non haxa que bailar sevillanas ( ou, xa que estamos, capoeira ). O que di o meu comentario é que coincido con Marta Dacosta cando se pregunta por que se financian esas manifestacións e logo din que non hai cartos para a nosa música.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses

  12. Estou de acordo con todos vós, non debemos deprezar ningunha manifestación artística, valen sevillanas, capoeira, sardana ou muiñeira. Todas elas son manifestacións artísticas, expresións duns povos. Pero aquí tratase de revindicar o noso, está nas nosas mans coidar de que non morra a nosa lingua, é tan sinxelo coma falalo na casa, cós nenos, para que eles o falen. Penso que este é o mellor xeito de garantir a súa pervivencia. Con probabilidade nin o falo nin o escribo correctamente, pero alo menos tento de facelo.

    Comentario de MODESTA REGUEIRA hace 2 años y 36 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.