Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

REGUEIFAS. A POESÍA QUE EU QUERO

En Vigo esta fin de semana hai un Taller de Regueifas para nenos na Biblioteca Central. Ben. Nos últimos tempos semella como que existe un certo interés en recuperar esta poesía oral de tipo popular. De feito, están a celebrarse, cunha certa regularidade, certames promovendo as regueifas e os desafíos. Viva, viva.
Cando lle comento á xente nova a miña paixón por este tipo de literatura, oral, mais literatua, sei que non me entenden. Eles prefiren o hip-hop, ou o rap (tampouco me son desagradables ). Dígolles que, no fondo, é o mesmo, que non hai diferenza entre dous negros do Bronx batendo nun bidón de gasoil baleiro e dúas señoras vacilonas dándolle ás latas de aceite Koipesol. Pero non me entenden. E coidan que estou tolo. Seica é máis moderno ver a un tipo como Eminem poñendo a parir a Bush, que a dous vellos regueifando ou desafiándose e, aproveitando que se poñen a caldo, protestar contra Ence ou contra calquera outra cousa ou isto ou o outro.
Ás veces penso isto: que xenial a literatura a nosa, que nace aló polo medievo e ten claro, desde o primeiro instante, que quere servir, entre outras cousas, para poñer a parir a quen o mereza. Xa sabedes, que todos pasáchedes polo BUP: as cantigas de escarnio e maldizer.
Levámolo dentro.
¿Levámolo?
Xa non. O outro día dicía escribía o poeta e crítico literario Román Raña, nas páxinas do Faro da Cultura, que botaba en falla a existencia, na actualidade, de poetas que se animasen a compoñer versos satíricos. Eu tamén. Gusto da poesía combativa, protestona e politicamente incorrecta. Quizais temos un exceso de poesía "lírica" de máis. E xa non metemos caña. Mágoa enorme. Mágoa mágoa magoante.
Menos ripios e máis regueifas.
Recuperemos o espírito medieval, cando faciamos poesía para amolar aos que había que meterlle.

Referencias

Dirección para referencias

Comentarios

  1. Escoitei dicir un día a Saramago, ese si que protesta na súa literatura que as revolucións non existen xa, que o único que pode revelarse é o individuo.

    Pero non hai que engañar a ninguén, o individuo, ese que non ten nome, anónimo ser; que somos cada un de nós, está moi cómodo na súa vida diaria de alta tecnoloxía, música en discman e futbol a todas horas. Pan e circo dicía César, f´tbol dicía Franco, e o discurso non cambia. ¿Poesía combativa? Eso soa ben pero quen lle pon o axóuxere ao gato?

    Comentario de dasmam hace 3 años y 36 meses

  2. Se queres xente combativa e que dea caña ( e as veces nun ton poético), pasa por algún bar cando xa estean aburridos de falar de fútbol.

    Comentario de Bartolomeu Lourenço hace 3 años y 36 meses

  3. Non só na poesía ou na música ou na arte en xerál, senón en todo. Temos que re-aprender a cuestionar o poder, a re-pensar, a re-recordar que todo é discutible e que nunca se poden dar as cousas por feitas. Falta máis descaro e frescura fronte ás cuestións da vida.

    Comentario de Serafín Latón hace 3 años y 36 meses

  4. certo que o hip-hop non vén destes últimos tempos, e que en Galiza faise dende sempre. o que falta na actualidade é xustamente é a capacidade creadora que en parte nos quitou ese discman e o futbol e caralladas varias.

    por outra banda, o combate existe, pero non na 'cultura' das empresas editoriais. Se cadra, o noso problema é que confiamos demasiado en que o sector editorial nos forneza de todo canto literariamente precisamos, den decatarnos de canto queda fóra das liñas marcadas por este.
    O combate pasatamén por crear unha canle (lietarria) que nos descubra todo canto ate o de agora vén quedando agachado nun caixón.

    Comentario de alberte hace 3 años y 36 meses

  5. XACOBEO

    A cultura do turismo
    O turismo da cultura
    O culturismo

    Comentario de folerpa hace 3 años y 36 meses

  6. Poetas hay tan redichos
    que no hay quien leerlos pueda
    y encima son malos bichos
    y tienen cara de rueda.

    Por no decir de otras cosas
    más feas y altisonantes.
    Bien estarían en fosas
    nasales los muy pedantes.

    Que ninguén se dea por aludido.

    Comentario de Rafael Viñó hace 3 años y 36 meses

  7. O axóuxere ao gato xa non hai quen llo poña. Pero, como ben lembras que dixo Saramago, agora o individuo ten a obriga de salvarse a si propio. Daquela, o gato é o individuo, e poñerse o axóuxere consistirá en negarse a ser alienado. Nese senso, o creador, semella case que obrigado a levalo posto todo o tempo e, se pode, contaxiar ao resto. ¿Non vos parece?

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses

  8. ¿Que é “negarse a ser alienado”? Hoxe en día todo esta previsto polo “sistema”, e os que se rebelan contra del son unha parte mais. Eu sinto o axóuxere tódolos días no meu peito, dicíndome que algo non esta ben e que son eu quen ten que cambialo, pero non cunha gran revolución, senón con pequenas revolucións diarias ( cando vou mercar, cando vexo a televisión, etc)

    Comentario de Bartolomeu Lourenço hace 3 años y 36 meses

  9. Pois iso,precisamente isto é negarse: ser coherentes co que un di e predica a diario, educar con lóxica aos fillos.Todo iso.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses

  10. Iso escomenzando polos fillos e por todos eses pais que nos parques babexan con obscenidade ante o balbordo de Hilfigers, Nikes, Burberrys e demais marcas que os nenos locen sobre os seus corpos miudos, 300 ou 400 ou 500 € en roupa para lixalos nos bambans.
    ISO É ALIENACIÓN compañeiro, e eu négome a iso.

    Comentario de Folerpa hace 3 años y 36 meses

  11. Iso é Alienación, e da peorciña. A rapazada xa non sabe nin por que nos cabreamos cando criticamos o seu consumismo. É xa a súa segunda pel.

    Comentario de Francisco Castro hace 3 años y 36 meses


Recordar datos


A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.