Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

Blog do escritor Francisco Castro

ESTE NÁUFRAGO MUDA DE ILLA

Queridos todos.
Pecho este blog.
A partires de agora estou aquí.
Xa sabedes: a poñerme en Favoritos.
Bicos náufragos.

ALTA COMEDIA

Xabier López López finalista do Torrente Ballester


Onte fallouse o Premio de Narrativa Torrente Ballester. Como sabedes, gañou José María Merino.
E como tamén sabedes, hai unha boa nova. O betanceiro Xabier López López resultou finalista cunha obra titulada Alta Comedia.
Aledeime moito ao escoitar o seu nome pois Xabier é un dos mellores narradores, para min, da nosa literatura. Polo de hoxe, lin toda a súa producción e, como a el mesmo lle confesei, e agora repito aquí publicamente, a súa novela Doutor Deus, paréceme do mellor da nosa narrativa contemporánea.
Unha novela insuperable.
Estou certo de que esta outra, estará á altura.

SEGUNDA EDICIÓN PARA UN BOSQUE CHEO DE FAIAS


Veño de recibir a nova de que o meu libro Un Bosque Cheo de Faias esgotou a primeira edición e, xa que logo, nesta semana tírase a segunda.
É a primeira vez que sucede isto cun libro meu.
Como podedes maxinar, estou moi contento.
Que teña esa aceptación e saber que chegou xa a tantísimos lectores, tanto en Galicia como na súa versión en castelán, éncheme de enerxía para seguir escribindo.
E, sobre todo, éncheme de responsabilidade.
Por desgraza, o tema do libro é tristemente actual.

CONFERENCIA ERÓTICA

O vindeiro xoves, ás oito do serán e convidado pola Sociedade Galega de Sexoloxía, pronunciarei, na Casa Galega da Cultura de Vigo, unha conferencia baixo do título: A Literatura Erótica na Literatura Galega.
Ademais dunha conferencia, será un recital poético no que, contra o final, recitarei catro poemas eróticos dun meu libro inédito.
A miña charla terá cinco momentos ( case que escribo actos ).
En primeiro lugar explicarei que debemos entender por literatura erótica.
Despois falaremos da literatura erótica galega xa presente no mundo medieval e nos relatos de tradición oral.
En terceiro lugar, analizaremos o caso da narrativa, en especial desde os anos oitenta.
Acto seguido centrareime no caso do erotismo na poesía galega. Aquí recitarei cousas de Celso Emilio Ferreiro, Luísa Castro, Yolanda Castaño e Ramón Caride Ogando. Poderían ser outros nomes. Algúns máis. Pero recitarei a eses poetas.
Para a fin, deixo catro poemas inéditos meus, dun libro de poemas eróticos que, polo de agora, durmen nunha gaveta.
Espero vervos e que sexa un pracer.

UN HORARIO EXTRAVAGANTE

¡QUE MUDE A HORA DE EMISIÓN DE LIBRO ABERTO XA!¡QUE MUDE A HORA DE EMISIÓN DE LIBRO ABERTO XA!¡QUE MUDE A HORA DE EMISIÓN DE LIBRO ABERTO XA!¡QUE MUDE A HORA DE EMISIÓN DE LIBRO ABERTO XA!

A Galega informa, e con orgullo, de que na emisión do programa Libro Aberto da semana pasada, cando falaron do meu Spam, houbo 32.000 persoas diante da televisión ¡á 1.40 da madrugada!.
Incluso chega máis lonxe e fachendea dicindo que o programa de libros de Televisión Española, Extravagario, só ten uns 1000 espectadores, é dicir, un 0.6 de share diante do 12.9 do programa galego.
Agora, teñamos presente que Extravagario emítese sobre as 23.30, é dicir, nun horario máis ou menos razoable.
Daquela, ¿alguén pode explicarme, o por que dese horario extravagante do programa galego?
Se un día absolutamente miserable para ver a tele ( entre semana ) a unha hora absolutamente desgrazada ( de madrugada ), aínda así, ¡¡¡aínda así!!! o programa Libro Aberto é o máis visto de entre todos os que hai de literatura en España, alguén pode explicarme, digo, por que non se emite nunha hora razoable?.
Libro Aberto ten todo en contra. Día e hora de emisión. E consegue uns resultados que para si quixeran outros espazos. Daquela, a posible e reiterada argumentación de que hai que relegar a eses horarios noctámbulos os programas minoritarios e os que non interesan ao público, cáese, porque nin é minoritario e si, queridos e queridas, si que interesa.
Vexo os datos de audiencia e alédome porque o programa ben o merece
Acto seguido, deprímome. Porque a audiencia non o merece.
¿A que esperan para cambialo?
( E, por certo, este é o meu artigo 300 neste blog )

HOMENAXE A LORCA


Convidado polo Pen Clube de Galicia e o Foro Pola Memoria Repulicana de Galicia, 65 escritores enviamos poemas para o libro Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte, xa nas librerías.
O libro, como o seu nome indica, é unha homenaxe a Lorca co gallo dos 70 anos da súa visita a Galicia. Case que todos gravitan arredor do seu asasinato.
Eu, pola miña banda, escribín a letra dun vals.

UN RELATO DE FÚTBOL ( OUTRA IDEA PARA OS EDITORES GALEGOS )


Onte, na revista do Celta, fun o escritor invitado.
De seguido, reproduzo o contiño que botei alí.
E aproveito, de paso, para convidar aos editores galegos a que se animen, como xa hai noutros idiomas, a publicar un libro de contos sobre fútbol. Eu téñoos lido marabillosos. En castelán. E, que eu saiba, na nosa lingua aínda non hai.
Velaquí a historia ( rigurosamente certa )

Cando era neno militei no Bache, un equipo que xogaba contra nenos doutros barrios, en Teis. Na memoria gardo algúns goles. Un remate de cabeza á saída dun córner. Outro desde case que o medio do campo. O noso terreo de xogo tiña buracos por todas partes. De aí o seu nome. Os domingos, meus pais levábanme á grada de Río (falo da vella grada de Río, a do antes do Mundial ), e ao ver aquel céspede tan verde e tan como de alfombra e tan como de verdade, sentía vergonza do meu campo do Bache e pensaba: que se sentirá pisando esa herba. Tiven que esperar a ser pai, e a ter un fillo futboleiro, para volver a Balaídos. Foi ao inicio da presente temporada, contra o Barça. Din que temos unha memoria sentimental. Debe de ser certo porque nada máis subir as escaleiras da nova grada de Río e meus ollos descubrir o céspede, tan verde e tan como de alfombra e tan como de verdade, dúas bagullas gordas coma aqueles balóns de coiro cos que eu xogaba no Bache, nacéronme nos ollos. Esa noite soñei que era neno outra vez e que tiñamos un partido os do Bache. Pero era en Balaídos. E marquei un gol de cabeza á saída dun córner e outro desde o medio do campo. Despois, emocionado, tireime a celebralo pola herba para adiante. No instante preciso no que caín nun bache, espertei.

ROBIN HOOD SEGUE CENSURADO

Cúmprense estes días 55 anos do inicio dun dos máis tristeiros episodios da cultura occidental. Refírome á Caza de Bruxas feita nos Estados Unidos contra, en teoría, o comunismo, na práctica, contra todo aquel que se lle dese por pensar.
Interesa lembrar isto porque, a día de hoxe, hai escritores moi vetados nese país. Por exemplo Noam Chomsky, de quen é difícil atopar librerías que se atrevan a poñer un texto seu no escaparate.
Daquela, lembremos que os “patriotas” que cometeron aquela aldraxe, chegaron a censurar uns 30.000 libros. Si. Lestes ben.
Un deles, era Robin Hood. Xa sabedes: aquel que lle roubaba os ricos para darllo aos pobres.
Que estupidez.
Igual que cando nos días posteriores ao das Torres Xemelgas, as radios non emitían “Imagine”. Xa sabedes: aquela canción que falaba de non ás guerras e viva a harmonía universal.

SPAM EN "LIBRO ABERTO"


Son un completo privilexiado.
Hoxe, o programa da TVG, Libro Aberto, emite unha entrevista comigo arredor da miña novela Spam, ¡ás 12.25 da noite!
Daquela, vista a hora de emisión deste programa noutras semanas (preto das dúas da madrugada ), pois iso, que son un privilexiado.
Críticas a parte, coido que vos gustará a entrevista que me fixo Manolo Romón. Falamos, por suposto, da novela. Pero tamén dos mundos que retrata o meu libro: o cada vez máis tristeiro mundo laboral, a realidade virtual, o supercontrolados que estamos... todo iso.
Polo medio, comentamos unhas frases de Eduardo Galeano.
Xa me contaredes.

¿PRESTIXIO OU RAREZA?


Na sección Volver Ao Rego de A Nosa Terra desta semana, dáse unha frase que, sendo certa, é ben tristeira:
Ler libros era sinónimo de prestixio, agora de rareza.
E levan razón.
Agora o raro é ese neno que prefire ler a aillarse cun MP3, que prefire ler unha boa historia de piratas que disfrutar da mesma nun video-xogo.
Antes, quen citaba a autores gañaba en prestixio diante do seu grupo de iguais. Agora, calquera rapaz que nunha conversa con outros da súa idade cite a un que non sexa, como moito, Rowling ou Pérez Reverte (ou, se me apuran, a Harry ou Alatriste ), senón a outros, será considerado, moi probablemente, un friki.

20 %

O futuro da literatura e da lectura e dos libros está complicado cando as enquisas máis recentes indican que o 20 por cento dos rapaz@s que rematan a ESO non alcanzan un nivel mínimo en lectura.
Ou sexa: que vinte de cada cen non saben ler.
Ou que len pero que non entenden.
Para que logo digan que o analfabetismo está erradicado en España.

( E podes seguir - despois de comentar este post - participando no noso Xogo Literario. Vai de marabilla. Só tes que ler un chisquiño máis abaixo, onde di, ¿Xogamos? Aí explícase todo )

¿XOGAMOS?

Un experimento literario

Leo que un artista vén de inaugurar unha exposición na que non hai nada.
Nada de nada.
Baleiro absoluto.
Seica a idea é que os espectadores ( ¿de que? ) enchan as salas coas súas sensacións, lembrando o que sentiron noutras ocasións.
Vale.
Propóñovos un xogo.
Debaixo deste post hai outro titulado Nada.
En efecto, non ten nada.
Agora, se queres, no apartado de Comentarios, escribes ti.
¿De que?
De todo.
De nada.
Ti saberás.
Porque a nós, náufragos, a vangardistas, non nos gaña ninguén.

NADA

ÉNCHEO ÉNCHEO ÉNCHEO ÉNCHEO ÉNCHEO ÉNCHEO ÉNCHEO ÉNCHEO

UNHA FRASE DE COELHO QUE ME GUSTA


Sempre que trouxen aquí a Paulo Coelho foi para criticalo moito.
Non me vai iso de ir soltando sentencias en plan Frases Célebres que te Axudan a Vivir Mellor.
Mais hoxe podo anunciar que estou feliz da vida porque atopei unha que suscribo, asino e rubrico.
Nunha entrevista promocional relacionada co lanzamento de La Bruja de Portobello, o seu novo libro, cuestionado sobre se o futuro de Internet pasa pola literatura, responde: "Nada en el mundo sustituye un libro físico".
Velaí unha sentencia coelhiana que podo facer miña.

BORGES EN SALSA ROSA

¿Temos dereito a desvelar aspectos da vida privada dos escritores ou só debe importar a súa obra?


A viuva de Borges, María Kodama, está moi amolada pola publicación dun libro póstumo de Bioy Casares no que este dá conta de asuntos íntimos recollidos en conversas privadas. Como era de esperar, o que máis lle amola é o que conta de que Borges vivía amedrentado diante da posibilidade de molestala, e que María Kodama castigábao con silenzos prolongados que, ao parecer, destrozaban o ánimo do escritor.
Independentemente de que a historia sexa certa ou non, son dos que pensa que non importa. De Borges deben interesarnos os seus relatos e os seus poemas e as súas conferencias.
O resto, é Salsa Rosa.

A CANCIÓN DO NÁUFRAGO © Todos os dereitos reservados ao autor
Sindica este sitio usando: RSS 1.0, RSS 2.0, Atom.
Esta bitácora mantense con Bitacoræ.
LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009